Ditas actuacións supoñen unha ameaza para a conservación dos hábitats naturais e das especies que motivaron a inclusión deste espazo natural na Rede Natura 2000.
O proxecto, ademáis, non se someteu a unha Avaliación de Impacto Ambiental.
Montes de San Xurxo - Ferrol - Galiza
A asociación ecoloxista Verdegaia e a Sociedade Galega de Historia Natural veñen de dirixirse ás Consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural para solicitar a paralización dos traballos silvícolas que se están levando a cabo no Monte de San Xurxo (Concello de Ferrol), integrado no L.I.C “Costa Ártabra” e na Z.E.P.A. “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, ao afectaren a unha serie de hábitats naturais e de especies amparados pola Directiva 92/43/CEE do 21 de maio, de Conservación dos Hábitats Naturais e da Flora e Fauna Silvestres e pola Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que motivaron a inclusión deste monte costeiro na Rede Natura 2000.
Nas aproximadamente 300 hectáreas que están resultando afectadas polos traballos de desbroce e de reforestación, aséntanse comunidades vexetais e faunísticas que constituen hábitats naturais que a Unión Europea considera de interese comunitario, nomeadamente: 2130 Dunas fixas con vexetación herbácea (considerado hábitat prioritario); 2230 Dunas con céspedes de Malcolmietalia ou 4020 Queirugais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix (considerado hábitat prioritario); este último o máis afectado.
A intensidade e extensión dos desbroces que na actualidade se están levando a cabo no Monte de San Xurxo distan considerabelmente das labouras que tradicionalmente se víñan desenvolvendo até ben pouco, relacionadas con actividades agropecuarias, en equilibrio sempre coas especies vinculadas á matogueira. As novas actuacións que se están a desenvolver están a producir graves alteracións nos hábitats naturais existentes ao eliminar de xeito sistemático grande parte do mato presente, dificultando a adaptación da fauna asociada á nova situación ao tempo de ficar desprovista dos seus lugares de acubillo; sendo deste xeito máis vulnerabeis aos seus depredadores. Por outra banda, preténdense sustituir estes hábitats de matogueira por monocultivos de piñeiros (especie exótica na Galiza), dado que nas zonas desbrozadas contémplanse novas repoboacións, dacordo coa información facilitada polo responsabel do Distrito Forestal de Ferrol.
O artigo 29. 1 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de Conservación da Natureza establece que “O aproveitamento e uso dos bens e recursos incluidos no ámbito dun espazo natural protexido realizaranse de maneira que resulten compatibeis coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración, …”. Asimesmo, o apartado 2 do artigo 6 da Directiva Directiva 92/43/CEE, establece que "Os Estados membros adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas especiais de conservación, o deterioro dos hábitats naturales e dos hábitats de especies, así como as alteracions que repercutan nas especies que motivasen a designación das zonas (...)". O artigo 5 da Lei 42/2007, do 13 de decembro dispón ademáis que "Todos os poderes públicos, nos seus respectivos ámbitos competenciais velarán pola conservación e a utilización racional do patrimonio natural (...) con independencia da sua titularidade ou réxime xurídico, tendo en conta especialmente os hábitats ameazados e as especies silvestres en réxime de proteción especial". Polo tanto, a prioridade neste caso debe ser a salvagarda dos hábitats naturais e das especies obxecto de protección.
Ademáis, considerando que a sustitución da matogueira por monocultivos de piñeiros conleva un cambio no uso do solo, o proxecto de desbroce e de repoboación para o Monte de San Xurxo debe someterse previamente a unha Avaliación de Impacto Ambiental de acordo co artigo 3 do R.D. 1/2008, do 11 de xaneiro: “1. Os proxectos públicos e privados consistentes na realizción de obras, instalación ou calquera actividade comprendida no anexo I deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta Lei”. O apartado a) do grupo 9 do debandito Anexo I especifica: “Transformacións de uso do solo que impliquen a eliminación da cuberta vexetal arbustiva, cando ditas transformacións afecten a superficies superiores a 100 Has”, lembrando que no Monte San Xurxo estase a desbrozar arredor de 300 hectareas.
Pese a que as devanditas actuacións silvícolas ameazan a conservación dos hábitats naturais e das especies obxecto de protección, vulnerando a legalidade, o devandito proxecto conta co beneplácito das Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente.
Enviado por:
FERROL
-ferrol@sghn.org-
19 de novembro de 2010 18:33
_______________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon