domingo, novembro 06, 2011

Miles de persoas manifestaron-se en Ferrol polo Emprego, pola Ría, polo Sector Naval, pola Sanidade Pública, polo Ensino Público ... convocadas poa maioría sindical


Pasadas as 12 do mediodía miles de persoas saían do Inferniño á altura da confluencia entre a estrada de Castela e a Avenida das Pías. Unha faixa asinada polas centrais sindicais convocantes abría a manifestación  "Polo emprego e o futuro das comarcas - O naval é fundamental - Carga de traballo xa!" e outra polos comités das compañias auxiliares e os de Navantia "Carga de traballo xa, 17.000 postos de traballo en xogo". Seguía a faixa da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, contra a privatización e os recortes "En defensa da Sanidade Pública - Contra os recortes sanitarios". Continuaba a marcha, a faixa en defensa do ensino público, portada polos sindicatos de sector e as ANPAS de Ferrol Terra "En defensa da calidade do ensino público - Non aos recortes nos centros de Ferrolterra", e a continuación, a faixa da xente do mar, manifestándo-se polo saneamento da Ría : "Non aos verquidos na Ría, depuración Xa!", "Plan de Rexeneración da Ría de Ferrol xa !". Detrás, multitude de bandeiras e cartaces na súa maioría, das centrais sindicais convocantes [CIG, CCOO, UGT e USTG]. Tampouco faltaron as partidarias do BNG e EU-Os Verdes. Houbo repartos de folletos co programa electoral dos partidos que non entran no asfixiante bipartidismo [PCPE], con presencia de concelleir@s de distintos concellos da Comarca. Tampouco faltaron activistas da Forxa e da CNT, e de GalizaNova, Briga e Nós-UP, e a denuncia de Fuco Buxán AC  demandando o rescate d@s traballadorxs, non a dos bancos, e os berros contra os  abusos bancarios, a corrupción, ... e esixindo postos de traballo na Terra, e outras faixas sen siglas que aludían a romper o acomodamento das direccións sindicais que estas recuperen a confianza na Clase Obreira, no seu poder transformador que se dean conta que se conciencien de que si que podemos que podemos gañar, que podemos transformar. Faixas de reivindicacións de traballadorxes de empresas concretas como Poligal e Privilege. Faixas da mocidade "por un futuro digno na nosa Terra" ou reclamando "Nin un paso atrás na defensa dos servizos públicos". Unha escenificación cun cadaleito, denunciando que o veto á construción naval civil e a ASTANO, é a morte do sector naval na Comarca. A Asemblea Local do Movimento 15M - #AcampadaFerrol, tamén apoiaba esta mobilización: "berrraremos por un cambio, por un futuro para a nosa comarca, para que os gobernos PP e PSOE se enteren que NON estamos de acordo co seu sistema, que NON estamos de acordo coas súas propostas, que NON estamos de acordo con eles, que NOM nos representan, que NON ... , que NON ... , que NON van ter os nosos votos, e que SI nos van ter na rúa loitando polo que e noso".

Manifesto: "Carga de traballo xa, 17.000 postos de traballo en xogo"

No longo manifesto lido ao final da manifestación, e que foi moi escoitado pola xente que abarrotaba a Praza do Concello, non faltou a mención á rexeneración e saneamento da Ría. A carga de traballo para o sector naval e a construción dun grande dique flotante para Navantia, ocuparon un lugar importante no discurso, mais tamén a defensa da sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos e de calidade. Tampouco foron esquecidas as esixencias de cumprimento de compromisos pendentes. Compromisos non cumpridos coa Comarca tanto por parte do Goberno Central como por parte da Xunta de Galicia. Compromisos en infraestruturas como o enlace ferroviario ao porto exterior ou a vía de alta capacidade entre San Cibrao e Ferrol. Non faltou a reivindicación do "tren de cercanías" para pasaxeir@s e mercadorías, moderno e eficaz como medio de transporte [Electrificado e de dupla vía].

O 20N:"Eleccións Xerais"

As eleccións xerais do 20N tiveron a súa referencia. As referencias veladas a romper co bipartidismo abafante, a romper coa alternancia dos que unha vez que están no goberno, fan políticas que lles ditan "os mercados", e que gobernan para os intereses destes, non para os das persoas. As centrais sindicais convocantes, pediron o voto para os partidos comprometidos coa Clase Traballadora; cos seus dereitos laborais, sociais, políticos e económicos; e a defensa da Sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos.

Sinalaron no comunicado unitario, a cobiza dos chamados "mercados financeiros", como responsábel da situación de crise. Lembrando que a nosa Comarca é unha comarca en declive, con importantes perdas de poboación como consecuencia das crises económicas e os miles de empregos que desapareceron. Os ataques ao sector público e o desmantelamento da industria naval son responsabilidade dos gobernos de Madrid e o da Xunta de Galicia, aos que cualificaron de irresponsábeis. As políticas neoliberais e os reiterados incumprimentos dos dous gobernos coa Comarca, están levando a esta a unha "situación límite". A destrución da Ría, a perda de miles de postos de traballo, o desmantelamento do sector naval, a falta de investimento, ... fan de Ferrol Terra unha comarca deprimida.

Oportunistas na Manifestación

Representantes da Xunta, da Deputación e do Concello de Ferrol [José Manuel Rey Varela, Diego Calvo, ...], así como deputados e representantes de partidos -PP e PSOE-  corresponsábeis desta situación, estiveron presentes na marcha pedindo un imposíbel "frente común" para esconder as súas responsabilidades, pois eles, e os seus partidos, son os irresponsábeis que aplican as políticas económicas neoliberais, dos recortes, das privatizacións, das contrarreformas laborais contrarias aos intereses da Clase Traballadora.

Esperanza e Pedagoxía

Mais a de hoxe foi unha mobilización de esperanza e pedagoxía. De esperanza porque as rúas de Ferrol Terra viron-se enchidas por miles de persoas dispostas a manifestar o seu descontento e defender os dereitos laborais e sociais da comarca na que viven. Pedagóxica porque foi a resposta cidadá á unidade sindical. As direccións dos sindicatos deben tomar nota desta mensaxe: "Queremos-vos unidos, e unidos en loita polos nosos dereitos". Agora queda a concienciación, a mobilización e a transformación, unha outra comarca e posíbel e necesaria, como diciamos no Foro Social de Ferrol Terra: "Outra Comarca, outra Democracia, outra Vida".

A Galería Fotográfica é de Susete'70 e Albuns de Suso

Chegou-nos outra interesante Galería Fotográfica desta vez da A.C. Fuco Buxán:
Ver álbum fotográfico

Nota do Álbum:
   Convocados polos Sindicatos, milleiros de cidadás e cidadáns de Ferrolterra encheron hoxe a Praza de Armas, rexeitando as políticas neoliberais, demandando postos de traballo e denunciando os recortes nos Servizos Público emprendidos pola Xunta de Galicia.
   A nosa Asociación tamén participou, co lema: "RESCATAR AOS (BANCOS) TRABALLADORES. Salvar os Servizos Públicos"
.

Enviaron-nos outro interesante Álbun fotográfico desta vez da CIG.
__________________

2 comentarios

Este comentario foi eliminado polo autor.

Polo menos, foi um bom exercício de unidade sindical. O de ver na rua a CNT brigando junto ao PP-SOE e histórico, riete da vontade unitária sem bandeiras do 15-M. Todos necesitam de bandeiras, com os símbolos a gente atreve-se a tudo. Acho que foi bom estar e bom que todos romperam as distancias, ainda que todos foram enganados e utilizados (um por todos e todos por um), o dique so serve para abrir o "melón" de BAZAN ao capital privado. Contudo ¿agora que?, agora a romper diques e a construir luitas, que ainda há por desfacer.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon