Multitude de mobilizacións en defensa da sanidade pública por toda Galiza, convocadas por "SOS Sanidade Pública". En Ferrol a Praza do Concello foi a protagonista da Concentración, onde a pesar do mal tempo acudiron numerosas persoas na Defensa da Sanidade Pública, contra os recortes da política do PP. Presentou o acto o compañeiro Miguel Lopez, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro, portavoz da "Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol". A artista ferrolá María Manuela, foi a persoa encarregada de dar lectura ao Comunicado consensuado polas 45 entidades que conforman a Plataforma ferrolá.
http://youtu.be/tGedeAvE_kY
http://youtu.be/xMEjMWBLnQc
http://youtu.be/tGedeAvE_kY
Comunicado leido na Mobilización de Ferrol
en Defensa da Sanidade Pública -27-Outubro-2011
http://youtu.be/eltwg_vdJIc
http://youtu.be/v4UAMpUeTsg
http://youtu.be/1cAFcH3X9yM
Texto do Comunicado:
Boa tarde veciños e veciñas de Ferrolterra, outra vez estamos aquí, outra vez saímos á rúa para defender os dereitos da cidadanía, dereitos que foron froito dunha loita de moitos anos e que ninguén os regalou.
Hoxe volvemos a estar aquí na Defensa da Sanidade Pública como estivemos enchendo esta Praza de Armas, un domingo de abril de 2010 e como estivemos na Praza Quintana en Compostela no mes de novembro do pasado ano.
Neste momento nas principais cidades e vilas de Galicia a cidadanía está berrando como nós contra a Privatización da Sanidade Pública, contra os recortes sanitarios e contra o establecemento do COPAGO.
Desde a chegada á Xunta de Galicia do Sr. Feijoo e a Sra. Farjas os ataques á Sanidade Pública, coa escusa da crise, son constantes, agora tamén se suma á campaña a CEOE. Estase a cotío lanzando a mensaxe de que a Sanidade Pública non é sostible e que hai que facer recortes e mesmo a Xunta de Galicia quere escusar a súa incompetencia culpando ós usuarios de que fan mal uso da Sanidade Pública e que fan insostible o sistema.
Non di nada de que a culpa sexa por como o seu Goberno xestiona a Sanidade Pública, de como ceden ás esixencias e presións continuas da industria farmacéutica, dos escandalosos beneficios que obteñen as Mutuas de Accidentes de Traballo, que cada vez teñen máis poder na xestión das baixas, a conta de cargar á Sanidade Pública o custo das enfermidades profesionais, que presentan como enfermidades comúns. No ano 2010 tiveron uns beneficios de 5.000 millóns de euros. E sobre todo o que non di é o escaso orzamento que se dedica á Sanidade Pública, no Estado Español é onde menos diñeiro se dedica dos países da UE e Galicia estamos nos furgóns de cola. Por cada 9 euros que dedican na Unión Europea á Sanidade no Estado.
Español se dedican 6 euros e, aínda así, no Estado Español temos unha Sanidade Pública equiparable á de calquera país da Unión Europea.
Oculta o Sr. Feijoo que, desde que el está á fronte do Goberno Galego, por vez primeira, desde que a Sanidade é competencia da Xunta, baixou o orzamento da Consellería de Sanidade e do Sergas no ano 2011 e volve a baixar no ano 2012. Pero nos orzamentos do ano que ben a cantidade económica para os concertos con Hospitais Privados medra en case 3 millóns de euros.
Vaise privatizar a construción e xestión dos Hospitais de Vigo e Pontevedra e de moitos novos Centros de Saúde, encarecendo o seu custo, reducindo servizos e prestando peor asistencia ó reducir o número de traballadores e traballadoras. Como exemplo sinalar que o Novo Hospital de Vigo ía custar 450 millóns e euros e agora co Sr. Feijoo, con menos camas e menos servizos, vai custar case 1500 millóns. Así e como entende a sostibilidade a actual Xunta de Galicia.
Quen acaban de afundir e estragar millóns de euros en socorrer á Banca Privada e ás Caixas de Aforro, para que os seus directivos se xubilen con indemnizacións de millóns de euros se atreven a dicir que a Sanidade Pública é insostible? Non teñen vergonza ou menten de maneira interesada.
A actual Xunta de Galicia non respecta os compromisos adquiridos polo Goberno anterior:
Suspende o Plan de Mellora de Atención Primaria, que ía reducir de xeito importante as listas de espera e crear centos de postos de traballo de persoal médico, de enfermería, non sanitario, etc.
Suspende o acordo retributivo asinado cos representantes do persoal do Sergas, nun feito sen precedentes.
Pecha, durante o verán cada vez máis camas hospitalarias, non substitúe as ausencias dos traballadores, amortiza prazas, privatiza servizos, en definitiva quere levar a Sanidade Galega a situacións como a de Madrid (a peor sanidade pública do Estado Español), de Valencia ou de Cataluña, onde se están a producir peches de camas de Hospitais, de Centros de Saúde e se están producindo centos de despedimentos de persoal sanitario.
Esta Xunta de Galicia acaba de aprobar un decreto de transporte sanitario que elimina a obrigación do Sergas de facerse cargo do mesmo, como recollía o anterior decreto, o que vai facer que os doentes que acoden ós centros sanitarios a recibir tratamentos de diálise, quimioterapia, radioterapia ou rehabilitación, se lles poderá esixir o pagamento dese transporte.
Esta Xunta de Galicia que acaba de endurecer por Lei as condicións de asistencia pública ós inmigrantes e vai cobrar 10 euros por renovar a tarxeta sanitaria.
Na Área Sanitaria de Ferrol, a peor tratada pola Xunta de Galicia, queda en suspenso o investimento prometido de 63 millóns de euros para poñer en valor e mellorar o antigo Hospital Naval.
Non se inviste entre o 2009 e 2011 nin un so euro en Alta Tecnoloxía, xa que nos deixaron fora do Plan de Alta Tecnoloxía do Sergas.
Están paralizadas as obras de construción do novo Centro de Saúde de As Somozas.
Non temos noticias da construción dos novos centros de saúde de A Capela, Ares, Cedeira e Narón (algún xa tiña que estar construído) , a pesar de dispoñer dos terreos para facer a obra.
Vaise deixar ó Hospital Novoa Santos sen ningún contido asistencial.
En Atención Primaria non se substitúe ós médicos de familia, acumulando os cupos o que fai que xa haxa lista de espera en primaria e que moitos doentes colapsen os PAC.
Non se contrataron enfermeiros de desprazados nos Centros de Saúde onde , por mor do incremento da poboación, se viña facendo en anos anteriores. En Médicos de desprazados, en Atención Primaria, só se contratou para o Centro de Saúde de Ares a media xornada.
Os continuos recortes en Orzamentos e en persoal fan que cada vez a calidade asistencial, de maneira absolutamente intencionada, vai sendo menor, a pesar do esforzo dos traballadores e traballadoras do SERGAS en manter a calidade do servizo.
Pola conta, aínda que con pequenas reducións, mantense o concerto co Hospital Juan Cardona por un importe de 13 millóns de euros anuais.
Se a cidadanía non tomamos conciencia da necesidade de defender a Sanidade Publica diante dos continuos ataques a que esta sendo sometida, e de mobilizamos e denunciar e reclamar, cada vez o dereito a unha asistencia sanitaria universal, este dereito se ira perdendo en favor da Sanidade Privada e o copagamento por algúns servizos prestados comezará a aplicarse, o transporte sanitario non urxente será o primeiro ó que a Xunta de Galicia lle aplique o copagamento. Logo virá o querer cobrar 1 euro por cada receita.
Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol imos seguir apostando por unha sanidade publica de calidade e que precisa de mais investimento para mellorar e reducir as listas de espera e imos continuar denunciando os abusos e a discriminación, por parte da Consellería de Sanidade, coa Area Sanitaria de Ferrol.
Hoxe estamos aquí, como están en todo Galicia, e estaremos, cantas veces sexa necesario, por que cremos na Sanidade Pública, que por suposto é mellorable, pero nos opoñemos á súa privatización, ós recortes é o copagamento.
A saúde non é un negocio.
Moitas Grazas.
Texto lido pola artista María Manuela e elaborado pola Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
Ferrol 27 de Outubro de 2011.
Fontes das Fotos:
Susete'70 e Fuco Buxán A.C.
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon