mércores, xuño 08, 2011

A mantenta das Eleccións Locais do 22 de Maio de 2011: "Análise", ... Por Amadeo Varela


"O pobo de Ferrol non aprobou a ningún partido de esquerdas, pero tampouco aos da dereita, e a proba son as tres cuartas partes de votantes que por algunha razón non votaron ao PP. Esas tres cuartas partes significan máis de 45 mil votos que o Partido Popular non ten". Razona Amadeo Varela no artigo que segue. Un razonamento interesante que dos 61.259 votos pośibeis o PP so acadou 14.974, foron 46.285 as persoas, cidadás  de Ferrol que non lle deron o seu apoio.

Por Amadeo Varela [*]
08.06.2011


Despois das eleccións, os partidos políticos adoitan facer unha análise máis ou menos profunda sobre o desenrolo e o resultado das mesmas, atopándonos a cotío con conclusións do máis insospeitado, pois ás veces todos gañan e ninguén perde. Dos que perden, algúns están contentos porque subiron nuns poucos votos, ou porque os votos perdidos non foron moitos. Dos que gañan, algúns lamentan non ter algúns votos máis para acadar a maioría absoluta. Mais cando os votos recibidos conceden esa ansiada supremacía, sacan peito presumindo de que van gobernar porque o pobo así o quere. Estes razoamentos fan pensar naquilo que dixo o poeta, de que “todo é segundo o color do cristal con que se mira”.

En Ferrol, despois das últimas eleccións do 22 M, é necesario profundar nas causas dos resultados rexistrados, que na miña opinión debéronse a moitas circunstancias foráneas e locais. Das foráneas sinalaría a crise económica, a actuación errática do goberno estatal, e a repentina presenza do movemento “indignado”, en plena campaña electoral. Das circunstancias locais, as máis importantes puideran ser a ruptura do goberno bipartito PSOE – EU, e sobre todo, as divisións dentro dos propios partidos de esquerdas, que levaron a este desastre tanto ao PSOE, como a EU-IU e a o BNG, se ben este último está pagando aínda a súa desfeita anterior.

Dos resultados da dereita destaca a maioría absoluta conquistada sobre a base dos erros dos rivais e dunha impresionante campaña propagandística contraria á súa aposta pola austeridade. A cuestión en números, defínese así: de máis de 61 mil votos posibles, o PP recolleu pouco menos de 15 mil, o que ven sendo algo menos da cuarta parte do total. Estes números danlle o dereito a gobernar para os catro vindeiros anos, pero o que non teñen é, o dereito a presumir de seren os preferidos por o Pobo. “O pobo de Ferrol quere que gobernemos”, dirán. Pois non. O pobo de Ferrol non aprobou a ningún partido de esquerdas, pero tampouco aos da dereita, e a proba son as tres cuartas partes de votantes que por algunha razón non votaron ao PP. Esas tres cuartas partes significan máis de 45 mil votos que o Partido Popular non ten. Xa que logo, gobernarán legalmente, por dereito propio, pero non por desexo do pobo de Ferrol, senón por desexo desa cuarta parte. Velaí un motivo de reflexión para os dirixentes do PP ferrolán: unha gran maioría do pobo ferrolán non confía neles e non os quere. Máis aló de ideoloxías, é o resultado normal dunha conduta de incumprimento dos seus propios acordos.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

______________

Elecións Locais do 22 de Maio de 2011 - resultados en Ferrol

Comparativa Concello de Ferrol 2011-2007

[Clicar acima da imaxe para ampliar]
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon