martes, agosto 02, 2011

Velaí a vencedora do 20-N, ... Por Fran P.Lorenzo


Por Fran P. Lorenzo
01.08.2011

O 20-N xa deixa ver a súa crista griseira, coma lombo de rata, polos confíns do calendario. E sobre esa chepa electoral debúxase a faciana cinsenta e mortuoria da que é, para min, a gran triunfadora destas dúas lexislaturas: a Igrexa Católica. Nin os avances da sociedade nin da lexislación do Estado español nos últimos oito anos minguaron unha miga o seu imperio nin os seus privilexios. A súa voz -a da Confererencia Episcopal, do Opus Dei, do Foro da Familia e outros lobbys relixiosos ultracatólicos- chega hoxe a todas partes, con forza renovada, acrescida polos altoparlantes que lle procuran os medios de comunicación da extrema dereita españolista e outras plataformas virtuais que, baixo o disfrace de iniciativas populares, combaten calquera saudábel expresión de laicidade. Ninguén se atreve, polo visto, a coutar a súa tétrica mensaxe de intolerancia. Ninguén o fará, pase o que pase o 20 de novembro.

Con desgusto saio estes días ás rúas de agosto, un fervedoiro de monxas en hábito azul eléctrico, novicias lívidas e abrigadas, saias de felpa, cruces de madeira, sotanas, boys-scouts a entonaren himnos relixiosos, peregrinos alucinados e pregoeiros da fe. Parece que o Papa non marchou ou que o seu rastro fica, adherido, ás paredes desta tumba en 3D que é Santiago.

Nesta cidade-lousa na que os curas aplican unha omertà chamada “segredo de confesión”, onde os coengos da Catedral, o arcebispo e o deán viven extramuros da lei e das obrigas mundanas para co Código Penal, observei este día como a presidenta dun Parlamento, Pilar Rojo, bicaba o anel de Monse(ñor) e pedía a intercesión do Apóstolo para amañar problemas de índole tan humana, e de tan pouca competencia celestial, como a violencia machista e a crise económica. Aquilo da separación Igrexa-Estado quedou lá, na Revolución francesa.

Coa salvífica distancia que dan centos de quilómetros da Vía da Prata, vin tamén como en Mérida, nun festival de teatro, as presións dun grupo radical ultracatólico -impulsadas pola nova Junta de Extremadura, en mans xa do Partido Popular- lograban vetar unha fotografia da exposición Camerinos de Sergio Parra. A liberdade de expresión vulnerada unha vez máis en aras dunha indignación que, ao parecer, pesa máis que calquera 15-M na vontade dos nosos políticos.

Agora volve o Bieito XVI a Madrid, a unha concentración de cachorros da fe católica. O mesmo discurso obsceno do gasto cero, idéntico derroche suntuoso a costa dos contribuentes e a previsíbel suspensión da cidadanía. O cardenal arcebispo de Madrid, monseñor Rouco Varela, xa dixo que esa mocidade á que Ratzinger quere se dirixir ten unha “experiencia moral, relixiosa e ética baixo mínimos”. Tanto ten. Non cesan de insultar, de discriminar, de arrogarse a capacidade de sinalar o que está ben e o que está mal. Zapatero non puido con eles, aínda que socavara os alicerces do seu poder. Ninguén, quen veña, irá máis alá. Loitar como loitamos para que a relixión católica non invada a leira do público é o síntoma máis claro do noso atraso como Estado pero tamén un estímulo necesario na defensa dunhas liberdades -o ensino laico, a liberdade sexual, a liberdade de expresión, a liberdade de conciencia, o dereito a unha morte digna, o dereito ao aborto, o matrimonio gay, etc…- que á volta do 20-N, moi probabelmente, teremos que re-conquistar contra a suprema e tiránica vontade da Igrexa Católica.

Fonte: http://unpaisenlata.wordpress.com/
_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon