A Unión Local, que ten convocada unha mobilización lúdico-reivindicativa este xoves, advirte da falta de medidas efectivas para a recuperación económica
Os voceiros da Unión Comarcal da CIG de Ferrol compareceron este martes en rolda de prensa para avaliar a crítica situación económica que atravesa a comarca, que ocasionou que o número de usuarios/as da cociña económica se duplicase no último ano, e demandar políticas efectivas para frear a brutal caída do emprego, así como anunciar a mobilización lúdico-reivindicativa que a central sindical ten previsto realizar o xoves 17 de febreiro, no marco dunha xornada de mobilizacións da CIG en varias comarcas.
Os voceiros da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos e Manuel Grandal, advertiron, unha vez máis, da difícil situación laboral e social que está a padecer a comarca de Ferrol, e que, de non pórlle remedio inmediato, “só nos deixará como saída a emigración”. Así o aseveraban durante a comparecencia para os medios que os dous voceiros realizaron esta mañá para anunciar a asemblea de delegad@s e a mobilización que a Unión Local vai realizar este próximo xoves en demanda de políticas efectivas para a recuperación da comarca e contra das reformas que o goberno español está a tramitar, nomeadamente a das pensións.
Dende a Unión Local da CIG subliñouse o preocupante incremento de usuarios e usuarias que se está a rexistrar na cociña económica e nos servizos asistenciais achegados por Caritas, que se duplicaron no último ano. Ademais, explicaron, segundo os datos achegados por Caritas o 60% das axudas que ofrecen van destinadas ao pago de vivenda, xa que moitas familias non poden facer fronte a este gasto.
A situación, engadía Pintos, verase agravada co remate este mesmo martes da axuda dos 426 euros para os parados e paradas que esgotaron todas as prestacións. Segundo os datos recollidos pola CIG de Ferrol a partir de agora unhas 800 persoas deixarán de percibir o PRODI, carecendo de calquera tipo de ingreso e cunha perspectiva de atopar traballo bastante cativa.
Neste senso, Grandal advertiu que o próximo xoves procederase a botadura dun dos "megabuques" que se constrúen en Navantia para a mariña australiana, mais unha vez rematados estes encargos o vindeiro ano “quedamos sen carga de traballo para os estaleiros”. Ao difícil futuro do naval hai que engadir o peche de empresas, as continuas regulacións de emprego, os atrasos nos pagamentos ou a entrada en concurso de acredores de múltiples compañías.
Para exemplificar a magnitude da crise socioeconómica, os voceiros da CIG lembraron que dende a reconversión naval a comarca de Ferrol vén acumulando un paro estrutural de preto de 12.000 traballadores/as, e neste momento as cifras de desemprego acadan as 18.000 persoas.
Tampouco faltaron as críticas a CCOO e UGT, aos que acusaron de darse por satisfeitos cos anuncios de cursos de formación, cando están sen cumprir os principais acordos acadados no marco do chamado Plan Ferrol. Así mesmo, censuraron o papel desmobilizador e a “desinformación” que poñen en práctica para xustificar a sinatura do acordo económico e social coa patronal e o goberno español.
Pasarrúas e entrega de alimentos na cociña económica
Na comparecencia, Grandal e Pintos informaron que a CIG de Ferrol ten convocada unha asemblea de delegados e delegadas o vindeiro xoves 17 de febreiro, no marco dunha xornada de mobilizacións da central en contra da reformas do goberno, para avaliar a situación da comarca, valorar a xornada de folga xeral do pasado 27 de xaneiro, as consecuencias dos acordos alcanzados no marco do pacto social e trasladar a importancia de concienciar a toda a clase obreira da necesidade de loitar e mobilizarse na defensa dos nosos dereitos.
Tras da asemblea, ás 11:30 horas, os delegados e delegadas iniciarán un pasarrúas acompañados de música e ataviados cunha maleta de viaxe, a través da que pretenden simbolizar que a única saída que queda aos traballadores/as da comarca é a emigración. A marcha irá até o edificio da Xunta, onde se rexistrará un escrito dirixido ao Presidente do Goberno Galego recriminándolle a falta de cumprimento dos compromisos en materia social e laboral. Dende alí continuarán até o Concello, onde se entregará outro escrito, mais esta vez dirixido ao presidente do goberno español.
De seguido, a marcha de delegados e delegadas trasladarase até a cociña económica para facer entrega dun lote de alimentos e finalmente, a mobilización rematará cunha concentración diante da entrada principal de Navantia. Alí, un fill@ dun traballador ou traballadora dunha empresa auxiliar dará lectura dun manifesto “contra as políticas que condenan á poboación da comarca á emigración”.
Fonte: Avantar
Fonte da Foto: Suso Pazos - Susete'70
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon