xoves, febreiro 10, 2011

ONDE ESTAMOS ?, ... por Rafael Pillado

ONDE ESTAMOS?

Por Rafael Pillado Lista [*]
10.02.2011

Fai só uns días asinábase un acordo entre Goberno, empresarios e sindicatos. Un pacto que algúns asemellaban falsamente aos Pactos da Moncloa, establecidos para estabilizar a Transición democrática.

Nesta ocasión o obxectivo era a reforma das pensións, tras anunciar o Goberno unhas modificacións na idade de xubilación para conseguir o cento por cento da pensión, e o tempo de cómputo para calcular a súa contía. O resultado final dese acordo é a ampliación da idade de xubilación, aínda que matizada, e o período de quince a vinte e cinco anos para facer o cálculo da pensión, a máis diso outros flocos. Pero por que e para que se reforman as pensións públicas? Cabería pensar en certos axustes que mellorasen o sistema e as contías, ante a crise económica que padecemos. Pero non. A reforma é a escusa para rebaixalas.

E cales son os argumentos esgrimidos para o axuste? Os grupos financeiros e agora o goberno, basean esa proposta en aspectos diversos: 1.- Que pola evolución demográfica, haberá menos cotizantes que xubilados. 2.- Que se alarga a esperanza de vida. 3.- Outros argumentos semellantes. En definitiva, din que para garantir o sistema de pensións públicas.

Está demostrado que non están en cuestión as nosas pensións. Ademais de existir un amplo fondo de reserva, pretenden descoñecer que a produtividade tamén aumenta ao longo dos anos, que os orzamentos poden cubrir certos desequilibrios, etc. Por que é posible utilizar os recursos públicos para socorrer á banca e non para axudar ao fondo de pensións, se fose necesario?

Dicía Caldera, o exministro, que en 2014 o fondo de pensións tería déficit. É o que veñen dicindo os servidores do capitalismo salvaxe, e a realidade desmentiulles. Xa nolo anunciaba fai anos Piñera, o dereitista presidente de Chile, cando, desde o goberno de Pinochet, veu a España para mostrarnos as "bondades" das pensións privadas.

Pero todos sabemos que é unha esixencia dos grupos financeiros, "os mercados", a gran banca, coa complicidade de institucións europeas e gobernos. Porque o obxectivo é impulsar os fondos privados de pensións. Levar a parte do león á nosa costa.

Ao parecer, os responsables da crise non se conforman cos beneficios actuais, necesitan máis. Véxase: Botín anuncia que o Banco de Santander tivo en 2010, 8.181 millóns de euros de beneficio, 22,4 millóns ao día. E ameázanos con que comprará Caixas de Aforros. E a gran banca publicita que en 2010 gañou 15.300 millóns de euros. ¡Un escándalo!, mentres se esixe á maioría social apertarse o cinto.

Entre tanto, a señora Merkel visítanos para forzar ese proceso. Esixe unha redución salarial. E nesa liña preténdese a reforma laboral, o copago sanitario, a privatizacións de Aena e parte de Loterías, etc. E institucións que debían estar ao servizo da nosa sociedade, súmanse á campaña. É o caso do Banco de "España?", que defende o mesmo que a tal Merkel.

Estamos asistindo a unha campaña ideolóxica continuada dos medios de comunicación, de empresarios e políticos conservadores, destinada a convencernos de que somos responsables da crise e que temos que sacrificarnos. O que buscan é desmovilizarnos, cando o seu obxectivo é ir desmontando o modelo europeo de "Estado de Benestar". E pretenden facelo coa nosa complicidade e silencio.

Os sindicatos, en situación complicada, optaron por ceder terreo. Pero se non se rearman para facer fronte a esta ofensiva, que se anuncia longa no tempo e no espazo, poida que asistamos a un proceso de deterioración das condicións sociais e políticas. Esperemos que reaccionen.

Polo menos, Cándido Méndez di que "nós non tachamos de éxito o pacto social". E, "non podo falar con satisfacción do acordo, senón de responsabilidade". A opción está clara. Optouse polo mal menor. E se as cousas seguisen así, poderiamos atoparnos con que a base de reformas "para garantir o sistema", acabásemos sen sistema. É un risco real.

En tanto os sectores financeiros, agreden á maioría da sociedade coas súas políticas, os sindicatos terán que arremangarse para defender os nosos dereitos. E nós, debésemos contribuír ao seu éxito, reforzando a militancia sindical e política. Esta é a situación na que estamos, que nos esixe reaccionar e pronto para defender os nosos dereitos, e ata as liberdades.

[*] Rafael Pillado Lista, é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán

Publicado en Diario de Ferrol

Enviado por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
10 de fevereiro de 2011 12:14

_______________

8 comentarios

Estimado Rafael, lamento nom estar de acordo com a última parte do teu escrito.

O Sindicalismo de Classe, representado polos sindicatos UGT e CCOO, está em perigo. Por mor das decisions das cúpulas dirigentes. Continuarei noutro comentário, noutro momento.

Estimado Rafael, de novo estou por aqui, para pontualizar as minhas discrepáncias co teu escrito.

Imagino que os três últimos parágrafos devérom ser os que mais che custou escrever, pois a análise da realidade mais evidente, desdí as tuas palavras de esperança num rearme sindical, mas sem umha transformaçom das estruturas dirigentes das centrais maioritárias no ámbito estatal, tal rearme torna-se impossível. As votaçons nos diferentes conselhos confederais, confirmam um apoio ás tesses principais, maior do 90%. Imagino que o apoio a estas tesses será por diferentes motivos dependendo das "famílias" sindicais, mais fôrom os socialiberais os que se impusérom, ainda sem ser a maioria, cousa moi preocupante. A falta de determinaçom e a desconfiança na Classe Obreira, levao-os a claudicar, pois som conscientes de que nom estamos ante umha situaçom de crise coxuntural, polo tanto a loita vai moito mais aló do inmediato, estám em jogo importantes interesses de Classe. Seguindo com a mesma terminologia que utilizas em "... optarom por ceder terreio", nom creio que seja simplesmente ceder terreio o que fixérom UGT e CCOO, senom que a definiçom mais adequada seria "colaborárom co inimigo", ... nom vou transcrever todas as maldades que coleva o Pacto, de sobras conhecidas. Mas nom só polo contido senom o que supom de desmoralizaçom e demobilizaçom. Nom foi um exercicio de responsabilidade e de prudéncia, como nos querem vender, senom todo o contrário. Foi um exercício de falta de determinaçom, desconfiança nos que dim representar e de renuncia aos dereitos e conquistas.

Estimado Rafael, volto co assunto pendente, neste terceiro post de resposta ao teu escrito "Onde estamos ?". Entendo que ao escrever este escrito em castelám, quer dizer que está em clave estatal, no sentido de que está pendente a convocatória do 19 de Fevereiro, em Madrid, e que é necessário posicionar-se, dado que moitos dos assinantes primeiros do "Chamamento à constituiçom de Mesas de Convergência para a Acçom" estám saindo aos médios convencionais e nom convencionais, avaliando a actitude de CCOO e UGT e as suas consequências e as posicions que estou a atopar estám bastante enfrentadas. Polo que imagino que este escrito circulará pola rede chegando aos correios de moi diversas pessoas implicadas no chamamento. Mas em clave local torna-se negativo, mas nom deixa de de ser umha visom coa que nom imos coincidir. Pois se do que se trata é de criar pontes a nível local para unir a esquerda social e política, na loita contra as políticas da direita, contra o neoliberalismo, ... na defensa da natureza e do médio ambiente, ... combater a corrupçom ... rejeitar as agressions do conservadorismo reacionário, potenciar e exercer a solidariedade de classe e internacionalista, ... promover, defender e aplicar ideias força progressistas, ... criar um estado de opiniom para a transformaçom social, ... e todo isto e mais sem sectarismos excluintes, mais bem todo o contrário num movimento inclusivo, penso que este nom é o melhor caminho. Continuo ... mais tarde

Estimado Rafael, este é o quarto comentário que escrevo ... Nom coincido co que pôs de que a ofensiva "que se anuncia longa no tempo e no espazo,... ". Mais bem sucede todo o contrário, penso que fôrom mais de duas décadas, longas, duras e globais de agressions do capital transnacional e financeiro, contra a Classe Trabalhadora, intentando e quase conseguindo imponher os seus objectivos, para essas mais de duas décadas. Em 1990 escrevia eu sobre isto numha ponência alternativa para o IV Congresso da INTG -o que agora e a CIG- celebrado na localidade de Poio em Maio de 1990 na que analisava este processo, polo que nom é nada novo. O que está passando agora é umha aceleraçom do processo, mas umha aceleraçom à velocidade do som, todo esta-se desenvolvendo moi rapido e as medidas exigidas polos chamados "mercados" estam-se tomando, polos governos, sem demoras. só hai que ver too o que sucedeu nestes últimos nove meses. Polo que a ofensiva nom vai ser longa, senóm todo o contrário esta sendo a velocidade supersónica. Aguardam-nos tempos escuros e dificeis, mais nom por isso está todo perdido.

... Continuo mais adiante

Tés que desculpar, mas Cándido Méndez já nom tem negumha credibilidade, ao igual que Toxo. Frente a essa frase de dúvida e esperança que apontas, hai mil em defensa do Pacto e as suas excelências, nom falemos do que significa o feito de onde dixérom "digo" agora dim "Diego". Nom podem mentir tam descaradamente. Está claro que sabem que contam com a imensa maioria dos médios de comunicaçom para fazer quadrar os seus argumentos e repetir mil e umha vez que era inevitável, inescusável e ineludível, todo um execício de responsabilidade, ... Mais confusiom nom ! As evidencias sobram. Temos que dar-nos conta de que estamos na sociedade da informatizaçom e agora qualquer pessoa tem acceso as hemerotecas em qüestions de segundos, polo que é mais difícil manipular ao quem tem vontade de nom ser manipulado. E eles nom nos vam enganar mais.

Dizia antes de que nom está todo perdido, só faltaria, na Galiza hai umha central sindical (com mais do 20% de representaçom), com todos os defeitos do mundo, mas que polo de agora tem vontade maioritária de loitar para transformar. Assim como outras centrais pequenas que nunca devemos despreciar: CUT e COG. E outras que também actuam a nível de Estado CGT e CNT. No País Basco está a maioria sindical com mais do 70% de representaçom. Outras centrais movem-se em Catalunya e Canarias. Em Portugal está a Intersindical Portuguesa CGTP. Em Andalucia hai pouco que se constituiu umha central sindical de relativa presencia SAT. E a CGT a nível de Estado é umha central sindical com futuro. Mas nom nos podemos esquecer de CCOO com mais de 1.200.000 afiliad@s e UGT com mais ou menos os mesmos afiliad@s. Mas nestas últimas duas centrais sindicais fai falta um grande revulsivo interno, a gente tem medo de quedar-se sem sindicato, lógico, é a nossa ferramenta de defensa frente ao Capital. Mas a actitude das cúpulas dirigentes desorientam e debilitam ao mundo obreiro, temos que ser moi conscientes disto, se antes queixavam-se do difícil que é atrair á juventude para a actividade sindical, agora nom che digo nada.

Menos mal que CCOO e UGT som mais que a sua estrutura dirixente, formam-nas miles de quadros sindicais e um exército de delegad@s e mais de dous milhons de afiliad@s que moit@s deles nom compartem o que fam os seus dirigentes. Polo que cumpre redobrar esforços para reforçar o sindicalismo de classe, formar e promover aos quadros honesto e imersos nos valores da esquerda transformadora, se quadra cumpre a volta dos antigos quadros dirigentes, com experiência decididos a defender os interesses da Classe Trabalhadora. Cumpre desenvolver umha actividade de crítica construtiva e pedagógica aos organismos de direcçom. Pois isto nom terminou, por suposto que nom, e hai mil razons para rebelar-se. É urgente que desde os diferentes territórios do Estado se articule e coordene umha oposiçom política de esquerda transformadora que loite por outro modelo social e económico.

A crítica ás cúpulas de CCOO e UGT, nom pode ser políticamente timorata, nem condescente, ... nom pode haver fisuras na denúncia, ... umha cousa é defender ao sindicato e o sindicalismo e outra ás cúpulas dirigentes e estruturas obedientes, ... a unidade sindical sim, mais contra o Capital, nom com o Capital,. a foto da assinatura do Pacto e toda umha lecçom moi pedagógica do que nom se deve fazer.

E remato os comentários ...

Como que se optou "polo mal menor"? Nom, Nom, ... optou-se polo mal maior, ... que foi assinar um Pacto impresentável, do qual estám a espalhar e explicar o bom que é e que garantiza o sistema de pensions públicas. Nom vejas, despois de todo o que dixérom, ...

O pior de todo, e que decidírom apresentá-lo como o resultado da presiom exercida coa "Folga Xeral" do passado 29S. Valente mentira ...

Porque digo o mal pior, pois digo-o por algo que já tenho mecionado, pois coa signatura do Pacto e a sua posta em escena ... ferírom de morte a esperança, ferírom de morte á capacidade de resposta, ferírom de morte à capacidade de mobilizçom, desilusionárom às suas bases e quadros mais conscientes e combativos, fòrom várias punhaladas nas costas da Classe Trabalhadora que imos pagar moi caro.

Lavar-lhes a cara, só vai conseguir mais desmobilizaçom e desesperança. Nom podemos dizer que é um mal menor ...isso nom.

Saúde e Liberdade !

Inácio

Onde estamos?

Estamos PILLADOS !

Recomendolle a Pillado que lea un artigo de Cayo Lara sobre o Pacto de CCOO e de UGT


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon