luns, outubro 24, 2011

A sanidade pública en perigo, ... Por Suso Díaz

Por Suso Díaz [*]
24.10.2011

A sanidade pública está en perigo; a Xunta de Feijóo ten diminuído o seu presuposto en 245 millóns de euros con consecuencias negativas para o sistema público e para a cidadanía. E non está en perigo pola crise, nin porque o sistema sea insostible como predican os mercaderes do privado: quen a pon en perigo son as políticas neoliberais de Feijóo. O mesmo que o goberno de Esperanza Aguirre vén desmantelando os servizos públicos dende hai anos, cando España era o pais que máis medraba de Europa, o mesmo faría Feijóo: os ataques á sanidade, ao ensino e os servizos sociais obedecen a súa concepción neoliberal e non a outras consideracións. De feito onde non goberna o PP os servizos públicos e, en concreto, a sanidade non pasan por estas vicisitudes.

Así, a Xunta está nun proceso de desmantelamento da sanidade pública por varias vías: diminución da plantilla en 3.300 traballadores ata o 2013 debido a non cobertura do 90% das xubilacións e ao incumprimento do Plan de Mellora da primaria; peche de quirófanos e eliminación das consultas polas tardes nos hospitais públicos; eliminación de servizos e privatización doutros; peche de plantas e servizos nos meses de verán, carencia da unidade de reconstrución para a asistencia das mulleres con cancro de mama no Arquitecto Marcide....

En coherencia cos seus principios privatizadores, 2 hospitais e 19 centros de saúde van ser construídos con financiamento privado o que vai significar uns custes moi superiores. Por exemplo, o hospital de Vigo, con 400 camas menos, custará 723 millóns de euros a pagar en 20 anos fronte aos 400 millóns en 15 anos que custaría de se facer pola Sociedade Pública de Inversión. Onde queda a tan cacarexada “austeridade”?

Outro aspecto escandaloso son os concertos cos centros privados que deberían ser excepcionais e só para solventar casos de urxencia. Sen embargo, a Xunta utilízaos como forma de potenciar á sanidade privada, que non podería subsistir sen eles. Trata con elo de establecer estratexias privatizadoras da sanidade ao facilitar unha prestación non pública. Así mesmo é escandaloso que, en boa parte, os profesionais que derivan os pacientes dos hospitais públicos son os mesmos que os atenden nos centros privados, sen que a Xunta faga nada para impedir esa ilegalidade. Así o Consello de Contas denuncia nos seus informes como no hospital privado Juan Cardona “existen unha serie de facultativos do Arquitecto Marcide que prestan servizos no hospital concertado”.

En fin, se o presidente da Xunta quixera potenciar a sanidade pública tería que modificar radicalmente as súas políticas. Debería implantar unha xornada de tarde similar á da mañán para conseguir un uso racional dos centros sanitarios, mellorar a calidade da asistencia e tender a eliminar as listas de espera. Debería utilizar os concertos como fórmula excepcional, crear unha central de compras a nivel de Galicia para abaratar o custes, instalar oficinas de farmacia nos centros de saúde que subministren os medicamentos nas doses exactas receitadas e adoptar medidas para chegar, no medio prazo, a un uso de xenéricos do 50%.

Sei que non vai facelo porque as políticas neoliberais do presidente da Xunta camiñan cara á privatización dos servizos públicos esenciais: os e as traballadoras como cidadáns e usuarios non deberíamos permitilo. Por iso os sindicatos de Galicia deben avanzar na convocatoria dunha folga xeral na súa defensa, si é necesaria, sobre de todo despois da previsible chegada do PP ao goberno do estado. De momento a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha mobilización en Galicia o 27 de Outubro, ás 8 da tarde, na súa defensa: participemos todos e todas enchendo a Praza de Armas de indignación para impedir o desmantelamento dun sector tan vital para o benestar da cidadanía.

Publicado no "Diario de Ferrol".

[*] Suso Díaz, foi Secretario Xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia
[+ Info]
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon