Por Suso Díaz [*]
29.09.2011
O pasado xoves o Parlamento cometeu unha nova tropelía contra as e os traballadores: co voto en contra da esquerda aprobou dúas reformas que permiten, durante dous anos, a precariedade sen límites. A primeira, estende os contratos de formación ata os 30 anos!; a segunda, permite o encadeamento ilimitado dos contratos temporais. As dúas medidas avanzan na precariedade, abaratan os custes laborais e aumentan o poder dos empresarios nas empresas: o que antes era ilegal, agora non, premiando con elo aos infractores. A patronal atópase cun regalo inesperado: todos os contratos poden ser temporais.
Coa existencia dunha patronal que na súa maioría non ten sentido empresarial o resultado será un desastre para o sistema produtivo, a innovación tecnolóxica e a formación da man de obra; o imprescindible cambio de modelo produtivo, hai tantos anos demandado polos sindicatos, para competir nos mercados globalizados pasará a mellor vida. Con estas nefastas medidas o goberno favorece a eses non-empresarios que todo o fían aos baixos salarios e a superexplotación dos traballadores para obter beneficios, que non para competir.
Tampouco é verdade a xustificación de que é mellor que as e os mozos traballen con contratos temporais a que estean no paro; é un argumento falaz. O emprego depende das necesidades das empresas: o empresario contratará traballadores si os necesita para atender os pedidos e non porque haxa unha lexislación que permite a contratación temporal. O único efecto que vai ter é a substitución de traballadores fixos por temporais.
Temos a experiencia dos gobernos de Felipe Gonzaléz; os que xa peitamos canas lembramos a González na TVE interrogando á opinión pública: “¿Qué es mejor que un joven trabaje con un contrato temporal o que esté en el paro?” Resultado da pregunta: España triplica dende aquela a taxa de precariedade da UE-15 e se converteu no pais con máis taxa de paro total e xuvenil. Incluso, cando crecía máis que os demais países e algúns presumían de ser os alumnos avantaxados da UE, o paro en España aproximábase aos dous millóns de persoas.
Cales van ser os resultados destas medidas? Os mesmos que tivo González e a reforma laboral do ano pasado; non haberá máis emprego porque este depende do crecemento da economía e da actividade das empresas e coa aplicación das mal chamadas políticas de austeridade camiñamos cara ao estancamento ou a recesión. O único seguro é que aumentarán os contratos temporais.
Para que enganármonos: o goberno adopta estas medidas pola asunción dos principios neoliberais e a submisión ás imposicións de Merkel-Sarkozy e os organismos internacionais. Con elo pensa que vai evitar os ataques á débeda pública por parte do sistema financeiro especulativo. Craso erro: aos especuladores pouco lles importan as reformas laborais e moito os beneficios obscenos e rápidos. Por iso sube a prima de risco española malia os recortes laborais e sociais contra a maioría da poboación.
Por último, quero expresar a miña oposición ao despido dos traballadores de Xornal.com e rexeitar a actitude da empresa de pechar un xornal dixital que é referencia en Galicia. Nesta situación non me atopo en situación de seguir colaborando con este medio. Síntoo moito pero máis sinto que 38 persoas se queden sen emprego.
Último artigo publicado no Xornal de Galicia 24.09.2011
[*] Suso Díaz, foi Secretario Xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia
[+ Info]
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon