sábado, xullo 09, 2011

A Sala Terceira do Tribunal Supremo confirmou, estes días en sentenza firme, a anulación do Plan de Sectorización de Menáncaro, onde, entre outros -o actual Alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela, pretendían a construción, en plena Fraga de Menáncaro, de 69 Chalets e un hotel de luxo


Unha sentenza do Tribunal Supremo reforza a proteción integral da Fraga de Menáncaro

Aínda que a Fraga de Menáncaro, xa estaba en trámites de protección definitiva pola acción e perseveranza da Comunidade Menáncaro, as entidades ecoloxistas [ADEGA, SGHN e VERDEGAIA] e a do Colectivo Ártabra 21, así como polas -aínda que lentas- actuacións levadas a adiante polo anterior grupo que gobernaba no Concello de Ferrol co apoio dos grupos municipais do BNG e EU -polo Eixo Verde e o inicio de expediente de modificación do PXOM, esta Sentenza ven reforzar o obxectivo do Movimento Ecoloxista de protección integral da Fraga de Menáncaro. Paradoxicamente, mesmo a propia Xunta de Galicia, ao aprobar o seu Plan de Ordenación do Litoral, -Decreto 20/2011, do 10 de Febreiro, polo disposto no seu Artigo 66, prohibe expresamente os desenvolvementos urbanísticos nos "Corredores". Nun destes corredores o propio POL situa a grande parte da Fraga de Menáncaro, nun dos denominandos como "Corredor Ecolóxico".

A Sala Terceira do Tribunal Supremo do Contencioso-Administrativo, ven confirmar a Sentenza do TSXG 01131/2009 , que xa ditara -o 5 de Novembro de 2009, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -TSXG, que se pronunciara, a favor da veciñanza de Menáncaro, estimando o seu Recurso contra o vergoñento Acordo Plenario do Concello de Ferrol do 20 de Abril de 2007, no que se aprobou "definitivamente" o Plano de Sectorialización de Menáncaro, anulando deste xeito o ilegal acto administrativo por ser contrario a dereito.


No actual goberno municipal da dereita ferrolá, hai responsábeis políticos  de todo este despropósito que non só tivo un importantísimo custe económico para as arcas municipais, senón de tempo perdido e multiples actuacións municipais inecesarias. O sofrimento de anos de incertidume dunha veciñanza afectada pola cobiza duns poucos depredadores da natureza e o benestar da xente. Dos responsabeis políticos que aquel 20 de Abril de 2007, están agora no goberno municipal son: José Manuel Rey Varela -actual Alcalde Presidente do Concello de Ferrol, José Manuel Vilariño Anca -Tenente de alcalde e concelleiro responsable da Área de Alcaldía e portavoz do grupo municipal do PP, Guillermo Evia Pérez -Concelleiro responsable da Área de Urbanismo e Medio Ambiente e Amador Rodríguez Silvar (PP) asesor en Medio Ambiente.

Non nos esquecemos do anterior e actual "socio" do goberno municipal do PP que se ausentou do pleno, cando se realizou a votación, Juan José Fernández García (IF), por ser unha parte interesadísima en todo este negocio.

O Tribunal Supremo non admitiu os dous recursos de casación e que se interpuxeron en nome do xa citado Juán José Fernandez García, concelleiro por Independentes por Ferrol e da Sociedade Agraria de Transformación Agropino número 374 Xuga de responsabilidade limitade cuxo titular é Amando Romero Castrillón, coñecido industrial madereiro e empresario agrícola de San Sadurniño, un "astuto" cazador de rendas que xa intentara talar a Fraga, a nosa acción impideu-no, mais non conseguimos que acabara con grande parte do bosque ripario, mais sen poder levar a madeira que ainda segue alí depositada.

Desde a Comunidade Menáncaro damos os parabéns a todas as persoas que loitaron pola Fraga e a toda a cidadanía de Ferrol, porque a conservación da Fraga de Menáncaro significa a protección dun dos patrimonios naturais máis singulares e importantes que temos no Concello.

Con este comunicado achegamos, como xa temos feito outras veces unha pequena Galería Fotográfica e un Vídeo onde se pode apreciar a inmensidade e o valor da Fraga no seu conxunto.

Que é a Fraga de Menáncaro ?

A Fraga de Menáncaro está situada no val do río Aneiros ou río da Sardiña, na parroquia de Serantes, esta conforma un habitat natural de máis de 10 ha de superficie.

A Fraga de Menáncaro é unha das poucas manchas de bosque autóctono que se conserva no concello, xunto coa Fraga de Monte Fontelo (A Graña), Fraga da Pega e da Casa do Monte (Leixa) e o Acibreiral das Forxas (Covas), espazos naturais que tamén se deberían conservar e protexer. Un dos feitos que fai de Menáncaro unha zona cunha carballeira singular é a presencia de individuos centenarios de porte excepcional, base dun bosque maduro e de gran biodiversidade.

A Fraga é unha mostra de bosque potencial desenvolvido, prácticamente desaparecido noutras zonas de Ferrol. Un dos principais valores é a súa singularidade, dada a case ausencia de formacións de carballeiras en Ferrol. O habitat natural de Menáncaro, a protexer, está formado por un bosque ripario que ocupa as marxes do río, unha zona da carballeira que se imbrica coa aliseda riparia e zonas de prado húmido nas marxes do bosque ripario.

O seu bosque ripario de grande singularidade é valor foi parcialmente talado, de forma ilegal por dúas veces: a primeira vez en 2001, pola agora empresa promotora da urbanización SAT Agropino, de Amando Romero Castrillón; e a segunda vez por unha actuación de Fenosa, empresa coa que se chegou a un acordo para que fixera unha serie de actuacións, que xa están en marcha, para preservar a Fraga no seu conxunto.

O Movimento Ecoloxista sempre estivo atento

Desde 1995, o movimento ecoloxista ven realizando actuacións co obxecto da protección da Fraga, denunciando actuacións ilegais, como vertedoiros incontrolados, apertura de camiños, talas ilegais, vertedura de entullos, ... Temos nos nosos Arquivos cantidade de propostas, denuncias, alegacións ao PXOM aprobado no 2000, cartas e outros documentos, cun só obxectivo final a protección da Fraga. Entrevistas, reunións, roldas de prensa, roteiros e mobilizacións, tamém nese camiño. Recursos, alegacións, denuncias e outras actuacións xudiciais e administrativas.

Os antecedentes

O anterior goberno conservador de PP e IF -2003-2007, que levaba as rendas do Concello de Ferrol na pasada lexislatura, até Maio de 2007, aprobou un Plano de Sectorialización de Menáncaro que sometera a información pública unha vez publicado nos boletín oficiais o 22 de Xullo 2005. Foron case dous anos de trámites administrativos, recursos e alegacións que se combinaron coas accións de protesta e denuncia.

Queremos significar que un dos propietarios, coa parcela de maior superficie, desta Fraga é o Sr. Juán José Fernández García do grupo municipal IF, que foi Tenente de Alcalde do Concello de Ferrol co goberno conservador bipartito [PP e IF] e que agora segue sendo concelleiro polo mesmo grupo. O que explica moitas das irracionais actuacións do propio goberno municipal.

En abril do ano 2007, cos grupos de PP e IF á fronte do goberno local e nun polémico pleno, no que a oposición se ausentou nun xesto de solidariedade, dado que o Alcalde impediu o acceso ao mesmo aos representantes veciñais e ecoloxistas, aprobouse o plan de sectorización de Menáncaro. O proxecto de urbanización incluía a construción de 69 chalés de luxo e un hotel no corazón da mesma Fraga. O goberno conservador capitaneados polo Alcade Sr. Juncal [PP] e sendo daquela concelleiro de Urbanismo o Sr. Evia [PP], aínda quen xestionara todo o Plano fora o Sr. Pita Romero [IF], encontra da vontade veciñal, dos argumentos ecoloxistas, dos informes reiterados de diferentes Direccións Xerais da Xunta de Galicia, e da propia normativa urbanística do Concello [PXOM]  e Xunta [Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia]  e no disposto no Catálogo Municipal de Bens Protexidos [Páx. 21 e 22].

Por último queremos destacar que desde o movimento ecoloxista e veciñal non só tivemos que loitar contra o goberno municipal conservador do bipartito PP-IF, senón que tamén tivemos enfronte ao Grupo Voz [Radio Voz e La Voz de Galicia], coas súas manipulacións e o seu posicionamento, en todo momento, a favor dos argumentos municipais e dos promotores urbanísticos.

Pola Comunidade Menáncaro
Ramón REGUEIRO SANTIAGO

Fraga de Menáncaro
Serantes - Quia 155
15405 Ferrol [GALIZA]
Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/
Correio-e da Comunidade Menáncaro:
menancaro@gmail.com

Filme realizado pola SGHN e ADEGA, onde se pode apreciar a imensidade e o valor da fraga no seu conxunto. Filme realizado pouco despois de saberse que a Fraga de Menáncaro estaba ameazada por unha posibél especulación urbanística.

En formato mpg, cunha duración 6 minutos 43 segundos.
Editado por SGHN e ADEGA, Novembro 2005
Feito por Yosy (c)



[Fraga de Menáncaro, delimitado de xeito aproximado, o espazo natural a protexer]

Reportaxen fotográfica da Fraga de Menáncaro, de varias persoas integrantes das entidades que conforman a Comunidade Menáncaro [Reportaxen fotográfica que se pode ampliar acedendo ao blog da Comunidade http://menancaro.blogspot.com ].





















_______________________

2 comentarios

A noticia en el Pais, nun artigo de Lorena Bustabad:

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Supremo/anula/chales/fraga/Menancaro/elpepiautgal/20110710elpgal_7/Tes


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon