mércores, outubro 26, 2011

A Sanidade Pública non está en Perigo pona en perigo o PP - Mobilizate ! este Xoves 27 de Outubro, ás 8 da Tarde - Toda Galiza en Pé na Defensa da Sanidade Pública

O deterioro progresivo na calidade asistencial da sanidade pública é notorio nesta área sanitaria e no conxunto de Galicia, os continuos recortes máis as privatizacións de moitos servizos feitos pola Consellería de Sanidade poñen en perigo o sistema sanitario galego coa xustificación da crise económica:

Os servizos tecnolóxicos quedarán en mans de empresas privadas, a colaboración público-privada (PFI), neste caso aplicada a renovar os equipos de alta tecnoloxía como TAC, resonancias magnéticas, radiografías dixitais ou mamografías nos centros hospitalarios públicos, conxuntamente co servizo de compras (suministros de material), mantemento de centros sanitarios, central de chamadas para cita en atención primaria, construción de hospitais e centros de saúde.

Ao mesmo tempo con estas privatizacións de servizos, a limitación da taxa de reposición de efectivos nun 10% no SERGAS nos anos 2011 ata o ano 2014, reducirá o persoal en máis de 3.000 traballadores/as, dos datos que se recollen no Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS, de aquí a 2013 xubilaranse 2.330 traballadores/as: "O resultante será que en 2014 o Servizo Galego de Saúde reducirá o cadro de persoal en 2097 traballadores/as".
Retornamos á situación en precario existente no ano 2006 na contratación do persoal ao prohibir tamén, a taxa de reposición, facer nomeamentos de interinidade, o que suporá que as coberturas que se efectúen serán en condicións precarias, mediante contratos de día, ou a media xornada, reforzos de garda, a redución de persoal da sanidade pública galega provocará que a prestación do servizo sexa, en 2014, inviable.

O SERGAS propón convocar este ano a OPE de FEAS, para esta convocatoria teríanse en conta as vacantes existentes desde o ano 2009; 1.762 prazas vacantes dotadas orzamentariamente (estas non son todas as  prazas vacantes  do SERGAS, pero o resto están cubertas con contratos temporais, non con nomeamento de interinidade).  Como hai que aplicar a taxa de reposición do 10%, a oferta de prazas sería de 176 prazas. Non se convocarían todas as especialidades. Asistencia Sanitaria elaborará un informe das necesidades do SERGAS, en base a este informe decidiríanse as especialidades a convocar e en que  áreas sanitarias se convocarían.

Nesta área sanitaria están xa reducindo persoal en diversos centros de saúde e hospitais , prazas en Mugardos, Cariño, Ortigueira, Serantes , Caranza, de enfermaría, Celadorxs, técnic@s en coidados de enfermaría, matronas… etc. Estes recortes consolídanse na amortización e supresión de prazas no SERGAS, na diminución drástica de cobertura por ausencia do persoal titular (xubilacións, falecementos, vacacións, baixas por enfermidade, días libres, etc.) e peches de servizos, supoñendo unha acumulación de tarefas que fai inviable unha adecuada práctica asistencial, na atención hospitalaria como en atención primaria, centros de saúde é servizos que desenvolven a súa actividade en moitas ocasións co 50% do persoal.

A construción dos novos centros de saúde de Ares, A Capela, Cedeira, Narón segue paralizada, sen data de licitación das obras e do seu inicio, supoñendo neses concellos unha imposibilidade de mellorar a prestación sanitaria, A dotación e mellora do Hospital Naval está totalmente paralizada, non se acometen as obras necesarias para poder utilizar ese centro ao 100% da súa capacidade.


A diminución dos concertos coas entidades colaboradoras do sistema público: ASFEDRO, ALCER, Ambulancias, ... ademais de supoñer unha degradación da prestación de servizos socio-sanitarios levará aparellado en moitas ocasións a redución do cadro de persoal de traballadorxs de estas empresas.


A Consellería de Sanidade pretende introducir no transporte de enfermos en ambulancia, a eliminación do técnico-axudante nas ambulancias medicalizadas, a supresión do uso universalizado das ambulancias sanitarias. A eliminación da obrigatoriedade de pago por parte do Sergas destes servizos, o que supón o copago -Repago- dos mesmos, conxuntamente coa supresión das ambulancias asistenciais do 061 en varias localidades de Galicia…

Cobrarase @s usuari@s pola renovación ou reposición do cartón sanitario: 10€, o que supón un novo imposto indirecto, cunha taxa que se aplicará a todos os cidadáns independentemente do seu nivel de renda por un servizo que ata agora era gratuíto.

Este conxunto de decisións supoñen un paso máis na estratexia da Xunta de Galicia de desmantelamento dos servizos sanitarios públicos, terá graves consecuencias na asistencia sanitaria, a calidade da mesma e o dereito á asistencia universal e gratuíta dos cidadáns e cidadás de Galicia. Nun sistema público o persoal presta a asistencia sanitaria que sexa máis adecuada para a saúde do paciente e non estarán avaliando se esa proba ou tratamento é cara, rendible ou beneficiosa para as arcas dunha empresa, senón se é necesaria e beneficiosa para o estado de saúde d@ paciente. No sistema privado NON PRIMARÁ O BENESTAR SANITARIO, SI NON, SI SE GAÑA MÁIS DO QUE SE GASTA.l


Porque temos razóns, porque temos dereitos, por unha sanidade pública de calidade de tod@s e para tod@s, o xoves 27 de outubro ás 20 horas facemos un chamamento a toda a sociedade para acudir a concentración na Praza de Armas de Ferrol, convocada por máis de 50 entidades (Sindicatos, partidos políticos, AA. veciñais, Asociacións de enfermos de diversas patoloxias que configuran a plataforma pola defensa da sanidade pública da área sanitaria de Ferrol), para amosar o seu rexeitamento a PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA.

Así mesmo a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, apoia é participará activamente na manifestación 'Polo Emprego' do vindeiro Domingo día 6 de Novembro, nesta Comarca, convocada de xeito unitario polas centrais sindicais.

Ademáis destas mobilizacións a Plataforma SOS presenta no parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa e promoción da sanidade pública galega. A Iniciativa subscrita por representantes de todas as organizacións (plataformas de Ferrol, Ourense, Santiago, Vigo, Monforte, Barbanza, Pontevedra, A Coruña, O Barco, Burela, Lugo Cangas, Moaña, Salnes, Confederación de Asociacións de Vecinos de Galicia -COGAVE- é por os sindicatos CC.OO., SATSE, UGT e CIG; así como os grupos políticos do BNG, PSOE e Esquerda Unida). que integran SOS propón catro puntos:
1.- A defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á saúde de todos os galegos
2.- A xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión privada introducidas pola Xunta de Galicia
3.- A necesidade de incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas, como base dun sistema sanitario accesible, equitativo e eficiente.
4.- Mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa.


Lois Méndez Pérez, membro da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol e da Executiva Nacional da Federación da Sanidade da CIG -Cig-Saúde.


Fonte: Rolda de Prensa realizada en Ferrol o 25 de Outubro de 2011



Enviado por:

LOIS MENDEZ
-loismendez@telefonica.net-
26 de outubro de 2011 08:15
__________________

Enlace relacionado:

Reportaxen sobre a Manifestación contra a privatización da Sanidade Pública que se celebrou o Domingo 11 de Abril de 2010 en Ferrol - Audio, Vídeo, Fotos, Artigos, ...
___________________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon