Miles de traballadores e traballadoras de Navantia e as auxiliares percorren as rúas de Ferrol para esixir a construción do dique flotante
O persoal lembra que 17.000 empregos na comarca dependen da actividade do sector naval
Miles de traballadores e traballadoras de Navantia e da industria auxiliar percorreron este mércores as rúas de Ferrol en demanda de carga de traballo para os estaleiros da ría e para reclamar a construción do dique flotante, unha infraestrutura vital para a supervivencia do sector naval da comarca. Os traballadores/as marcharon até o Concello de Ferrol, onde unha representación sindical mantivo un encontro co alcalde da cidade. A protesta terá continuidade o próximo 5 de outubro, día no que o persoal realizará unha manifestación dende as instalacións do Perlío até o Casa Concello de Fene.
Pouco despois das 10:30 horas, miles de traballadores e traballadoras de Navantia Fene e Ferrol e da industria auxiliar abandonaban as instalacións do Esteiro para encamiñarse cara a Praza de Armas, onde a representación do persoal tiña previsto manter un encontro co alcalde da cidade. A consigna, definida e directa: “Carga de traballo xa. 17.000 postos de traballo en xogo”.
Baixo esta premisa, os traballadores/as marcharon cunha idea clara na cabeza “queremos facer o que sabemos: construír e reparar barcos”. E así o transmitiron coas ducias de barcos de papel que os manifestantes foron depositando nas escaleiras de acceso ao consistorio ferrolán. Dentro, representantes sindicais e os presidentes dos Comités de Navantia expuñan ao alcalde da cidade, José Manuel Rey, e os voceiros municipais dos partidos, as reivindicacións do sector, urxindo ao responsábel do goberno local a pór en marcha toda a maquinaria político-administrativa para esixir da administración pública a construción inmediata do novo dique.
Un dos voceiros da Unión Comarcal da CIG de Ferrol e membro da sección sindical da CIG en Navantia, Manel Grandal, censuraba á saída do encontro (que se prolongou durante case unha hora) que “unha vez máis, houbo que explicarlle ao alcalde que non se trata de realizar estudos nin proxectos, senón de pórse a traballar e defender o que seu propio partido, xunto coas demais forzas políticas con representación no Parlamento galego, aprobaron. Non se trata doutra cousa”. Grandal referíase á proposición aprobada hai unhas semanas no Pazo do Hórreo instando á Xunta e ao goberno estatal a unir esforzos e a dispor os recursos precisos para crear a plataforma na ría.
“Podemos entender todos os problemas económicos”, aclaraba, “pero a construción desta infraestrutura non é unha cuestión económica, senón política”. Neste sentido, dende a CIG de Ferrol subliñan que a construción do dique flotante supón unha inversión asumíbel, amortizábel e que permitiría aos estaleiros da ría competir dentro do mercado de reparación de buques ao máximo nivel. Un mercado que, ademais, o sector perderá de non acometerse esta obra, por non ter capacidade para atender aos buques de maior tamaño.
Sen novos contratos
Coas mobilizacións, os traballadores/as queren chamar a atención sobre a crítica situación que atravesa o naval da ría de Ferrol, sumido nun regueiro de despedimentos, que afecta especialmente ás industrias auxiliares, e sen novos contratos de traballo á vista. A construción do novo dique flotante permitiría paliar este problema de xeito inmediato, pois achegaría carga de traballo para Navantia e as subcontratas durante os próximos dous anos.
Calendario de mobilizacións
A mobilización desta mañá enmárcase no calendario de protestas que os traballadores e traballadoras van realizar nas próximas semanas. Así, o mércores 5 de novembro está convocada unha nova manifestación, mais nesta ocasión trasladarase até a outra beira da ría. Arredor das 10:30 horas, o persoal sairá do estaleiro do Perlío cara a Casa Concello de Fene, onde tamén agardan manter un encontro co alcalde da localidade.
O calendario de protestas culminará o domingo 6 de novembro cunha gran manifestación comarcal convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG en defensa do emprego e do sector naval. A marcha partirá ás 12:00 horas dende o Inferniño baixo o lema “Polo emprego e o futuro da comarca. O naval é fundamental. Carga de traballo xa”.
Galería de imaxes
Fonte: Avante
A noticia no Diario de Ferrol
A noticia na web de CCOO
____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon