venres, novembro 04, 2011

Mortes de can, ... Por José Torregrosa


Por José Torregrosa Rodríguez [*]
04.11.2011

A cidadá Susana Alaniz, nacida en Uruguai, admirable muller, compañeira e amiga, responsable do programa "Sen Fronteiras" en Radio Filispim, marchaba, nunha viaxe de ida e volta, desde a indignación á sorpresa. O que antes era un exemplar comportamento solidario da Sanidade española, que non discriminaba a enfermo algún á hora de brindarlle o seu coidado, a nivel de Galicia (mais non só aquí), pasara a facer borrón e conta vella. Unha vez máis, as siglas, esa trampa mortal, nunca mellor dito, van encargarse da faena de aderezo porque lles sae do escroto non nomear, polo si ou polo non, aos Parias da Terra: P. S.R. foron bautizados (Persoas sen Recursos Económicos Suficientes).

As persoas con dificultades socio-económicas que acudan a un centro de saúde sen tarxeta sanitaria -explícanos Susana, cuxa dozura habitual vólvese ferro a lume ante as inxustizas- e os inmigrantes "ilegais", aqueles recentemente chegados, non serán atendidos; deberán acudir a Urxencias. Sexa cal for a situación da súa saúde, deberán, previamente, asinar un compromiso de pago polos servizos médicos recibidos. Susana Alaniz pásame un comunicado do "Foro Galego de Inmigración" e "Médicos do Mundo" rexeitando estas restricións sanitarias en base á súa vulneración das leis españolas.

Acordeime de "Soylent Green": aquelas escavadoras que ían recollendo cadáveres polas rúas. O "1984" orwelliano quedouse atrás; imos agora a facer economía a base de desafiuzamentos clínico-fogareños. Se non podes pagar, mellor será mórrasche na beirarrúa. Ou mellor aínda: deseñarémosvos un gueto onde pasedes a mellor vida sen estragarnos a beleza da paisaxe. Nesta España "cristiá e decente" e non a de Mérimée (bis), todos somos irmáns; pero, ai, aínda hai clases (¡Non me digas ..!): uns, máis irmáns que outros.

Notas.-

[*] José Torregrosa -Ferrol 1945, mestre, escritor, xornalista e activista. Directivo da Asociación Cultural Fuco Buxán. Comezou a traballar na prensa galega a mediados dos anos sesenta. Foi encausado no proceso dos 23 de Ferrol, un xuízo relacionado coas loitas dos traballadores dos estaleiros de Bazán aos que a ditadura franquista e o seu réxime fascista represaliou con porradas, pólvora, sangue, prisión e mortes, no histórico 10 de Marzo de 1972. Un feito que o marcou e que fixo tamén que marchara a Madrid en 1974 para intentar a aventura teatral. Logo, regresa en Ferrol, onde casa en 1976 e ten dúas fillas. Colaborador na prensa e en diversas entidades culturais, gusta de escribir sobre cine e literatura que cre que "unha novela ten tantas historias como lectores ten". Comezou adicandose á poesía dende o mesmo cárcere da Coruña. "Era a única forma de saír do meu interior a través das palabras". Ademais, tamén ingresou no Grupo Chorima co que publicou antoloxías e recitais poéticos. "Todo o que escribín ten que ver coa poesía existencial, experimental, en palabra e forma, sempre cunha búsqueda do interior", asegura Torregrosa. Unha vida moi intensa a deste xornalista e escritor ferrolán que, dende o 2000, dirixe a revista Razón Socialista da AC Fuco Buxán e tamén colabora co suplemento "Nordesía" do xornal Diario de Ferrol.

[Fontes: Propias e de Galicia -Hoxe]

"Cumbres Borrascosas" é a bitácora persoal de José Torregrosa:
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon