sábado, novembro 05, 2011

Sindicatos e Confrarías esixen o saneamento urxente da Ría de Ferrol e o mantemento do Plan de Dinamización


Os integrantes da Mesa denuncian o abandono da Consellaría do Mar e advirten que máis de 400 empregos directos están en perigo.

Os integrantes da Mesa do Plan de Dinamización da ría de Ferrol compareceron esta mañá en rolda de prensa para esixir a recuperación e o saneamento integral da ría co obxecto de eliminar as Zonas C e permitir ao colectivo de traballadores/as do mar retornar con plena normalidade á súa actividade produtiva. Así mesmo, durante a comparecencia denunciouse a situación de abandono na que a Consellaría ten deixado aos mariscadores/as e as pretensións da administración galega de disolver o programa, a pesar de que a ría continúa sendo a máis contaminada de Galiza.

Os representantes da CIG, CCOO e UGT e as Confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos na Mesa do Plan de Dinamización lembraron que a día de hoxe a Consellaría do Mar aínda non respondeu á solicitude de convocatoria urxente trasladada a pasada semana para abordar a intención de deixar sen efecto dito Plan. Neste senso, un dos voceiros da CIG de Ferrol e integrante da Mesa, Xesús A. López Pintos, criticou que a Consellaría realizase este anuncio a través dos medios de comunicación, sen consultar cos membros da mesma e sen ter en conta as necesidades dos mariscadores e mariscadoras.

Dende sindicatos e os pósitos criticouse o incumprimento por parte do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de mediar ante a conselleira do Mar para que convoque a reunión da Mesa do Plan de Dinamización así como o compromiso de abordar no Consello do Goberno o pagamento das contías adebedadas aos mariscadores/as polas tarefas de limpeza da ría, pendentes de cobrar o mes de setembro e oito días de outubro. Este compromiso fora adquirido por Núñez Feijoo o pasado sábado durante o decurso dunha protesta dos traballadores/as nun acto do Partido Popular na Coruña.

Sobre esta cuestión, o voceiro da CIG, denunciou que a Consellaría continúe desoíndo as reivindicacións dos mariscadores/as e pretenda suprimir o Plano cando aínda non se teñen completado as tarefas de saneamento da ría de Ferrol (a máis contaminada de Galiza) e polo tanto non están recuperadas as Zonas C. Cómpre subliñar que o Plan de Dinamización permite aos mariscadores e mariscadoras percibir un salario por realizar tarefas de rexeneración, limpeza da ría e recollida de ameixa das zonas contaminadas para o seu traslado a augas limpas durante os meses do ano nos que teñen prohibido faenar.

[Foto: Susete'70 - A Xente do mar en Loita Outubro 2011]

Levamos catro anos co Plano activo e agora a Consellaría quere rematalo sen que a ría estea limpa”, critica. Pintos subliñou a importancia económica da Ría de Ferrol, xa que dela dependen máis de 400 traballos directos. Neste senso, lembrou que estas augas conteñen o maior banco de produción de ameixa do País, que, non obstante, non se pode comercializar en fresco polo grao de toxicidade do marisco.

Participación na manifestación do domingo 6 de novembro

Pola súa banda, o colectivo de mariscadores e mariscadoras continuaron estes días coas mobilizacións en demanda do cobro das débedas polas tarefas de limpeza da ría e para demandar actuacións urxentes que permitan a recuperación das zonas C. Así na noite do xoves levaron as súas protestas ao inicio de campaña do PP, que finalmente acordou suspender a pegada de carteis.

Ademais, o colectivo de mariscadores e mariscadoras participarán o domingo 6 de novembro (portando unha faixa propia) na manifestación comarcal convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG en defensa do emprego e do sector naval. A marcha, que se desenvolverá baixo o lema "Polo emprego e o futuro da comarca. O naval é fundamental. Carga de traballo xa!", sairá ás 12:00 do mediodía dende o Inferniño e rematará na Praza de Armas, onde se procederá á lectura dun manifesto.

Do mesmo xeito, as organizacións sindicais da comarca acordaron secundar e apoiar as mobilizacións que os traballadores/as do mar decidan levar adiante en defensa dos seus empregos e para esixir á recuperación integral da ría.

Fonte: Avante

A Ría de Ferrol en Fotos -Susete'70:
http://fotosdeferrol.blogspot.com/p/na-ria-podes.html
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon