Aínda que como Colectivo non nos satisfai, en parte, as políticas do actual goberno municipal, se hai que recoñecer-lle certo avance nas políticas sociais, no da participación cidadá e na disposición ao diálogo co movemento social. Aínda que, non nos satisfai a proposta de construción de novos centros comerciais, os estacionamentos no barrio da Madalena, e a proposta polo crecemento da cidade cando esta decrece en poboación, si supuxo un grande avance no tema urbanístico a paralización da urbanización de Menáncaro, a aposta pola rehabilitación de Recimil, A Madalena, Esteiro e Ferrol Vello, e o freo á privatización dos espazos públicos. É por iso polo que amosamos a nosa preocupación, ante as previsións e sondaxes electorais para as vindeiras eleccións municipais, onde estiman que a dereita ferrolá pode chegar á maioría absoluta. Nós pensamos que esta maioría absoluta sería un paso atrás nas políticas sociais e urbanísticas da cidade. O Colectivo Ártabra 21 é o herdeiro da antiga Plataforma Ártabra 21 que tivo como principal misión obrigada, a mobilización social en defensa dos espazos públicos, o patrimonio urbanístico e os espazos naturais, motivada polas políticas especulativas e favorecedoras dos amigos e privilexiados da dereita ferrolá. Temos, na memoria recente, as nefastas políticas privatizadoras do Goberno PP-IF contra as prazas públicas da nosa cidade. Obstinaban-se en construír un macro-edificio en plena Porta Nova [Praza de España] con finalidade privada. Tamén un complexo de hostalería e "piscina" privada na Praza de Sartaña. Querían demoler o barrio de Recimil para especular co seu chan, ou consentir unha urbanización e hotel de luxo na Fraga de Menáncaro, sendo un tenente-alcalde o grande beneficiado. O que se nos anuncia desde as propostas da dereita, é máis do mesmo, construción desmesurada, ... e xestionar a cidade como se fose unha empresa privada, con marca incluída e todo, é dicir negocio, lucro, desinterese polo benestar e felicidade da cidadanía. Totalmente incompatíbel coa sustentabilidade; cos coidados das crianzas, maiores e dependentes; cos necesarios servizos sociais públicos, plenos, de xestión pública e de calidade; coa complementariedade das actuacións municipais fronte a competitividade; cunhas traballadoras e traballadores satisfeitos, con benestar e con saúde; cunhas actuacións municipais transparentes; coa participación cidadá na xestión e nos orzamentos; ... O que se presenta agora como líder da dereita ferrolá renovada, de “novo” no municipalismo non ten nada. Foi membro destacado do grupo de goberno dereitista PP-IF, con responsabilidades moi concretas na facenda pública do Concello e na toma de decisións contra a maioría social e o patrimonio da cidade [natural e urbanístico]. Todas as actuacións políticas, en parágrafos anteriores, foron impulsadas, apoiadas e votadas por moitos dos actuais candidatos dos partidos dereitista PP e IF que lembramos tiveron un alto prezo de diñeiro público. É dicir, pagado cos nosos impostos, onde o goberno galego e goberno local tiveron que facer fronte a duras indemnizacións de case 8 millóns de euros á empresa construtora. Todo por facer unha desfeita na "Praza de España" e un túnel que levou o "premio do peor construído na historia da enxeñería" [aos tres días da súa inauguración tivo que ser pechado para a súa reforma e aínda hoxe se chove un pouco de máis inunda-se]. E aínda quedan os millóns que piden por un nefasto proxecto privatizador da Praza Sartaña e outros máis que queren cobrar polas irresponsábeis actuacións da dereita ferrolá cando estivo no goberno municipal. Pensamos que estas forzas da dereita non cren nin fan unha aposta decidida por unhas políticas públicas, sociais e universais como o ensino público, a sanidade pública, os servizos socias, ... ou a normalización lingüística, a participación cidadá, os comedores escolares e actividades nos centros públicos, as escolas infantís, a integración social d@s inmigrantes,... Peor aínda, pois fan políticas herdadas do franquismo en diversas areas sociais a xeito da antiga beneficencia, potenciando o favoritismo, o clientelismo e a dependencia. A dereita ferrolá esforza-se, e moito, por desprezar a nosa cultura e lingua galegas, prefire promover o asimilacionismo máis rancio do españolismo e señoritismo; e o integrismo relixioso, na súa “expresión cultural" máis singular na chamada "Semana Santa Ferrolá". Aínda que non nos compracen plenamente as forzas políticas progresistas que se presentan nesta contenda electoral, pois somos conscientes dos erros cometidos e na persistencia de certas políticas de crecemento sen ser conscientes das súas perniciosas consecuencias, ou certos posicionamentos con respecto a Reganosa, vemos necesario un entendemento e compromiso político a través do diálogo sincero, polo interese común da cidadanía, pola defensa dos servizos públicos, polos dereitos civís, pola democracia participativa, pola sustentabilidade, pola defensa do medio, polo dereito á vivenda, polo dereito ao emprego ou unha renda básica universal; pola práctica das catro “erres”: Rehabilitación, Reciclaxe, Reutilización, Redución; pola promoción do consumo responsábel; polo saneamento da Ría; pola vida saudábel, polo lecer e a festa participativa. A dereita ten claro o que quere, por iso sempre vota. As actitudes abstencionistas favorecen o seu aceso ao poder, tratan sempre de descualificar ou desfavorecer a participación política da cidadanía mais alá de pedir o voto cada catro anos. Para eles, as institucións son cousa duns poucos para poder mangonear e aproveitar-se das mesmas, para favorecer aos seus intereses, polo que non cren na participación cidadán, moven-se polos seus intereses individuais e económicos, acaparando o poder a calquera prezo e medio, por iso menten, disfrazan o seu discurso ou actúan con hipocrisía. Por todo isto desde o Colectivo Ártabra 21, chamamos a todas as persoas da esquerda ferrolá e do resto da Comarca que podan votar, que reflexionen e se mobilicen, que voten este 22 de Maio, que voten e o fagan en consciencia, pedimos a todas as persoas de esquerda un esforzo para apoiar ás distintas forzas e partidos políticos de esquerda, desde a socialdemocracia ao nacionalismo de esquerdas, que concorren nestas eleccións municipais. Ferrol, a 18 de Maio de 2011
Colectivo Ártabra 21
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario. Ferrol, Terra de Trasancos e Bezoucos
Blogue do Colectivo Ártabra 21 http://artabra21.blogspot.com/ artabra21@gmail.com __________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon