mércores, agosto 31, 2011

Outra vez Recimil, ... Por Amadeo Varela Rodríguez

Por Amadeo Varela [*]
31.08.2011


Tal como se esperaba, o novo goberno municipal do PP ataca de novo contra as Casas Baratas. Aos veciños xa non nos colle de sorpresa, pois desde fai trinta anos, algúns integrantes do Partido Popular ferrolán convertéronse na "besta negra" da nosa barriada. Metéuselles entre cella e cella o da derriba e non hai xeito de facerlles respectar os seus propios acordos. Eles fan os seus cálculos e só ven o beneficio que representaría semellante operación urbanística pero, beneficios para quen? Por suposto, a veciñanza non sairía beneficiada, por máis promesas imposibles que poñan sobre a mesa. Chegaron a dicir que aqueles veciños que non quixesen comprar as súas novas vivendas -con ascensor trasteiro e garaxe- seguirían pagando o mesmo que agora. Pero claro, tíñano todo ben pensado; calculaban que a operación derrubo e construción duraría dez anos e, calculaban tamén que ese sería o ciclo vital dos veciños: "Dentro de dez anos estarán todos mortos", dixéronnos nas nosas propias barbas. Contaban con iso para realizar un negocio redondo. Saben que cada vez somos máis vellos e con menos ánimos para defender os nosos fogares, nos que moitos investimos os aforros de toda unha vida de traballo. Pero nada disto resulta novo, como tampouco é nova a serie de mentiras e verdades a medias que se utilizan para desprestixiar o barrio e os seus moradores. Repiten ata a saciedade que son edificios construídos con malos materiais, pero non din cantos e cales son eses males materiais, nin cantos deles foron substituídos xa polos propios veciños. Chegan ao colmo de utilizar á xente nas súas argucias demagóxicas: "Os pobrecitos anciáns non teñen ascensores". Pero non din que eses anciáns sobreviven con pensións de 400 euros ou menos. Iso non interesa. Din que é máis caro rehabilitar que construír, pero a min as contas non me saen. Claro que eu non son arquitecto, pero só calculando o custo da derriba destes robustos muros de pedra de granito e o transporte dos cascallos, as cifras dispáranlleme. E non falemos do custo ecolóxico e moito menos do custo social. Iso tampouco interesa. Creo que sería importante coñecer a opinión de sociólogos e economistas, pois nese aspecto, os demoledores parecen non estar moi decatados. Véxase o exemplo do Bambú Club: "Rehabilitar ese edificio é tirar o diñeiro" din. ¡Vaia home! E eu que cría todo o contrario, é dicir, tirar o diñeiro é ter nun estado lastimoso ese edificio que, unha vez rehabilitado, podería proporcionar ao Concello -ou sexa, ao pobo- uns substanciosos ingresos que agora non dá, ademais da creación dalgúns postos de traballo que antes xa había. Certamente, as opinións son respectables, pero todas. Incluídas as da Delegación Local dos Arquitectos Galegos, que dedicaron a esta barriada o Día Mundial da Arquitectura no ano 2005, argumentando que a construción das Casas Baratas foi "o fito urbanístico máis importante de Ferrol no século XX" e que "coa construción desa barriada, Ferrol entrou na modernidade urbanística". Ou como a decisión da Comisión Provincial de Patrimonio, que decidiu manter a barriada no catálogo patrimonial, "polo seu indubidable valor histórico e urbanístico".

En fin, hai tantas cousas que dicir en defensa desta barriada, que farían esta carta interminable e que ademais non servirían para nada, pois os "demoledores", nunca atenderon a razóns nin atenderían agora, por moito que presuman de dialogantes. Chegan ao extremo de violar os seus propios acordos tomados por unanimidade no Parlamento Galego e no propio Concello, nos que votaron a favor da rehabilitación. Como se pode chegar a ese extremo de impudicia política? Como pode o pobo ferrolán votar a quen amenten, enganan e insultan aos veciños neste tema de Recimil? Non cabe suporlles a capacidade de facer o mesmo en calquera outro tema? Ata cando imos ter que soportar esta praga?

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon