sábado, xullo 09, 2011

Os medios en galego importan [Asina]

Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Tod@s somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesm@s e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sós. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un tras doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tomen a decisión de axudar aos medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningunha persoa  lectora ou espectadora deste país pode tampouco declararse allea ou ausente cando pechan un tras outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores e as lectoras, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de tod@s.

Asinar

Entrar na web:

http://www.osmediosengalegoimportan.com/

Enviado por:
Rafael Aguirrebengoa
-r_aguirrebengoa@hotmail.com-
8 de julho de 2011 19:56
_______________________________

1 comentarios so far

Estou de acordo co que se di no man ifesto a prol dos medios en galego.
Agora que xa pecharon algúns dos poucos existentes ¿que facemos para impedir que sigan pechando os poucos que resisten? Por caso, a extraordinaria revista mensual Tempos NOvos -máis dunha ducia de anos sólida, profesional, non vendida nunca ao poder- ou o comarcal O Sil -un quincenal valdeorrés que leva outros tantos anos demostrando non ter outra fonte de financiamento que a fidelidade dos seus lectores-.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon