venres, xullo 15, 2011

Os dereitistas do Goberno Municipal de Ferrol pretende desviar unha partida orzamentaria do servizo de comedores escolares dos centros públicos para o ensino privado

  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTARÁ ALEGACIÓNS AO PREGO DOS COMEDORES ESCOLARES PARA O VINDEIRO CURSO
  • EU REXEITA QUE SE DESVÍEN CARTOS PÚBLICOS MUNICIPAIS PARA BECAS AO ALUMNADO DO ENSINO PRIVADO
  • YOLANDA DÍAZ PÍDELLE AO GOBERMO MUNICIPAL QUE RECLAME DA XUNTA DE GALICIA A ASUNCIÓN DESTE SERVIZO
INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
Ferrol, venres 15 de xullo de 2011

O Grupo Municipal de Esquerda Unida presentará un conxunto de alegacións ao prego de prescricións técnicas que rexera a prestación do servizo dos comedores escolares nos centros públicos da cidade, que hoxe se presentou na Comisión informativa de Cultura. Nos vindeiros días se presentará un escrito para millorar e fornecer a prestación deste servizo complementario fundamental para a escola pública. Servizo que nestes anos é debedor da meritoria laboura da federación de anpas que a nosa organización quere salientar e agradecer.

Sen prexuízo dun estudo máis pormenorizado dos contidos do prego, a nosa organización rexeita de plano a posibilidade que abre este documento para becar a alumnado procedente doutros centros escolares privados. Esquerda Unida considera que de producirse esta situación estaríase a cometer un novo prexuízo sobre este servizo complementario do ensino público, dado que se desviarían cartos dunha partida concebida para atender este servizo no eido do ensino público, partida que non experimenta crecemento algún; partida que ten que sufragar o concello dada a negativa da Consellería de Educación, en mans do PP, a incorporar os comedores escolares de Ferrol á rede dependente que depende de xeito directo da Consellaría. Mantendo desta maneira unha inaceptable discriminación sobre a nosa cidade que ten que rematar canto antes.

Lembramos a importancia deste servizo para fornecer a capacidade da escola pública para ofrecer un servizo educativo integral e de calidade atento ás necesidades do tempo actual, facilitando sobremaneira a conciliación laboral e familiar dos proxenitores do alumnado usuario.

Esquerda Unida insta ao Goberno Municipal a manter a prestación deste servizo para o alumnado dos centros públicos como viña acontecendo até o de agora. A poboación que opte pola privada debe ser consecuente con esa escolla. A nosa organización rexeita a continuada vampirización de recursos económicos públicos polo ensino privado, que pola contra dista de asumir un reparto igualitario dun alumnado plural pola súa condición de clase ou polas súas identidades culturais.

Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal, reclama do Goberno Municipal que dirixa unha mobilización social unitaria para arrincar da Xunta de Galicia a asunción integral do servizo dos comedores escolares nas condicións de xestión directa pública que contempla de maneira preferente a normativa vixente, o Decreto 10/2007 de xaneiro, que contempla como modalidade de carácter xeral a xestión directa , deixando como excepcional a situación – discriminatoria con Ferrol – que temos na nosa cidade.

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
15 de julho de 2011 16:40
Ola ! Remitimos unha Informacións do Grupo Municipal de EU en relación co servizo de comedores escolares, servizo do que o Goberno Municipal pretende desviar unha partida orzamentaria para desviala cara ao alumnado dos centros privados. Saúdos, Ramiro Marier
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon