martes, abril 12, 2011

Seguridade, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
12.04.2011


Máis unha vez, a Natureza amosou a súa forza destrutiva, ante a que nada pode a máis sofisticada tecnoloxía. As catástrofes do Xapón de novo avisan de que a seguridade total non existe e que eses desastres son inevitables, por moitas medidas de precaución que se poidan aplicar. Se iso sucede nun país tan adiantado como o nipón, ¿que poderá suceder cando se engade improvisación, neglixencia e interese económicos? O accidente do Titanic foi unha especie de aviso: o buque mellor construído e cualificado como insumerxible, foi afundido polo mesmo elemento que pretendía dominar, pois non outra cousa que auga en estado sólido era o bloque de xeo que ocasionou a traxedia. Cruel ironía que debería facernos matinar.

As centrais nucleares, malia extremar as precaucións, son un referente constante ao perigo polos accidentes rexistrados. O mesmo ocorre coas regasificadoras de gas licuado, que son rexeitadas, aínda coas máximas medidas de seguridade. E se por riba, a instalación se fai en lugares non axeitados, de difícil acceso para os buques e preto de importantes núcleos de poboación, xa temos tres dos compoñentes habituais de calquera catástrofe: os intereses económicos, que influíron no improvisado cambio de emplazamento e a neglixencia dos responsables de semellante temeridade. Eis o perigo de Reganosa. O desastre está servido, en espera dese pequeno detalle que vote a andar a maquinaria destrutiva. ¿Alarmista? Non sei. Alarmado si.

Artigo publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol" o 11.04.2011

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon