xoves, febreiro 24, 2011

“Acordo Social e Económico”, ruína da clase traballadora - Interesante vídeo-reportaxe publicado polo Fesga


Fixemos algo en materia de pensións que seguramente ninguén dos que estamos aquí imaxinaba que poderiamos facer”, declaraba o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, durante a escenificación do enésimo pacto social entre goberno, patronal e sindicatos estatais.

O “Acordo Social e Económico” ten como principal obxectivo o trasvase de rendas derivadas do traballo cara o capital privado a través dunha serie de medidas que reducen a cuantía das pensións, aumentan a idade de xubilación de 65 a 67 anos e ampliación do período de cálculo de 15 a 25, entre outras. Para Antolín Alcántara, secretario de negociación colectiva da CIG e un dos entrevistados nesta video-reportaxe, este acordo pretende “desmobilizar e desmotivar a clase traballadora”, ademáis de verificar o papel de CCOO e UGT como axentes colaboradores do sistema e lexitimadores dos recortes sociais e laborais.

Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, denuncia o entreguismo dos sindicatos estatais, que até hai pouco mantiñan unha posición contraria ao aumento da idade de xubilación, así como a intención de dinamitar os mecanismos actuais da negociación colectiva para tentaren reducir a capacidade de manobra e illar acción de centrais sindicais de clase como a CIG.

En resumo, o acordo non recolle medida algunha que axude a paliar as consecuencias da crise, se non que repite o esquema de todas as decisións que está a tomar o goberno español en beneficio do gran capital e transferindo os custos da mesma a unha clase traballadora cada vez máis empobrecida.

Para Suso Seixo non só é necesario o loitarmos contra estas medidas, se non que “debemos superar o capitalismo e substituílo por un outro modelo económico e social que defenda á clase traballadora”, situando como unha necesidade histórica “a construción do Socialismo”.

23.02.2011

Fonte: fesga.org



Enviado por:
Damch GZ
-damchgz@gmail.com-
23 de fevereiro de 2011 16:33
________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon