Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
08.07.2020
CORONAVIRUS: CITA PREVIA PARA A CIBORGVIDA
Moitas sospeitavamos que no desconfinamento non existían chanzos nen escadas. Moitas sospeitavamos que esa nova realidade enmascarada non era máis que a globalización da Cyborg Foundation, esa organización adicada a converter aos humanos en ciborgs. Sospeitavamos que, como na película Virus, este ía servir de coartada para nos someter ao imperio das máquinas. Mais o poder non precisou de alien nen treboada. O androide xigante é o propio Estado que cos grupos do poder financeiro moven o brazo eletrónico a distancia en feitío de Cyborg 2.0. Na relixión dos smart, tiñan asegurada a tecnofilia. Por agora, non precisaron investir capital en implantes debaixo da pel nen chip RFID para o que necesitarían da anestesia local, carosa coa telemedicina na que debruzamos baixo esta liberdade vixiada. Por agora, chega coa dopaxe dos medios de comunicación.
Longas ringleiras dos antigos cidadáns, privilexiados que conseguiron unha cita previa, agardan agora horas torrados ao sol, mulleres preñadas e velliñas que viviron as longas colas da fame durante a posguerra civil, de pé, sen saber se van ficar ás portas do concello sen poder realizar as xestións de forma presencial após lles pedir a ese veciño amabel se lles podía pedir cita pois elas non tiña nen teléfono e as cabinas dos teléfonos públicos foran fusiladas da noite para a mañá.
Quen lles ía dicir a elas que o virus terían máis querencia polo funcionariado do que polos churriolos sollosos das praias, deixando sen dereito ás xestións de supervivencia (trámites para solicitar o Ingreso Mínimo Vital, becas de comedor escolar, asistencia social…) aos atecnolóxicos carentes de wifi, computadora ou móbil. Quen lles ía dicir que asistirían ao colapso da administración pública coa coartada da seguridade sanitaria en plena campaña eleitoral, pasmadas perante o silenzo de todas as organizacións sociais, sindicais ou políticas.
Camiñamos as rúas da nova normalidade procurando descubrir a seda eletrónica do prezado silicio implantado nas calugas, os códigos QR que nos enxerguen a pasividade e a resignación. Camiñamos sentindo a ledicia das terrazas desenmascaradas onde o virus, tan perigoso nas administracións, non é quen de entrar. Cos ollos fiteiros abesullando tatuaxes por ver de descubrir interfaces dixitais. Procurando as pegadas da estética transhumanista, a banca eletrónica das finanzas cíborg da especulación planetaria. Axexando, por riba das máscaras cirúrxicas dos homes-máquina, unha ollada aínda humana sen eyeborg a nos pintar un aborrecemento ou un reproche. Non precisamos de escoitar as cores da contorna se temos ollos para as albiscar. Temos de vagar con ondulacións ventureiras para despistar aos oídos biónicos desconfinados dos balcóns. E na nosa torpura ancestral simular eficiencia para non levantar sospeitas de humana ética pretecnolóxica. Camiñar cismando se o medio non será o fin. Escorregando pola fenda dixital dos apestados, dos invisibeis fracasados, dos máis vulnerabeis nun mundo de prepotencia criminosa. Furtándonos aos insectos cíborg máis mortíferos do que as velutinas, sen comprender aos artistas de ovella electrónica e a necesidade das mentes cibernéticas para acadar unha vida merecente de tal nome.
A velocidade á que nos conectamos na era dixital a grandes distancias bate frontalmente coa lentitude forzosa coa que peregrinamos, previa cita, do INSS ao SEPE, da banca á Tesourería, nun longo proceso kafkiano, pregando por un documento que há décadas que tiña que estar accesibel sen a nosa intervención, co simple cruce de datos entre organismos.
Paul Virilio, brillante investigador especializado nas novas tecnoloxías da comunicación, estudou a dromoloxía, o estudo da aceleración con que se están a suceder as transformacións históricas e de que modo nos están afectando as novas tecnoloxías que abren un novo concepto de tempo, virtualidade, ciberespazo e novos xeitos de comunicación.
Hoxe necesitamos cita previa para todo, para facer deporte o mesmo que para retirar livros na biblioteca pública. Para a declaración da renda como para conseguir unha fe de bautismo para apostatar. E os mesmos que desprezavan o diagnóstico polo iris como seudociencia pídennos unha foto da gorxa para diagnosticar vía email.
Parece que están a analizar a sibilinina como terapia para el virus mais eu creo que o futuro está na sibilina presenza social. Aparentar nihilismo mentres seguimos á Sibila á quen os antigos atribuían o don da profecía e o coñecemento do futuro, camuflándonos aos ollos dos drons nunha sorte de refugallos humanos que xunto aos organizativos e informacionais fagamos parte das externalidades do sistema como agochados hackers prestos a inocular o virus da revolta dende todos os arrabaldos planetarios. Nunha renuncia ao carro elétrico nun chisco á neneza explotada polo silicio das baterías.
Dicía Virilio que se o tempo é ouro, a velocidade é poder. Mais se o tempo creba o patrón ouro, pode que a lentitude afortale o contrapoder. Iso ou correr con todas as nosas forzas para mantermonos no mesmo lugar, mais alonxados do cubo de refugallos ao que están condeados os do furgón de cola, como atina a describir Bauman.
[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
8 de julho de 2020 19:43
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon