Amosando publicacións coa etiqueta #Coronavirus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #Coronavirus. Amosar todas as publicacións

martes, outubro 27, 2020

Nós Diario: O Goberno español decreta o estado de alarma, prorrogábel até 9 de maio - Todas as novas medidas do estado de alarma: que podes facer e que non


O Goberno español decreta o estado de alarma, prorrogábel até 9 de maio

Haberá restricións á mobilidade, confinamentos entre as 23 horas e as seis da madrugada e limitaranse as reunións a un máximo de seis persoas.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo na roda posterior ao Consello de Ministras extraordinario, a aprobación do estado de alarma para todo Estado español, que entrará en vigor esta tarde. O seu obxectivo é que esta situación sexa prolongada polas Cortes Xerais durante seis meses, até 9 de maio.

O decerto aprobado hoxe estabelece un confinamento desde as 23 horas até as seis da madrugada, aínda que poderá ser modulado por cada territorio cunha marxe dunha hora (adiantándoo ás 22 horas ou ben retrasándoo até a medianoite). Tamén o poden modificar para que finalice ás cinco ou as sete da madrugada. O mesmo ocorre coas reunións, que como norma xeral non poderán superar as seis persoas.

Os presidentes, o da Xunta no caso da Galiza, serán a autoridade delegada nos seus territorios e terán potestade para decretar confinamentos totais ou parciais. Así, Feixoo poderá limitar a entrada e saída dos seus territorio, é dicir, o peche perimetral do conxunto do país ou unha parte do seu territorio, aínda que haberá tamén excepcións como asistencia a centros sanitarios, acudir a centros educativos ou razóns laborais, entre outras.
Sánchez pide apoios

Sánchez recalcou que a duración deste estado de alarma "non é inamovíbel" e pode levantarse se se supera a situación, aínda que agregou que eses seis meses de duración é o prazo que aconsellan as persoas expertas para superar non só esta segunda onda, senón a etapa "máis dañiña" da Covid-19. "Os expertos din que as razóns están plenamente xustificadas", remachou Sánchez para solicitar formalmente a todos os grupos parlamentarios do Congreso das Deputadas que dean o seu "apoio abafador" á prórroga do estado de alarma, dado que haberá rendición de contas continúa sobre a súa aplicación.

De feito, revelou que conversou de modo "cordial" co líder do PP, Pablo Casado, para poder contar co seu apoio para habilitar este mecanismo "eficaz para conter e manter a raia o virus", tanto no plano da actuación contra a enfermidade como desde o plano constitucional. "Entendo que é unha cuestión de Estado e os partidos que se consideran de Estado deberían apoiar esta medida tan extraordinaria", remachou para asegurar que tampouco alberga dúbidas de que no Consello Interterritorial aumentaranse ou relaxarán as medidas se así o require a situación.


Todas as novas medidas do estado de alarma: que podes facer e que non

É un estado de alarma descentralizado e cada comunidade ten o poder de aplicar medidas en función das súas necesidades.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo na roda posterior ao Consello de Ministras extraordinario, a aprobación do estado de alarma para todo Estado español, que entou en vigor esa mesma tarde. O seu obxectivo é que esta situación sexa prolongada polas Cortes Xerais durante seis meses, até 9 de maio.

Confinamento nocturno


Entrou en vigor ás 23:00 horas e prolongarase todos os días ata as 6.00 horas, agás Canarias, onde non se fai efectivo este toque de recollemento. Este é o marco xeral aprobado polo Goberno español e que cada territorio pode agora ‘modular’ unha hora ao principio e outra ao final para axustar o confinamento. Así, en Catalunya rexe desde as 22:00, non desde as 23:00.

Hai excepcións nas que si se pode sair á rúa durante ese confinamento e que aparecen recollidos no artigo 5 (Limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno) do decreto publicado no BOE este domingo:

a) Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.

d) Cumprimento de obrigacións laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

e) Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades previstas neste apartado.

f) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

i) Reposición en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.
15 días

O estado de alarma estará vixente polo menos durante 15 días, mais o Goberno quere que as Cortes aproben unha ampliación até o 9 de maio
Confinamento territorial

Os gobernos autonómicos poderán limitar o movemento no seu territorio, impedindo entradas e saídas no mesmo ou ben en determinadas comarcas, cidades, vilas... Nestas restricións á mobilidade fican á marxe aquelas aquelas que sexan por motivos laborais, sanitarios, asistencias ou docentes.
Xuntanzas

O estado de alarma fixa un máximo de 6 non convivintes como o máximo que pode estar reunido. Na Galiza o criterio é máis restritivo, son 5 o máximo, e nalgunhas zonas do noso país, por exemplo Ourense ou Compostela, só se permiten xuntanzas de convivintes.

Publicado en Nós Diario. | 15:24 do 25 de outubro de 2020 |
09:54 do 26 de outubro de 2020.

✏ Real Decreto 926/2020, de 25 de octubre, por el que se declara el estado de alarma para contener la propagación de infecciones causadas por el SARS-CoV-2. | Acceder/Baixar.
_______

mércores, agosto 26, 2020

A plataforma Dereito ao Ensino sen Risco en Pandemia entrega 2.000 sinaturas esixindo que se permita aos pais decidir se envían ou non aos seus fillos á escola mentres non se garanta á seguridade fronte á Covid-19

A plataforma Dereito ao Ensino sen Risco en Pandemia entrega 2.000 sinaturas esixindo que se permita aos pais decidir se envían ou non aos seus fillos á escola mentres non se garanta á seguridade fronte á covid-19

Os asinantes do manifesto de DERPA reclaman á Xunta protocolos para o incidio do curso que protexan a saúde de alumnos, profesores, familias e traballadoras, e que garantan o dereito ao ensino dos nenos e nenas

As voceiras da plataforma Dereito a Ensino sen Risco de Pandemia (DERPA), formada por 750 familias de todo o país, entregarán este mércores no Rexistro Oficial da Xunta de Galicia arredor de 2.000 sinaturas recollidas presencialmente en toda Galicia esixindo ao Goberno galego que poña en marcha os protocolos sanitarios e educativos axeitados para un comezo seguro do curso escolar en Primaria e Infantil.

As asinantes esixen garantías efectivas tanto para a saúde de todos os membros da comunidade escolar (alumnado, familias, profesorado e traballadores), como o dereito ao ensino das nenas e nenos que poden verse afectadas pola segunda oleada da epidemia de covid-19 en Galicia, e polas medidas necesarias para combatila.

As esixencias de DERPA súmanse así ás das miles doutras familias de todo o país que, a través das redes sociais e de diferentes plataformas, veñen denunciando que oProtocolo da Xunta de Galicia para o retorno ás aulas incumpre o disposto no RealDecreto-lei 21/2020, de 9 de xuño de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

As asinantes da reclamación de DERPA esixen:

Que se contemple, mentres dure a epidemia, a voluntariedade da asistencia presencial ás aulas nas etapas de primaria e secundaria nos centros educativos de Galicia, sen menoscabo do dereito á educación das familias que decidan non asistir presencialmente, arbitrando os medios electrónicos que sexan necesarios.

Que se habiliten solucións electrónicas para a educación a distancia dos nenos e nenas de Infantil, mentres dure a pandemia, sen que a súa non asistencia as clases presenciais supoña a perda de praza nos centros educativos nos que a teñan asignada.

Que se consensúen os protocolos da Xunta, para que as familias que necesiten e decidan levar aos seus fillos e fillas presencialmente ás aulas, teñan garantida a máxima seguridade fronte á covid-19, sen menoscabo de dereitos.

Que se vele especialmente para non deixar a ningunha nena e neno atrás, atendendo singularmente ás necesidades educativas especiais, e aos alumnos e alumnas en risco de exclusión ou abandono escolar, para evitar que se vexan afectadas negativamente polas medidas adoptadas como consecuencia da adaptación das necesidades educativas á situación de epidemia.

Compostela, 25 de agosto de 2020.-

DERPA Galicia

Dereito a Ensino sen Risco en Pandemia

Enviado por:
Asistencia Voluntaria
-vueltaseguragalicia@gmail.com-
25 de agosto de 2020 18:21

_______

mércores, xullo 08, 2020

Coronavirus: Cita Previa para a Ciborgvida, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
08.07.2020


CORONAVIRUS:  CITA PREVIA PARA A CIBORGVIDA

Moitas sospeitavamos que no desconfinamento non existían chanzos nen escadas. Moitas sospeitavamos que esa nova realidade enmascarada non era máis que a globalización da Cyborg Foundation, esa organización adicada a converter aos humanos en ciborgs. Sospeitavamos que, como na película Virus,  este ía servir de coartada para nos someter ao imperio das máquinas. Mais o poder non precisou de alien nen treboada. O androide xigante é o propio Estado que cos grupos do poder financeiro moven o brazo eletrónico a distancia en feitío de Cyborg 2.0. Na relixión dos smart, tiñan asegurada a tecnofilia. Por agora, non precisaron investir capital en implantes debaixo da pel nen chip RFID para o que necesitarían da anestesia local, carosa coa telemedicina na que debruzamos baixo esta liberdade vixiada. Por agora, chega coa dopaxe dos medios de comunicación.

Longas ringleiras dos antigos cidadáns, privilexiados que conseguiron unha cita previa, agardan agora horas torrados ao sol, mulleres preñadas e velliñas que viviron as longas colas da fame durante a posguerra civil, de pé, sen saber se van ficar ás portas do concello sen poder realizar as xestións de forma presencial após lles pedir a ese veciño amabel se lles podía pedir cita pois elas non tiña nen teléfono e as cabinas dos teléfonos públicos foran fusiladas da noite para a mañá.

Quen lles ía dicir a elas que o virus terían máis querencia polo funcionariado do que polos churriolos sollosos das praias, deixando sen dereito ás xestións de supervivencia (trámites para solicitar o Ingreso Mínimo Vital, becas de comedor escolar, asistencia social…) aos atecnolóxicos carentes de wifi, computadora ou móbil. Quen lles ía dicir que asistirían ao colapso da administración pública coa coartada da seguridade sanitaria en plena campaña eleitoral, pasmadas perante o silenzo de todas as organizacións sociais, sindicais ou políticas.

Camiñamos as rúas da nova normalidade procurando descubrir a seda eletrónica do prezado silicio implantado nas calugas, os códigos QR que nos enxerguen a pasividade e a resignación. Camiñamos sentindo a ledicia das terrazas desenmascaradas onde o virus, tan perigoso nas administracións, non é quen de entrar. Cos ollos fiteiros abesullando tatuaxes por ver de descubrir interfaces dixitais. Procurando as pegadas da estética transhumanista, a banca eletrónica das finanzas cíborg da especulación planetaria. Axexando, por riba das máscaras cirúrxicas dos homes-máquina, unha ollada aínda humana sen eyeborg a nos pintar un aborrecemento ou un reproche. Non precisamos de escoitar as cores da contorna se temos ollos para as albiscar. Temos de vagar con ondulacións ventureiras para despistar aos oídos biónicos desconfinados dos balcóns. E na nosa torpura ancestral simular eficiencia para non levantar sospeitas de humana ética pretecnolóxica. Camiñar cismando se o medio non será o fin. Escorregando pola fenda dixital dos apestados, dos invisibeis fracasados, dos máis vulnerabeis nun mundo de prepotencia criminosa. Furtándonos  aos insectos cíborg máis mortíferos do que as velutinas, sen comprender aos artistas de ovella electrónica e a necesidade das mentes cibernéticas para acadar unha vida merecente de tal nome.

A velocidade á que nos conectamos na era dixital a grandes distancias bate frontalmente coa lentitude forzosa coa que peregrinamos, previa cita, do INSS ao SEPE, da banca á Tesourería, nun longo proceso kafkiano, pregando por un documento que há décadas que tiña que estar accesibel sen a nosa intervención, co simple cruce de datos entre organismos.

Paul Virilio, brillante investigador especializado nas novas tecnoloxías da comunicación, estudou a dromoloxía, o estudo da aceleración con que se están a suceder as transformacións históricas e de que modo nos están afectando as novas tecnoloxías que abren un novo concepto de tempo, virtualidade, ciberespazo e novos xeitos de comunicación.

Hoxe necesitamos cita previa para todo, para facer deporte o mesmo que para retirar livros na biblioteca pública. Para a declaración da renda como para conseguir unha fe de bautismo para apostatar. E os mesmos que desprezavan o diagnóstico polo iris como seudociencia pídennos unha foto da gorxa para diagnosticar vía email.

Parece que están a analizar a sibilinina como terapia para el virus mais eu creo que o futuro está na sibilina presenza social. Aparentar nihilismo mentres seguimos á Sibila á quen os antigos atribuían o don da profecía e o coñecemento do futuro, camuflándonos aos ollos dos drons nunha sorte de refugallos humanos que xunto aos organizativos e informacionais fagamos parte das externalidades do sistema como agochados hackers prestos a inocular o virus da revolta dende todos os arrabaldos planetarios. Nunha renuncia ao carro elétrico nun chisco á neneza explotada polo silicio das baterías.

Dicía Virilio que se o tempo é ouro, a velocidade é poder. Mais se o tempo creba o patrón ouro, pode que a lentitude afortale o contrapoder. Iso ou correr con todas as nosas forzas para mantermonos no mesmo lugar, mais alonxados do cubo de refugallos ao que están condeados os do furgón de cola, como atina a describir Bauman.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
8 de julho de 2020 19:43

_______

venres, maio 08, 2020

CCOO Industria de Ferrol, na desescalada do estado de alarma, demanda protocolos de consenso en tódolas Empresas que garantan que ningún traballador ou traballadora se poida contaxiar nos centros de traballo


ESTADO DE ALARMA E PROTOCOLOS


CCOO Industria de Ferrol agardamos que os partidos políticos, sexan responsables e consecuentes e poida prorrogarse o Estado de Alarma, para conseguir avances no sentido que imos, de redución de novos contaxiados e mortes e de non saturación dos servizos sanitarios. Aínda estamos moito por riba das mortes coas que se iniciou este Estado de Alarma, e non procede confiarse poñendo en risco a saúde da poboación nen deixarnos nunha deriva que pode ter consecuencias máis graves das que xa vimos sufrindo, A ausencia do Estado de Alarma levaría a ter que manter medidas sanitarias, non poder reanudar a actividade por esas medidas, e deixar desamparados aos traballadores acollidos a ERTEs actualmente. E abriría o paso a novos rebrotes froito tamén da eliminación das restricións de mobilidade asociadas a este Estado.

CCOO Industria de Ferrol no terreo laboral tamén esiximos protocolos de consenso en tódolas Empresas que garantan que ningún traballador se poida contaxiar nos centros de traballo, pois con medidas axeitadas isto é posible. En canto a medidas como escalonamento nas entradas en centros de traballo especialmente nos que asisten un número importante de traballadores, entendemos que ese escalonamento debe efectuarse no intervalo de xornada que se viña realizando, pois as medidas preventivas asociadas ao COVID-19 non deben recaer sobre os traballadores, e o contrario sería unha modificación substancial das condiciones de traballo. Así mesmo, este tempo temos que reflexionar, evitar aglomeracións de traballadores, equilibrar os quendas de traballo e eliminar as horas extras. CCOO Industria de Ferrol consideramos prioritaria a Prevención e Saúde d@s traballadores/as, e polo tanto a volta a actividade debe ser con garantías. Neste senso esiximos a responsabilidade ós Empresarios da nosa comarca, e que sexan previsores na planificación dos seus traballos, para ter as instalacións preparadas e a organización necesaria para cumprir de xeito estrito o protocolo de reanudación da actividade. Esta situación e este virus nos centros de traballo, soamente se combate dende a organización, EPIs axeitados e outras medidas preventivas como limpeza/desinfección, tanto na obra como nos vestiarios e desinfección entre usos de duchas. As Direccións das empresas deben garantirnos esas bases para poder traballar, e se non é así CCOO denunciaremos ante os órganos que proceda.

O COVID-19 e a súa mortalidade e capacidade de transmisión ten que servir para que reflexionemos e melloremos a nosa vida e a conciencia de clase.

¡¡¡XUNT@S SAIREMOS E XUNT@S NOS DEFENDEMOS!!!

Ferrol, a 5 de maio, de 2020.

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
5 de maio de 2020 20:50
_______

mércores, maio 06, 2020

Manifesto polo Decrecemento en tempos de crise polo novo coronavirus e a Covid'19 - Perante a cobertura informativa dos distintos medios de comunicación en relación á pandemia


MANIFESTO POLO DECRECEMENTO.

Aos medios de comunicación.

Perante a cobertura informativa dos distintos medios de comunicación en relación á pandemia do COVID19, as persoas e organizacións abaixo asinantes rexeitamos:

A frivolización que a maioría destes están a facer respecto á orixe do COVID19, por estar a introducir no imaxinario colectivo que a responsabilidade da pandemia é da poboación chinesa que come carne de animais salvaxes. Unha información que tende a asimilar “animais salvaxes” con “especies animais aberrantes para a nosa cultura culinaria” -como é o caso do morcego ou o pangolín- e que, con todo, omite que o consumo de carne procedente de animais salvaxes é característico da humanidade e exclúe da devandita categoría outras especies como o polbo, as nécoras, o xabaril, o cervo, as perdices, os paspallás e todas aquelas que forman parte da nosa contorna cultural. Ademais de mal informar, esta distorsión da realidade está a xerar altas cotas de xenofobia.

Da mesma maneira, entendemos que no actual debate son moitos os medios de comunicación que están a ignorar os argumentos que establecen que as causas da actual pandemia son un modelo humano depredador que basea a súa economía nun crecemento infinito que excedeu os límites físicos e ambientais dos ecosistemas do planeta, obrigando a convivir a especies animais que noutras circunstancias raramente cruzáronse.

Neste sentido, tamén queremos manifestar a nosa perplexidade pola ausencia case absoluta de referencias ós avisos que o mundo científico viña facendo sobre a posibilidade de que algo similar puidese ocorrer; como tamén se están ignorando as advertencias científicas sobre outros probables e próximos sucesos catastróficos para a humanidade. Prognósticos que, con todo, veñen sendo utilizados de forma habitual polo Movemento polo Decrecemento nas distintas partes do mundo onde se atopa, para favorecer e demandar un drástico cambio en aspectos económicos, políticos, sociais, culturais e, por suposto, sanitarios.

Entendemos que o constante desequilibrio ambiental que afronta o planeta é consecuencia de prácticas capitalistas depredadoras, as cales activaron poderosos mecanismos naturais que, co paso do tempo, están a dar lugar a un novo equilibrio global no que a especie humana non ten garantida a súa existencia. A persistente transmisión da mensaxe de que a especie humana non forma parte do devandito equilibrio é profundamente errada e conlevará que, unha e outra vez, se cometan os mesmos ou similares erros: parécenos contraproducente, e mesmo manipulador, que se oculte á opinión pública que a COVID19, descuberto en Wuhan, converteuse en pandemia por causa da globalización; e parécenos preocupante que os medios de comunicación omitan do debate actual que todos os anos rexorden á vida microbios e bacterias no proceso de fusión dos glaciares e o permafrost debido ao quecemento global vinculado ao cambio climático.

E é que os distintos informes elaborados polo panel de expertos do IPCC veñen avisando do perigo real de epidemias e pandemias a causa da mudanza climática, xa sexa pola volta á vida de patóxenos ou pola adaptación dos xa existentes ás novas condicións de temperatura, humidade e/ou contaminación.

Por todo iso, facemos un chamamento aos medios de comunicación para que, de forma urxente, introduzan no debate a improrrogable necesidade de aplicar medidas encamiñadas a contrarrestar a lóxica da globalización capitalista e apostar pola resiliencia local e a xustiza global, mellorando a soberanía das comunidades, reforzando a súa capacidade de autoxestión e autoprodución, os seus circuítos de abastecemento de proximidade, así como o apoio mutuo e os autocuidados; xa que non se debe descartar que á pandemia do COVID19 sucédanlle situacións sociais, políticas, económicas, enerxéticas e/ou climáticas que poñan en perigo o equilibrio ecosistémico e a satisfacción das necesidades humanas esenciais.

Queremos terminar apelando ó reforzo dos principios de honestidade, transparencia, equilibrio e debate sereno desde as distintas visións que existen sobre a actual situación. Entendemos que nun momento no que o estado de alarma sanitaria impide a celebración de reunións, charlas, mesas redondas, conferencias, manifestacións e todo tipo de concentración de persoas, os e as profesionais da comunicación deben esforzarse ao máximo por dar voz a todas as visións e propostas da sociedade, entre as que deben atoparse a análise, os principios e as propostas do Movemento polo Decrecemento.

Colectivos e persoas promotoras do Manifesto polo Decrecemento:

Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo
https://redeparaodecrecemento.wordpress.com/

Rede para o Decrescimento de Portugal
www.decrescimento.pt
geral@decrescimento.pt

Solidaridad Internacional Andalucía
www.solidaridadandalucia.org

Entesa pel Decreixement de Catalunya
martavilarob@gmail.com

FAVB (Federació d’associacions de vecinos y vecinas de Barcelona) favb@favb.cat

Véspera de Nada por unha galiza sen petroleo.
www.vesperadenada.org

La Transicionera
www.latransicionera.net

Colectivo de Educación para la Participación
http://redasociativa.org/crac/

CGT Huelva
https://www.cgtandalucia.org/

CGT Ourense
cgtourense@gmail.com

Asociación Pies en la Tierra
www.facebook.com/PiesenlaTierraSierradeHuelva

AÚPA asociación unida productoras agroecologicas
secreaupa@gmail.com

Salmorejo Rebelde

Hasta aquí hemos llegado (Palencia)
alberchoco@yahoo.es

Universidad y Compromiso Social
institucional.us.es/compromiso/index.htm

Ecoloxistas en Acción Galiza

Ecoloxistas en Acción Vigo
https://www.ecologistasenaccion.org/territorios/galiza/

KolapSOS
kolapsos@kolapsos.cat

Agenda llatinoamericana
http://www.solidaries.org/
llatinoamericana@solidaries.org

Cal Cases - comunidad rural autogestionada.
calcases@calcases.info

Persoas promotoras:

Xabier Vázque Pumariño.
Biólogo ambiental

El Sobrino del Diablo (Cantautor libertario).


Esteban Bernatas Chasaigne.


Enric Duran.
Activista contra el sistema bancario

José Anastasio Urra Urbieta.
Porfesor titular da Universidade de Valencia


Begoña de Bernardo Miño.
Enxeñeira Agrónoma.


Vicent Cucarella
Economísta. 


Adrián Almazán.
Miembro de Ecologistas en Acción 


Miguel Anxo Abraira Sobrado.
Autónomo e Técnico Especialista en Saúde Ambiental


Pepa Úbeda.
Representante do Observatorio de Ecología Política de ATTAC-Pais Valenciá


Emilio Santiago Muíño
Doctor en Antropología Social


Cándido Soria Fortes.
avogado e profesional de resolución de conflitos en Ourense.

Iolanda Teixeiro Rei.
Mestra de tai chi e articulista em diversos jornais.

Marta Soler Montiel.
Profesora de Economía Aplicada de la Universidad de Sevilla.

Esteban de Manuel Jerez.
Profesor de Expresión Gráfica Arquitectónica de la Universidad de Sevilla.

Angel Calle Collado. 
Profesor de Sociología de la Universidad de Córdoba.

Francisco F. García Pérez.
Catedrático de Didáctica de las Ciencias Sociales de la Universidad de Sevilla.

Daniel Cascado Caballero.
Profesor de Arquitectura y Tecnología de Computadores de la Universidad de Sevilla.

Luis Andrés Zambrana.
Profesor de Economía Aplicada de la Universidad de Sevilla.

Emma Martín Díaz.
Catedrática de Antropología Social de la Universidad de Sevilla.

Juan Francisco Ojeda Rivera.
Catedrático de Geografía de la Universidad Pablo de Olavide.

María José Lera
Profesora de Psicología de la Universidad de Sevilla.

Julio Fuster
Músico profesional freelance.

Mario Martínez Lorenzo.
Ensino secundario.

Ivan Rodríguez Lombardero.
Xeólogo ambiental e Traballador do SLG na Mariña

Para apoiar o Manifesto pode-se facer en change.org | Ir á Web.

_______

martes, maio 05, 2020

Unha guía para respectar os dereitos das persoas con discapacidade durante a pandemia de coronavirus - As persoas con discapacidade estanse vendo desproporcionadamente afectadas polas medidas de resposta á pandemia


Unha guía para respectar os dereitos das persoas con discapacidad durante a pandemia de coronavirus | Noticias ONU

As persoas con discapacidade estanse vendo desproporcionadamente afectadas polas medidas de resposta ao coronavirus, e ate son vítimas de discriminación á hora de recibir tratamento contra o COVID-19, afirma a responsábel da ONU de velar polos dereitos humanos en todo o mundo. Michelle Bachelet pide que se lles teña en conta á hora de adaptar os plans de resposta á pandemia.

Necesítanse medidas específicas para abordar os riscos desproporcionados que enfrontan as persoas con discapacidade durante a pandemia de COVID-19, asegurou a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.

Para axudar aos Estados neste labor, a súa Oficina de Dereitos Humanos publicado unha Guía de orientación sobre o COVID-19 e os dereitos humanos das persoas con discapacidade.

"As persoas con discapacidade non só enfrontan maiores riscos polo COVID-19, senón que tamén se ven desproporcionadamente afectadas polas medidas de resposta, incluídos os confinamentos. Para abordar este dobre risco, debemos involucrar ás persoas con discapacidade na resposta ao COVID-19 e adaptar os plans para abordar as súas necesidades", dixo Michelle Bachelet.

"As persoas con discapacidades están en perigo nos seus propios fogares, onde o acceso ao apoio e os servizos diarios poden verse limitados debido a bloqueos, e algúns poden sufrir moito por estar illados ou confinados. Estes non son problemas irresolubles, pero requiren pasos específicos que se deben tomar ou se deben facer excepcións para evitar danos maiores", asegurou.

Ademais, "enfrontan ameazas aínda maiores nas institucións, xa que os centros de atención rexistraron altas taxas de mortalidade por COVID-19 e xurdiron terribles informes de neglixencia durante a pandemia. Agora é o momento de apoiar os acordos baseados na comunidade, sempre que sexa posíbel", afirmou.

Ofrecer a información sobre COVID-19 en formatos accesíbeis para as persoas con discapacidades é vital, do mesmo xeito que garantir a accesibilidade á educación en liña.

A Alta Comisionada tamén expresou a súa preocupación pola discriminación e o estigma contra as persoas con discapacidade durante a pandemia de COVID-19.

Discriminación médica

"Inquietáronme profundamente os informes de que a vida das persoas con discapacidade pode ter un peso diferente ao doutros durante esta pandemia", dixo. "As decisións médicas deben basearse en avaliacións clínicas individualizadas e necesidades médicas, e non na idade ou outras características como a discapacidade".

A guía publicada pola Oficina da Alta Comisionada identifica as principais preocupacións e establece accións crave no contexto da pandemia. A orientación ten como obxectivos:

➤ concienciar sobre o impacto da pandemia nas persoas con discapacidade e os seus dereitos
➤ chamar a atención sobre algunhas prácticas prometedoras que xa se están levando a cabo en todo o mundo
➤ identificar accións crave para os Estados e outras partes interesadas
➤ proporcionar recursos para seguir aprendendo sobre como garantir respostas COVID-19 baseadas nos dereitos, incluídas as persoas con discapacidade

Fonte: News Nacións Unidas. | 30 de abril de 2020.

Guía Orientación. | Enlaces aos recursos e infos -11 páxinas en inglés. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
3 de maio de 2020 19:19

_______

Coronavirus: de voltas co provincialismo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por iolanda Teixeiro Rei [*]
05.05.2020


CORONAVIRUS: DE VOLTAS CO PROVINCIALISMO

Nin por áreas sanitarias nin por parroquias, o desconfinamento progresivo faráse finalmente por provincias. Por retallos de provincias, que diría Murguía. Retallar si, non só cortando o territorio en varias pezas senón tallando, a fender de alto a baixo. Espatifar a eito, espedazarmonos. Por provincias e por banzos ou fases. Era visto cando nos fixeron soldados nun estado de excepción a penas disimulado. É o que teñen as ras da democracia, que sempre croan uniformemente. E como na Galiza temos povoamento disperso, coa metade de entidades de poboación de toda España, pois sempre saimos perdendo, tanto ten que sexa na representatividade eleitoral ca nunha pandemia.

Terán de voltar aqueles provincialistas, que defenderon ao berro de pan e dereitos a nosa terra do arrasamento centralista do Estado liberal español? Liberalismo que cal a igrexa e a langostra aló onde cai, todo o arrasa. Seremos quen de nos erguer contra esta militarización social mascarada de paternalismo de bata branca? Chamaremos por outro Alberto Camino os ferroláns, os betanceiros por Faraldo ou por un outro Añón os muradáns?.

A suspensión intolerabel das Autonomías na xestión desta pandemia merecía algo máis ca un Banquete de Conxo e un brinde polo povo soberano. Mais o único que aconteceu foi un brinde ao sol. Por iso recuamos á política decimonónica das ras da democracia a croar na balsa da Meseta. Desde Terra de Campos descoñécese o territorio galego. Deixando que o señor dos Peares resolva novamente o eterno conflicto entre absolutistas da terra e absentistas liberais. Grave erro histórico ter trabucado a esquerda co centralismo liberal. Por iso Ramiro Fonte di pon en boca de Añón e quixen comprender pero non sandan/ o meu mal os xaropes do progreso. Ulo os mártires de Carral?

Namentres andan a borrifar o espazo público con biocidas a se disfrazar do filantrópico Balmis e os fondos públicos empréganse en mercar vehículos que logo utilizará a clase política e a familia real, os sen pan e sen dereitos fan longas colas para recoller comida na moderna beneficencia, nas mesmas mans que negocian xeriátricos ou concertan plans privados de saúde e seguros de vida. Avantaxes dos holdings! Na casiña de Facenda podedes marcar algún. Aplausemos ás forzas represivas, a esa UME que no canto de producir neve emprega os seus canóns na desinfeción ou á policía que fai o propio cun camión lanza auga de dispersión de masas. Non hai de que se preocupar. Agora as masas están confinadas ou descifrando os logaritmos neperianos das fases de desescalada. Sorte que o hipoclorito sódico causa tamén tose e dor de gorxa e se camufla cos síntomas do coronavirus suplindo a falla de test. Malia tanta filantropía militar, España liderará dende maio a patrulla aérea da OTAN no Báltico. Disque alí abonda o gas e os depredadores. Coa doutrina do shock non temos de reparar nesas minucias. O todopoderoso virus apagou as pandemias africanas, o problema migratorio, o cambio climático, os incendios forestais, o colapso enerxético... Pasma de ver como un becho microscópico é quen de tapalo todo?

Esmagados os dereitos fundamentais polas ras da democracia, queda saber en que fase poderemos croar xuntos na mesma balsa, manifestarmonos, recuperar o dereito de reunión. Polo de agora bastante temos con poder guasapear interprovincialmente, encarregar o pan a domicilio do forno doutro concello que está xusto diante da nosa morada ou ver aos avós na metade da ponte de O Barqueiro que arreda as provincias de Coruña e Lugo, sempre que non teñan máis de setenta anos e poidan sair ás oito do serán. A menos que todos teñamos un can ou nos encomendemos ao San Roque, patrón de tantas parroquias, dende Armenteira a Llanes, dende Vigo a París. Anque ningún como o dos caneiros betanceiros, aquel patrón dos peregrinos, dos falsamente acusados e dos cirurxáns, tan avogoso nas pestes. O San Roque cristianizado que agocha aquela filosofía cínica tan rupturista que ofrecía felicidade na incerteza e unha vida nas rúas practicando a desvergoña e a eudamonia, esa lucidez que abrolla na autosuficiencia, a ecuanimidade e o desprendimento do superfluo. Ende mal que os cínicos de hoxe saíran das rúas para estar dispostos a mentir por defender as súas doutrinas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
1 de maio de 2020 23:20
_______

Imaxe: Instituto Xeográfico - Catálogo Cartoteca.

_______