Por André Abeledo Fernández [*]
06.03.2021A comarca de FERROLTERRA irá a folga xeral o próximo 10 de marzoO 10 de Marzo, o DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA, a comarca de Ferrolterra irá unha vez máis a folga.
Un 10 de Marzo que na nosa comarca mantense gravado a sangue e lume, un día de homenaxe e sobre todo de loita obreira.
Un sete de febreiro de 1972 tíñase asinado en Madrid, por parte do Sindicato Vertical un convenio interprovincial dos diferentes estaleiros do país.
O oito de febreiro celebrábase en Ferrol unha asemblea de traballadores que se manifesta en contra da sinatura, e convocase unha nova asemblea para o día nove de Marzo. A resposta por parte da patronal a esta convocatoria é o despido de seis dirixentes sindicais.
O día nove de Marzo, ante o despedimento dos dirixentes obreiros os traballadores deciden parar a produción e concentrarse dentro do estaleiro ata que os seus compañeiros foran readmitidos. Ala polas tres da tarde a empresa ameaza aos traballadores co desaloxo policial. Sobre as cinco da tarde a policía entra na factoría e desaloxa aos traballadores pola forza co resultado de máis de vinte feridos.
Os enfrontamentos entre os traballadores e a policía trasládanse as rúas e durante a noite escóitanse os primeiros disparos das forzas de represión franquista.
As 7:30 da maña do día dez de marzo de 1972 os traballadores concéntranse ante as portas pechadas do estaleiro de Bazán, uns 4.000 obreiros que deciden dirixirse cara o outro estaleiro da comarca, Astano, para unirse a os seus compañeiros de loita.
Pero ao chegar ao cruce de As Pías atópanse coa emboscada da Policía Armada que disparan sobre os traballadores desarmados.
Nese momento e nese lugar foron asasinados
Amador e
Daniel, os seus nomes quedan desde entón gravados a sangue e lume,
Amador Rey Rodríguez e
Daniel Niebla García, mártires da clase obreira galega.
Tamén máis de 40 feridos, moitos dos cales non acudiron ao hospital por medo a ser detidos.
Durante varias horas Ferrol quedou nas mans dos obreiros, respondendo o goberno fascista cortando as comunicacións, incluídas as telefónicas, ata que logrou concentrar os efectivos necesarios para ocupar a cidade pola forza.
Nos días posteriores a solidariedade obreira estendeuse por toda a comarca e por toda Galiza, parando outras fábricas e respondendo a poboación cun forte apoio aos familiares dos represaliados.
O balance da loita foi brutal: 2 traballadores asasinados, 16 feridos de bala, decenas de feridos por outras causas, 160 despedidos, 60 encadeados e 50 multados con cifras que ían desde as 50.000 pesetas as 250.000, cantidades colosais naqueles tempos.
Nos días posteriores producíronse numerosas detencións de sindicalistas, militantes comunistas e activistas de distinto signo. Pero tamén nos días posteriores se propuxeron mobilizacións de protesta e solidariedade por Galiza, Estado Español e a nivel internacional.
Moitos traballadores organizados e conscientes de ser clase obreira, foron presos e posteriormente xulgados por un Consello de Guerra e condenados a varios anos de prisión. Outros foron sancionados con multas e 23 deles foron procesados polo Tribunal de Orden Público (TOP), no coñecido como «
proceso dos 23 de Ferrol», que derivou en condenas de entre un e catro anos.
Os asasinatos e a violencia policial nos sucesos de Ferrol non derivaron en responsabilidade algunha, nin para os autores materiais ni para os responsable políticos e policiais que foron os autores intelectuais dos crimes contra a clase obreira galega.
A mellor maneira de renderlles homenaxe aos camaradas
Amador e
Daniel e a todos os que sufriron a represión da ditadura franquista e a patronal é seguir loitando.
Hoxe as diversas Reformas Laborais, perpetradas tanto polo PP como polo PSOE, roubaron a la clase obreira os dereitos conquistados con sangre, suor e lágrimas.
É importante e necesario aprender como se gañaron os dereitos, en loitas como a do 10 de marzo de 1972, os dereitos que nos roubaron e nos rouban, a dignidade que nos pisan, precisan dunha resposta a altura dos que loitaron por conquistalos.
O 10 de Marzo debe ser ante todo una xornada de loita das traballadoras e traballadores da Galiza, para poder honrar a memoria de quen o deu todo, ata a vida por defender a dignidade e os intereses da clase obreira.
Unha comarca que foi motor industrial e referente da loita sindical na Galiza e no Estado español, atópase hoxe agonizante despois de ser traizoada por tódolos gobernos e tódalas as administracións.
Dende a reconversión do PSOE de
Felipe González que decidiu ferir de morte a industria Naval na Comarca matando a ASTANO e deixando a BAZAN gravemente ferido, ata un «
Plan Ferrol» que prometía reindustrializar a nosa Comarca e que ao final quedou en practicamente nada.
Os distintos gobernos a nivel Estatal e Nacional, en Madrid e en Santiago, seguiron dándonos as costas e afondando na ferida pola que a Comarca se vai desangrando.
NAVANTIA, ENDESA, POLIGAL, NOA, GAMESA, e un longo etcétera de empresas que foron afondándose na lameira das crises que sempre pagamos a un prezo desorbitado nesta terra de loita e traballo.
Existe unha débeda histórica con Ferrolterra, unha débeda aínda máis grande dende a mirada da esquerda.
Aquí naceu
o día da clase obreira galega, o 10 Marzo de 1972 a sangue de traballadores valentes que defendían os seus dereitos foi derramada, en plena ditadura franquista a clase traballadora desta comarca loitadora estivo disposta a dar a vida, como a deron Amador e Daniel, aquel día que quedará gravado na historia da clase traballadora.
Hoxe continúa a sangría na nosa Comarca, fai pouco con POLIGAL e NOA MADERA CREATIVA, agora cos despedimentos na fábrica de GALICIA TEXTIL de Xuvia, o peche de GAMESA-SIEMENS e a situación que segue a ser desesperada en NAVANTIA.
Agora máis que nunca, cun goberno que se di de esquerdas, cunha ministra de traballo nacida na nosa comarca que coñece ben a historia da comarca traizoada, da loita obreira, do noso movemento sindical, debemos reclamar xustiza para Ferrolterra.
A comarca do 10 de Marzo, do día da clase obreira galega, das folgas xerais e comarcais con suceso, das manifestacións masivas,
reclama hoxe e unha vez máis xustiza e reparación.
HONOR, XUSTIZA E REPARACIÓN para
Amador e
Daniel, que eran obreiros e fillos do pobo galego.
Tomaremos unha vez máis as rúas na comarca de Ferrolterra para loitar polo noso presente e polo futuro da nosa comarca.
[
*]
André Abeledo Fernández (
Delegado da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia de A Coruña).
Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
6 de março de 2021 11:41_______