martes, maio 05, 2020

Coronavirus: de voltas co provincialismo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por iolanda Teixeiro Rei [*]
05.05.2020


CORONAVIRUS: DE VOLTAS CO PROVINCIALISMO

Nin por áreas sanitarias nin por parroquias, o desconfinamento progresivo faráse finalmente por provincias. Por retallos de provincias, que diría Murguía. Retallar si, non só cortando o territorio en varias pezas senón tallando, a fender de alto a baixo. Espatifar a eito, espedazarmonos. Por provincias e por banzos ou fases. Era visto cando nos fixeron soldados nun estado de excepción a penas disimulado. É o que teñen as ras da democracia, que sempre croan uniformemente. E como na Galiza temos povoamento disperso, coa metade de entidades de poboación de toda España, pois sempre saimos perdendo, tanto ten que sexa na representatividade eleitoral ca nunha pandemia.

Terán de voltar aqueles provincialistas, que defenderon ao berro de pan e dereitos a nosa terra do arrasamento centralista do Estado liberal español? Liberalismo que cal a igrexa e a langostra aló onde cai, todo o arrasa. Seremos quen de nos erguer contra esta militarización social mascarada de paternalismo de bata branca? Chamaremos por outro Alberto Camino os ferroláns, os betanceiros por Faraldo ou por un outro Añón os muradáns?.

A suspensión intolerabel das Autonomías na xestión desta pandemia merecía algo máis ca un Banquete de Conxo e un brinde polo povo soberano. Mais o único que aconteceu foi un brinde ao sol. Por iso recuamos á política decimonónica das ras da democracia a croar na balsa da Meseta. Desde Terra de Campos descoñécese o territorio galego. Deixando que o señor dos Peares resolva novamente o eterno conflicto entre absolutistas da terra e absentistas liberais. Grave erro histórico ter trabucado a esquerda co centralismo liberal. Por iso Ramiro Fonte di pon en boca de Añón e quixen comprender pero non sandan/ o meu mal os xaropes do progreso. Ulo os mártires de Carral?

Namentres andan a borrifar o espazo público con biocidas a se disfrazar do filantrópico Balmis e os fondos públicos empréganse en mercar vehículos que logo utilizará a clase política e a familia real, os sen pan e sen dereitos fan longas colas para recoller comida na moderna beneficencia, nas mesmas mans que negocian xeriátricos ou concertan plans privados de saúde e seguros de vida. Avantaxes dos holdings! Na casiña de Facenda podedes marcar algún. Aplausemos ás forzas represivas, a esa UME que no canto de producir neve emprega os seus canóns na desinfeción ou á policía que fai o propio cun camión lanza auga de dispersión de masas. Non hai de que se preocupar. Agora as masas están confinadas ou descifrando os logaritmos neperianos das fases de desescalada. Sorte que o hipoclorito sódico causa tamén tose e dor de gorxa e se camufla cos síntomas do coronavirus suplindo a falla de test. Malia tanta filantropía militar, España liderará dende maio a patrulla aérea da OTAN no Báltico. Disque alí abonda o gas e os depredadores. Coa doutrina do shock non temos de reparar nesas minucias. O todopoderoso virus apagou as pandemias africanas, o problema migratorio, o cambio climático, os incendios forestais, o colapso enerxético... Pasma de ver como un becho microscópico é quen de tapalo todo?

Esmagados os dereitos fundamentais polas ras da democracia, queda saber en que fase poderemos croar xuntos na mesma balsa, manifestarmonos, recuperar o dereito de reunión. Polo de agora bastante temos con poder guasapear interprovincialmente, encarregar o pan a domicilio do forno doutro concello que está xusto diante da nosa morada ou ver aos avós na metade da ponte de O Barqueiro que arreda as provincias de Coruña e Lugo, sempre que non teñan máis de setenta anos e poidan sair ás oito do serán. A menos que todos teñamos un can ou nos encomendemos ao San Roque, patrón de tantas parroquias, dende Armenteira a Llanes, dende Vigo a París. Anque ningún como o dos caneiros betanceiros, aquel patrón dos peregrinos, dos falsamente acusados e dos cirurxáns, tan avogoso nas pestes. O San Roque cristianizado que agocha aquela filosofía cínica tan rupturista que ofrecía felicidade na incerteza e unha vida nas rúas practicando a desvergoña e a eudamonia, esa lucidez que abrolla na autosuficiencia, a ecuanimidade e o desprendimento do superfluo. Ende mal que os cínicos de hoxe saíran das rúas para estar dispostos a mentir por defender as súas doutrinas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
1 de maio de 2020 23:20
_______

Imaxe: Instituto Xeográfico - Catálogo Cartoteca.

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon