mércores, setembro 21, 2011

Manifesto do Foro Social de Ferrol Terra que acompaña á manifestación e ao concerto que se vai celebrar na tarde do Venres 23 de Setembro de 2011

MANIFESTO

Outra Comarca,
outra Democracia,
outra Vida


A unha comarca profundamente afectada polo desemprego, a destrución medio ambiental, como sucede coa nosa Ría, e a perda de poboación, chegan a diario mensaxes que falan de crise, de que hai que facer sacrificios, de que non hai recursos. Chegan a diario mensaxes de que a impunidade da corrupción e o cansazo, se teñen instalado en moitas institucións, onde a democracia leva tempo perdida entre corredores. Chegan a diario mensaxes que falan de seres humanos que, a milleiros, son vítimas da fame ou das guerras. Chegan a diario mensaxes que falan de que un anaco de terra ou de ceo perdéronse para sempre, na ambición destrutora e contaminante.

Algo ou alguén, está interceptando outras mensaxes, que non dan chegado.

As mensaxes que explican como facer realidade o reparto da riqueza. As mensaxes, que nos indican outros modelos económicos e sociais, onde nos poñamos a salvo do capricho e a voracidade dos chamados mercados. As mensaxes que explican como resgardar e conquistar os dereitos, que como persoas, nos corresponde exercer e gozar. As mensaxes que denuncian o secuestro das institucións e os mecanismos que rouban o poder delegado nas mesmas.

Son estes, días nos que amencemos con dereito á sanidade, á educación, a prestacións sociais, a pensións... e, entre lusco e fusco, nolos arrebatan, nunha permanente chantaxe.

Son estes, días nos que as palabras seguridade, tranquilidade, futuro... só existen nos cartaces publicitarios, e non acompañan dereitos básicos como a vivenda, a alimentación, o traballo.

Sabemos quen está ditando as normas desta orden antisocial, deste capitalismo que se lanzou á conquista dos nosos dereitos para convertelos en oportunidades de negocio.

Sabemos que os bancos, as grandes corporacións, e as institucións das que se serven, Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio, Banco Central Europeo e Comisión Europea, son contrarios ao noso dereito á vida e non dubidan un día tras outro, en violar o equilibrio que a propia vida precisa para desenvolverse, nesta comarca e no planeta.

Tamén sabemos que son moitos e moitas os que traballan, responden e se organizan para frear e subverter esta situación. Aínda que ás veces poda parecer, que deambulen sen verse, sen atoparse. Semella que non nos ouvimos . Que non recoñecemos a quen, coma nós, non quere este sistema inxusto e destrutor. Cada quen, desde a súa identidade, desde as diferenzas. Aínda non somos quen de saír do noso propio espazo para incorporarnos a espazos colectivos cada vez máis amplos e dinámicos que sexan quen de “parar a maquinaria”.
Temos que saber que, no pequeno espazo desta comarca, non estamos sós. De Norte a Sur, de Leste a Oeste, un grito unánime recorre o planeta. Un grito que chama a parir unha nova era, unha oportunidade para a Paz, para a Xustiza, para a Democracia, para a Igualdade e para a Liberdade. Unha nova e última oportunidade para a nosa comarca, para o planeta e para as xentes e criaturas que o habitamos. Unha nova e última oportunidade de xestar un outro mundo.

Nós, cidadáns e cidadás reunidos no Foro Social de Ferrol Terra, comprométemo-nos a que estes dous días de reflexión, debate e propostas para acción, sexan un impulso eficaz para a asunción de valores como a complementariedade, e a colaboración. Un espazo para a consolidación do traballo colectivo. Para ser quen, de construír outra COMARCA, outra DEMOCRACIA e outra VIDA.

Ferrol Terra, 23 de setembro de 2011

forosocialdeferrolterra@gmail.com

http://forosocialdeferrolterra.blogspot.com/


Actos

Manifestación
Venres 23 de Setembro, ás 19:00 hs.

Baixo o lema "Outra Comarca, outra Democracia, outra Vida", terá lugar unha manifestación, en Ferrol, dos movimentos sociais, que partirá ás 7 da tarde desde o Campus de Esteiro, entre o edificio do Vicerreitorado e o Pavillón Deportivo, na esquina da Rúa San Ramón con Doutor Vázquez Cabrera. A Manifestación que transcorrerá por diversas rúas de Ferrol, rematará no Cantón, diante do Palco da Música, onde terán lugar diferentes intervencións.
[Ver Mapa]

Actuación Musical
Venres 23 de Setembro, ás 20:30 hs.

Unha vez rematada a manifestación dará comezo un pequeno concerto, no mesmo lugar onde finaliza a manifestación. O concerto de "Voces Indignadas e Comprometidas", contará coa participación de: Jorge Mirancos, Fefi, Manolo Bacallao, María Manuela  e As Cantareiras de Trasancos.


Foro
Sábado e Domingo, 24 e 25 de Setembro, desde as 09:00 hs.

PENSANDO EN GLOBAL, ACTUANDO NO LOCAL
Foro Social de Ferrol Terra
no Salón de actos do Campus de Esteiro - Ferrol da UDC.

PROGRAMA DO FORO  -


Fonte: http://forosocialdeferrolterra.blogspot.com/

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon