martes, febreiro 01, 2011

Esperanza, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
01.02.2011


Quero enviar a miña mensaxe de ilusión dun Ferrol mellor, que moitos non chegaremos a ver, pero que a min paréceme imparable.

Aos que daban por perdida a fraga de Menáncaro, aos que contaban que non había solución para “a palangana” de Sartaña, aos que xa daban por feitos os edificios da Praza de España, aos que dicían que non se podería tirar a muralla, aos que profetizaron que as “Casas Baratas” non chegarían ó ano 2000, e a todos aqueles que por esas e outras razóns caeron no desánimo, quero recordarlles que, aínda que eses e outros temas non estean totalmente rematados, a realidade actual é ben distinta, grazas á loita das persoas que se enfrontaron á ilegalidade e á inxustiza.

Non sempre se gañan as batallas contra a especulación e os intereses bastardos daqueles que buscan ante todo o seu propio beneficio; mais cando a xente de ben esperta e se une para loitar por uns intereses comúns, a vitoria está asegurada. O difícil é facer espertar á xente. Para iso fan falta persoas honradas, mulleres e homes, capaces de organizar, dirixir e canalizar as protestas e as xestións.

Líderes que non se sintan atados polos intereses dos partidos políticos, que saiban dicir non no momento oportuno e que poñan por diante os intereses do pobo. Xa se sabe: “o pobo unido…”. Unidos, poderemos incluso botar a Reganosa fora da ría. Eu teño esa esperanza. Si.

Artigo publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol" o 31.01.2011

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
________________

1 comentarios so far

Grazas Amadeo

Un outro Ferrol é Posíbel !

Unha outra Galiza é Posíbel !!

Un outro mundo é Posíbel e necesario !!!

Comunidade Menáncaro


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon