Amosando publicacións coa etiqueta Auxiliares Navantia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Auxiliares Navantia. Amosar todas as publicacións

domingo, xaneiro 31, 2021

BNG denuncia no Congreso o procedemento de contratación do servizo de mantemento de Navantia Ría de Ferrol - Néstor Rego destacou que os pregos elaborados pola empresa pública para a contratación deste servizo conteñen unha división do mesmo en oito lotes e ao mesmo tempo limitan a un máximo de dous os lotes por adxudicatario, o que suporá a fragmentación obrigada na prestación do servizo


O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de instar o Goberno español a paralizar o procedemento de contratación do servizo de mantemento no centro de Navantia Ría de Ferrol e a elaboración duns novos pregos que promovan a prestación do servizo por un único adxudicatario. Iniciativa que tamén será debatida no Parlamento Galego a instancia do deputado nacionalista Ramón Fernández Alfonso.

O BNG advirte que vai provocar a división do cadro de persoal que viña prestando este servizo desde o ano 2016. Os pregos elaborados pola empresa pública para a contratación deste servizo conteñen unha división do mesmo en 8 lotes e a limitación para os licitadores que concorran ao procedemento a seren adxudicatarios de máximo 2 lotes.

Néstor Rego salientou que “a ninguén relacionado co sector na comarca de Ferrol se lle escapa que este é precisamente un dos obxectivos que a dirección de Navantia persegue con estas medidas, coa intención de debilitar a capacidade de resposta dun cadro de persoal que se ten significado na defensa dos seus dereitos colectivos”.

Esta división responde a unha interpretación perversa da Lei de Contratos do Sector Público que, aínda que permite a división, establece que non se aplique cando a realización independente das prestacións dificulte a correcta execución do contrato do punto de vista técnico, ou que o risco para esa correcta execución proveña da necesidade de coordinar as diferentes prestacións realizadas por unha pluralidade de contratistas diferentes. “Resulta evidente que a prestación do servizo de mantemento, básico para a produción, por distintos contratistas vai causar discrepancias, descoordinación e retrasos. Non hai causas técnicas nin xurídicas que avalen esta división, só pode apreciarse un intento de penalizar ao cadro de persoal e por en risco a súa continuidade” declarou Rego. “Tamén avala esta tese que o centro de Navantia Ría de Ferrol sexa o único que licita o contrato por lotes, mentres que o resto seguen a manter a unidade no servizo” continuo o deputado nacionalista.

En definitiva, o BNG considera que non existe xustificación para a fragmentación en lotes do contrato, e entende que debe apostarse pola prestación do servizo a través de un único adxudicatario, pois favorece a polivalencia funcional do persoal, evita a subactividade e ao mesmo tempo reduce os custos indirectos de estrutura. É dicir, implica unha maior estabilidade no emprego para os traballadores e traballadoras, e unha garantía de calidade na prestación do servizo.

Fonte: BNG. | 29 xan. 2021 - 15:24
_______

mércores, abril 22, 2020

O Comité de Empresa de Acciona de Navantia de Ferrol denuncia a situación en que a dirección do estaleiro colocou á totalidade da súa Industria auxiliar desde o día 15 de marzo de 2020


O Comité de Empresa de ACCIONA en Navantia Ferrol denuncia a situación en que NAVANTIA colocou á totalidade da súa Industria auxiliar desde o día 15 de marzo de 2020, porque, como xa puxemos de manifesto no seu día, suspendeu os contratos que tiña subscritos coas diferentes Empresas e, en consecuencia, os pagos das súas facturas, todo iso de xeito precipitado, posto que o fixo sen esperar ás medidas extraordinarias adoptadas polo Goberno de España no Real Decreto Lei 8/2020, de 18 de marzo e sucesivos.

Esta actuación trouxo como consecuencia que case a práctica totalidade das Empresas auxiliares solicitasen a aplicación de ERTES derivados de forza maior para os seus traballadores e traballadoras, sen ningunha mellora nas súas condicións económicas, cando en moitos casos esta medida non fose necesaria por ter outros recursos aos que acudir, tales como o teletraballo, a distribución irregular da xornada e o permiso retribuído recuperable, por conseguinte soportando todo o custo desta situación a totalidade de devanditos/as traballadores/as.

Ademais do anterior, a decisión de NAVANTIA adoptouse de xeito indiscriminado e sen distinción entre traballos esenciais e non esenciais, saltándose tanto a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público como os Reais Decretos Lei emitidos polo Goberno, mantendo a suspensión dun contrato esencial como é a limpeza.

Proba diso é que noutras empresas pertencentes ao sector público, como RENFE, adoptouse a decisión de non suspender os contratos coas Empresas auxiliares, sobre todo dedicadas á limpeza, como é o caso de ACCIONA, por canto este servizo foi considerado esencial e non prescindible desde o primeiro momento. Por contra, NAVANTIA suspendeu o contrato de limpeza de ACCIONA desde o día 15 de marzo. Froito desta decisión ACCIONA aplicou un ERTE unilateral de Forza Maior, sen interlocución coa RLT.

Nestes momentos que se pretende reactivar a actividade non se comprende a irresponsabilidade por parte de NAVANTIA de manter en suspenso este contrato dunha actividade esencial como a limpeza, que imposibilita o cumprimento do protocolo de Navantia, poñendo en serio risco os usuarios de devanditas instalacións.

Así mesmo, non existe ningún protocolo propio de ACCIONA consensuado coa RLT, sendo un requisito de NAVANTIA no seu propio protocolo.

Ante a pasividade por parte das Direccións de ambas empresas (ACCIONA e NAVANTIA) a RLT de ACCIONA estamos trasladando propostas para resolver esta situación incomprensible co obxecto de garantir a seguridade e saúde de todos/as os/as traballadores/as que operan nas instalacións de Navantia Ferrol.

Polo anterior, ESIXIMOS de NAVANTIA, como Empresa do sector público, que sexa responsable, que retome os contratos coas Empresas Auxiliares que realizan servizos esenciais no Estaleiro iso con carácter retroactivo, porque nunca debeu provocar que estas Empresas e os seus traballadores e traballadoras pagasen as consecuencias da urxencia sanitaria.

Ferrol, a 22 de abril, de 2020.

COMITÉ DE EMPRESA DE ACCIONA EN NAVANTIA FERROL

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
22 de abril de 2020 13:05

_______

Enlaces relacionados

Unión Comarcal de Ferrol:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/menu.do?O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:Ferrol

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Federación de Industria de CCOO:
http://www.industria.ccoo.es/Galicia

Confederación Sindical de Comisión Obreiras:
https://www.ccoo.es/










_________________________

venres, abril 17, 2020

Denuncian a irresponsabilidade das direccións de Navantia e Accióna ante a recuperación da actividade no estaleiro sen garantir a saúde dos traballadores e traballadoras


O COMITÉ DE EMPRESA DE ACCIONA ESIXE ÁS DIRECCIÓNS DE NAVANTIA A REACTIVAR O CONTRATO CON ACCIONA ENCARGADA DA LIMPEZA E DESINFECCIÓN DO ESTALEIRO

Así mesmo denunciamos que ACCIONA carece do obrigado protocolo de reactivación de actividade esixido polo Ministerio de Sanidade co fin de garantir a saúde de todos os seus traballadores e traballadoras, en especial dos T.E.S.

O Comité de Empresa de ACCIONA denunciamos a irresponsabilidade polo xeito de actuar por parte de NAVANTIA e ACCIONA nunha situación tan grave como a actual, onde se está reformulando a recuperación da actividade no estaleiro sen garantir a saúde dos traballadores e traballadoras. Non é comprensible que ante esta situación NAVANTIA manteña a suspensión do contrato á empresa ACCIONA, encargada da limpeza e desinfección do estaleiro, sendo esta función esencial para retomar a actividade industrial coas garantías obrigatorias para a saúde e seguridade de todas as persoas traballadoras usuarias das instalacións.

Tamén denunciamos que ACCIONA, ante esta situación, mantén un ERTE ao seu persoal e carece do obrigado protocolo de reactivación de actividade esixido polo Ministerio de Sanidade para adecuar a seguridade dos seus traballadores e traballadoras, especialmente dos T.E.S. (traballadores especialmente sensibles), vulnerando gravemente a este colectivo ao non ter en conta a súa situación de risco.

Ante este escenario, tamén denunciamos a actitude pasiva por parte da Xunta de Galicia á hora de non esixir, tando a NAVANTIA como a ACCIONA, o cumprimento e vixilancia de devanditos protocolos esixidos polo Ministerio de Sanidade, cuestión esta que, desde as distintas organizacións sindicais, lévaselle demandando, desde o inicio da crise.

Ferrol, a 15 de abril, de 2020

Roberto Villasuso Vázquez

Sec. Organización CCOO INDUSTRIA-FERROL

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
15 de abril de 2020 14:47

______

Foto de Daniel Alexandre | Febreiro de 2014 | Protesta de traballadores de Acciona diante do edificio de dirección de Navantia Ferrol.
_______
Unión Comarcal de Ferrol:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/menu.do?O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:Ferrol

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Federación de Industria de CCOO:
http://www.industria.ccoo.es/Galicia

Confederación Sindical de Comisión Obreiras:
https://www.ccoo.es/










domingo, marzo 01, 2020

Diante do conflito en Electro Rayma, CCOO Industria da comarca de Ferrol chama á constitución da Comisión Central Auxiliares Navantia


ELECTRO RAYMA e COMISIÓN CENTRAL DE AUXILIARES


CCOO Industria da comarca de Ferrol nos amosámonos totalmente en contra de que NAVANTIA lle quite traballo a ELECTRO RAYMA neste caso, como se fose a outra noutro caso, por carecer de motivos obxectivos respecto o AOR2.

Entendemos e compartimos a prioridade de realizar a carga de traballo en calidade e tempo, cualidade que identifica ao Estaleiro. Por iso agardamos que as noticias que se deslizan no sentido de quitar traballo se modulen e harmonicen pois esta empresa a día de hoxe chega aos fitos produtivos en tempo no AOR2, cunha previsión de mellora produto de comezar a traballar a tres quendas e co reforzo de persoal desprazado ao AOR1. Polo ben d@s traballadores/as de Rayma, que é o que a CCOO nos importa, agardamos tamén que Rayma mellore a súa xestión e argumente a súa planificación cara a Navantia.

Dende CCOO Industria da comarca de Ferrol apostamos polo emprego directo por parte de Navantia. E mentres a empresa segue con políticas de subcontratación descontrolada apostamos porque as empresas locais teñan a cualificación e a capacidade de dotarse de persoal, coas condicións dignas do Convenio do Metal de A Coruña complementas cos Acordos de Navantia incluídos en dito convenio firmado por CCOO.

A industria local revirte sempre en maior medida nesta comarca tan sacudida polas políticas desindustrializadoras lexisladas na reforma laboral do PP e coa Xunta de Galicia posta de perfil.

Así mesmo, dende CCOO Industria da comarca de Ferrol instamos a Navantia a que abra dunha vez a Comisión Central de Auxiliares que deriva da firma do Convenio de Navantia e en xaneiro se comprometeron a convocar canto antes. Seguimos agardando pero se non é convocada canto antes teremos que tomar medidas adecuadas ao calado do que nesa Comisión se ten que resolver para os planteis da Industria Auxiliar de Navantia.

Para a Industria Auxiliar a regulación das condicións laborais da Industria Auxiliar é primordial que se regule nas licitacións de Navantia o cumprimento do Convenio do Metal de A Coruña. Non poden poñerse de lado ante a competencia desleal baseada no convenio que vai a cumprir cada empresa, como poden ser os convenio de enxeñería, consultoría ou construción. Así como outros puntos que debemos abordar en dita Comisión.

Ferrol a 29 de febrero de 2020.



Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
29 de fevereiro de 2020 17:07

_______
Enlaces relacionados

Unión Comarcal de Ferrol:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/menu.do?O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:Ferrol

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Federación de Industria de CCOO:
http://www.industria.ccoo.es/Galicia

Confederación Sindical de Comisión Obreiras:
https://www.ccoo.es/










_________________________

xoves, xullo 18, 2019

Elinco confirmara a súa intención de aplicar un ERE de extinción para o todo cadro de persoal e ir á liquidación da empresa - Os traballadores de Elinco vítimas da política de contratación de Navantia demandan a subrogación de todo o persoal


Os traballadores de Elinco vítimas da política de contratación de Navantia de manda n a subrogación de todos postos de traballo.


O persoal instálase nas oficinas de Elinco para esixir o pago dos salarios e información sobre o futuro da empresa. | Ferrol - 15 Xullo 2019 | A compañía perdeu un contrato con Navantia polas débedas que ten coa Seguridade Social.

O persoal de Elinco concéntrase diante do Concello de Narón en demanda de solucións. | Narón - 16 Xullo 2019 | A empresa debe os salarios de xuño e a paga extra, acaba de presentar un ERE de extinción e ten problemas financeiros.

A dirección de Elinco confirma a súa intención de aplicar un ERE de extinción e liquidar a empresa. | Ferrol - 18 Xul 2019 | O persoal volveuse concentrar hoxe diante de Navantia para esixir garantías do pago dos salarios.

Fonte: Avantar.
________

venres, marzo 01, 2019

CCOO Industria valoraron, hoxe en rolda de prensa os Acordos da industria auxiliar de Navantia e sobre os Coeficientes Reductores na idade de xubilación no Sector Naval


Hoxe 1 de marzo de 2019, a federación de industria de CCOO realizou unha rolda de prensa na Unión Comarcal de CCOO de Ferrol, sobre da situación da Industria Auxiliar de Navantia neste momento. Dous foron os temas tratados un sobre a adhesión á solicitude de establecemento de coeficientes redutores na idade de xubilación e a valoración dos dereitos adquiridos da industria auxiliar.


COEFICIENTES REDUCTORES SECTOR NAVAL

Nas últimas datas están achegando nas reunións dos distintos Comités de Empresa que traballan en Navantia Fene ou Ferrol un documento para adherirse á solicitude de establecemento de coeficientes redutores. Ditas adhesións logo as queren trasladar á Delegación de Goberno en Galicia.

Ante esta situación, CCOO como coñecedores dos trámites farragosos necesarios para establecer coeficientes redutores trasladamos aos nosos delegados a realidade do proceso, pero que por suposto estamos de acordo e traballando para acada-los.

Cremos que se trata dunha acción meramente mediática. Polo tanto, dende CCOO instaremos ás Asociacións empresariais maioritarias do Sector Naval a solicitar conxuntamente cos Sindicatos o recoñecemento ao Sector susceptible de adoptar coeficientes redutores, dirixido á Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social, competente neste asunto. A partires dese intre o proceso si toma un carácter mediático e político, pois depende de varios Ministerios a valoración ou paralización do mesmo. Mostra do efecto político son a cantidade de procesos que paralizou a Ministra Fátima Báñez, co Goberno do PP.

Unha vez recoñecido ao sector como susceptible de adoptar coeficientes redutores debe estimarse no seno das Empresas a fase de recompilación de informes e estudios que avalan e distinguen os diferentes coeficientes redutores en función das condicións de traballo e categorías profesionais.


VALORACIÓN DOS DEREITOS ADQUIRIDOS DA INDUSTRIA AUXILIAR

O pasado 26 de febreiro asinouse, entre a Parte Social e a acabada de constituír Asociación de Empresarios do Naval, a ratificación dos Acordos da Industria Auxiliar de Navantia, pasando dese xeito de Disposición Transitoria (con caducidade ata o 30 de xuño de 2020) a Disposición Adicional, sendo parte, a partir de agora a ser corpo do Convenio coa ultractividade do mesmo.

Dende CCOO valoramos moi positivamente o paso dado, non sendo o derradeiro, pois quedan asuntos por regular aínda que non sexan xa de negociación do Convenio, senón en canto ao regulamento e contratación da Industria Auxiliar dentro de Navantia.

Valoramos o papel de CCOO como imprescindible, activo e valedor de todas as propostas a pesar de non ser o sindicato maioritario. CCOO dende o primeiro momento tivo na súa folla de ruta e como un dos seus principias obxectivos a inclusión dos Acordos da Industrial Auxiliar do Naval dentro do Convenio Provincial do Metal. Para iso era imprescindible a sinatura do dito Convenio, por un lado, polas melloras que recollía para o conxunto dos traballadores e traballadoras e por outro porque era a ferramenta imprescincible para unha futura inclusión destes Acordos (a través da Disposición Transitoria), tal e como resultou sendo.

A sinatura deste Convenio permitiu o inicio das negociacións na Mesa do Naval de Ferrol. O resultado final, unha vez superadas as trabas postas pola Patronal de sidero, foi a inclusión dos Acordos da Industria auxiliar do Naval no Convenio Provincial do Metal, cumpríndose o obxectivo que, dende un primeiro momento, estaba na estratexia marcada por CCOO.

Finalmente cabe sinalar as principais melloras obtidas, incluídas TODAS e CADA UNHA DELAS na plataforma presentada por CCOO:

- Artigo 38.- INCREMENTO SALARIAL. Unha suba dun 8,1% garantindo a revisión do IPC sempre con 0,5% por riba do mesmo.

- Artigo 11.- SUBROGACIÓN. A Subrogación do persoal, con todos seus dereitos e obrigacións, sempre que a esta sexa para prestar servizos de mantemento nas Administracións Públicas e/ou Empresas Públicas en virtude dunha concesión administrativa ou contrato público.

- A inclusión do punto dos Acordos da IIAA no Convenio foi clave tanto para que se dise todo o proceso de acordo coas Empresas Auxiliares que traballan en Navantia como de acordo coa Patronal de Sidero, que foi a máis reacia á inclusión dos ditos acordos.

- Melloras en licencias como por exemplo o aumento do número de horas, acompañamentos a fillos menores de 15 anos, etc.

- Regulamento de ETT ́s, empresas multi-servizos, uso abusivo das Mutuas, etc.

Ferrol, a 28 de febreiro de 2019


NORABOA AO CONXUNTO D@S TRABALLADORES E TRABALLADORAS
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS

---
Roberto Villasuso Vazquez
CCOO INDUSTRIA-FERROL

rvillasuso@industria.ccoo.es

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
 -rvillasuso@industria.ccoo.es- 
1 de março de 2019 14:52 
___________________

venres, outubro 26, 2018

O persoal das auxiliares do naval da ría de Ferrol marchan a pé até a Ponte das Pías para esixir a inclusión dos acordos no convenio do metal - Este xoves secundan paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.


O persoal das auxiliares marcha a pé até a Ponte das Pías para esixir a inclusión dos acordos no convenio do metal . | Este xoves secundan paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.

Miles de traballadores e traballadoras da industria auxiliar do naval marchaban a pé este xoves dende os estaleiros de Fene e Ferrol para esixir á patronal provincial que asuma a incorporación dos acordos no texto do convenio do metal. O persoal saía por volta das 10:30 da mañá das instalacións de ambas beiras da ría para atoparse na Ponte das Pías, onde realizaron unha asemblea na que se chamou a intensificar a loita.

Esta marcha enmárcase no calendario de mobilizacións que precede a reunión que o vindeiro 6 de novembro terá lugar en Compostela entre a representación social, a patronal provincial e as empresas, tras o bloqueo das agrupacións provinciais na última reunión no Consello Galego de Relacións Laborais. Nese encontro, a pesar de terse pechado un documento na Mesa do Naval de Ferrol que daba resposta aos requirimentos da patronal provincial, esta insistiu en alongar innecesariamente o conflito, impondo unhas condicións para a incorporación ao convenio do metal que a CIG-Industria cualifica de "inasumíbeis".

Declaración no Pleno do Concello


En resposta a este bloqueo, nas asembleas de traballadores/as aprobouse levar adiante un intenso calendario de mobilizacións que comezou esta semana con protestas naquelas empresas auxiliares que non están cumprindo cos acordos ou que son reticentes a ratificar o documento saído da Mesa do Naval. "Queremos saber quen está pola labor de aplicar os acordos e quen non", apuntaba o secretario comarca da CIG-Industria, Vicente Vidal, minutos antes de arrincar a marcha dende o estaleiro de Ferrol.

Na xornada de hoxe tamén están convocados paros laborais de dúas horas por quenda de traballo, que están sendo secundados masivamente polo persoal. Coincidindo coa folga da tarde, as centrais sindicais chaman os operarios e operarias a asistir ao Pleno do Concello de Ferrol, onde se solicitará o apoio a unha declaración institucional a prol da inclusión dos acordos salariais das auxiliares no convenio provincial.

Manifestación o día 31 na Coruña

Para o vindeiro mércores, día 31, operarios/as das auxiliares e de Navantia trasladaranse até a Coruña para desenvolver unha manifestación que sairá da explanada do edificio de sindicatos, percorrerá a Avenida de Alfonso Molina e rematará diante da sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña. Dende a CIG-Industria lanzouse un chamamento á participación masiva nestas mobilizacións, dada a transcendencia social que ten para a comarca regular as condicións laborais e salariais deste colectivo formado por miles de traballadores/as e a dependencia económica de Ferrolterra do sector naval.

Xunto a isto, as organizacións sindicais teñen solicitada unha reunión co conselleiro de Economía, emprego e industria, para instar o Goberno galego a que realice as xestións precisas para acadar unha solución favorábel ao conflito.

Responsabilidade de Navantia

O obxectivo deste calendario de protestas tamén é presionar as empresas do sector para que á súa vez exerzan presión diante da patronal provincial para que acepte incorporar os acordos no convenio colectivo. "Nestes momentos, apuntan Vidal, é prioritario darlle carácter de legalidade aos acordos dentro do marco do convenio do metal, e así o entenden os traballadores/as, porque só así lograremos que teñan eficacia normativa e que sexan de obrigado cumprimento".

Neste senso, apuntou á responsabilidade de Navantia nesta situación, que aproveita a falta de regulación para abaratar os custes de produción a conta de rebaixar dereitos e salarios do persoal das auxiliares. "A competencia entre as empresas auxiliares ten que pasar por ofertar tecnoloxía, capacitación, homologación, etc., pero non por recortar o salario dos traballadores e as traballadoras", aseverou Vidal.

Condicións inasumíbeis da patronal provincial

Sobre a postura da patronal provincial, a CIG-Industria de Ferrol reitera que "as súas esixencias son inasumíbeis dende o momento no que pretenden que os acordos caduquen en novembro de 2019, o que suporía que a súa vixencia remata mesmo antes de que os traballadores/as poidan cobrar o 100% do plus; e porque, ademais, pretenden que as empresas locais se constitúan en patronal e negociemos un convenio de auxiliares, algo ao como CIG nos opomos radicalmente".

Neste senso, lembran que o ámbito de negociación das condicións laborais e salariais do persoal das auxiliares de Navantia é o convenio provincial. "Son traballadores e traballadoras do metal e o seu marco regulador é o convenio da provincia da Coruña, un ámbito no que somos máis fortes á hora de negociar melloras nas nosas condicións", salientan.

Folga a partir do día 7


Resolver o conflito na industria auxiliar do naval de Ferrolterra está nas mans da patronal provincial. Pero se o vindeiro día 6 non hai avances neste punto, as centrais sindicais xa advertiron que a partir do día seguinte, mércores 7, iniciarase folga no sector. Hoxe o persoal deu unha mostra de que está disposto a seguir na loita até lograr que se recoñezan os seus dereitos.

Pleno de Ferrol apoia as reivindicacións do colectivo


O Pleno do Concello de Ferrol aprobaba este xoves (coa abstención da concelleira de Cs) unha declaración a prol da inclusión dos acordos das industrias auxiliares non convenio do metal. A diferenza do que aconteceu hai un ano, cando en plena folga no sector non se permitiu a intervención do colectivo para expor as súas demandas, nesta ocasión si se puido escoitar a voz dos traballadores/as das auxiliares no pleno municipal.

O secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, foi o encargado de darlle lectura á iniciativa na que se pide á Corporación local que inste a patronal provincial a aceptar, dunha vez, a inclusión dos acordos de 2001 no convenio do metal da Coruña.

Fonte: Avantar. | Baixo Licenza Creative Commons. No enlace orixinal máis info e interesante e abundante galería fotográfica. Ir á web.
____________