luns, outubro 24, 2011

Barrios, ... Por Amadeo Varela Rodríguez

Por Amadeo Varela [*]
24.10.2011


No Capítulo II do Regulamento de Participación Cidadá, fálase das Asembleas de Barrio, cuxos ámbitos territoriais serán establecidos polo Concello, “baseándose nunha enquisa cidadá, co contraste cos colectivos e entidades sociais e mediante acordo adoptado polo Pleno...”. ¿Quere isto dicir que o ámbito dunha asemblea de barrio pode exceder os límites do propio barrio? Se é así, xa non se trataría dunha asemblea de barrio. E se non é así, non será necesario establecer o ámbito territorial, que xa estaría definido polos propios límites do barrio. Por outra banda, ¿refírese a “enquisa cidadá” a unha enquisa de toda a cidadanía?

Paréceme a min que hai unha certa dose de ambigüidade que non axuda moito á comprensión deste artigo, ademais do principal problema, xa que coido que os límites dos barrios están aínda sen definir. Por exemplo, ¿onde acaba Ferrol Vello e comeza Canido?¿ Ata onde chega Esteiro, que por lóxica nunca podería traspasar as murallas de cerramento da cidade? Ou ¿é San Xoán-Bertón un só barrio?

Para comezar, poderíase formar unha comisión institucional para definir os límites de cada barrio, de xeito definitivo alí onde non se prevén cambios e de xeito provisorio onde o crecemento da cidade poda producir alteracións.

Sería imprescindible a opinión dos cidadáns dos barrios afectados en cada caso, pero cun mínimo de rigor histórico. Por suposto, o pleno do Concello sempre tería a última palabra neste importante tema.

Publicado no "Diario de Ferrol"

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________

1 comentarios so far

O importante é a participación real e que se desenvolva o Regulamento de Participación Cidadá , que leva dous anos parado.
Andarlle poñendo marcos ás leiras ou movendo marcos non ten ningún interese e sempre acaba mal.
Do que hai que preocuparse é de que as entidades asociativas que actúan na cidade teñan actividade real e non sexan siglas fantasmas para ir a reunións ó Concello ou so para conseguir subvencións


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon