Os asinantes do manifesto de DERPA reclaman á Xunta protocolos para o incidio do curso que protexan a saúde de alumnos, profesores, familias e traballadoras, e que garantan o dereito ao ensino dos nenos e nenas
As voceiras da plataforma Dereito a Ensino sen Risco de Pandemia (DERPA), formada por 750 familias de todo o país, entregarán este mércores no Rexistro Oficial da Xunta de Galicia arredor de 2.000 sinaturas recollidas presencialmente en toda Galicia esixindo ao Goberno galego que poña en marcha os protocolos sanitarios e educativos axeitados para un comezo seguro do curso escolar en Primaria e Infantil.
As asinantes esixen garantías efectivas tanto para a saúde de todos os membros da comunidade escolar (alumnado, familias, profesorado e traballadores), como o dereito ao ensino das nenas e nenos que poden verse afectadas pola segunda oleada da epidemia de covid-19 en Galicia, e polas medidas necesarias para combatila.
As esixencias de DERPA súmanse así ás das miles doutras familias de todo o país que, a través das redes sociais e de diferentes plataformas, veñen denunciando que oProtocolo da Xunta de Galicia para o retorno ás aulas incumpre o disposto no RealDecreto-lei 21/2020, de 9 de xuño de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19.
As asinantes da reclamación de DERPA esixen:
Que se contemple, mentres dure a epidemia, a voluntariedade da asistencia presencial ás aulas nas etapas de primaria e secundaria nos centros educativos de Galicia, sen menoscabo do dereito á educación das familias que decidan non asistir presencialmente, arbitrando os medios electrónicos que sexan necesarios.
Que se habiliten solucións electrónicas para a educación a distancia dos nenos e nenas de Infantil, mentres dure a pandemia, sen que a súa non asistencia as clases presenciais supoña a perda de praza nos centros educativos nos que a teñan asignada.
Que se consensúen os protocolos da Xunta, para que as familias que necesiten e decidan levar aos seus fillos e fillas presencialmente ás aulas, teñan garantida a máxima seguridade fronte á covid-19, sen menoscabo de dereitos.
Que se vele especialmente para non deixar a ningunha nena e neno atrás, atendendo singularmente ás necesidades educativas especiais, e aos alumnos e alumnas en risco de exclusión ou abandono escolar, para evitar que se vexan afectadas negativamente polas medidas adoptadas como consecuencia da adaptación das necesidades educativas á situación de epidemia.
Compostela, 25 de agosto de 2020.-
Dereito a Ensino sen Risco en Pandemia
Enviado por:
Asistencia Voluntaria
-vueltaseguragalicia@gmail.com-
25 de agosto de 2020 18:21
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon