Amosando publicacións coa etiqueta A Xente do Mar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Xente do Mar. Amosar todas as publicacións

domingo, xuño 04, 2017

A Oficina de Información do Parlamento Europeo no Estado ponse ao servizo do Partido Popular - A europarlamentaria galega Lídia Senra lembra que esta é “práctica habitual do PP” e que non é a primeira vez que ocorre

O eurodiputado do Partido Popular Gabriel Mato, xunto á Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana Carballo.

A Oficina de Información do Parlamento Europeo no Estado ponse ao servizo do Partido Popular. | Un acto co sector pesqueiro organizado por esta oficina en Santiago só conta coa presenza do eurodeputado do PP Gabriel Mato. | A europarlamentaria galega Lídia Senra lembra que esta é “práctica habitual do PP” e que non é a primeira vez que ocorre.


A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusa á Oficina de Información do Parlamento Europeo en España de ignorar aos eurodeputados e eurodeputada galegos membros da comisión de Pesca nun acto que ten lugar hoxe venres en Santiago e no que se debate sobre a proposta de Regulamento sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas.

Senra critica que o programa do evento non inclúa máis que a presenza de Gabriel Mato, eurodeputado popular e relator do informe de medidas técnicas mediante o cal o Parlamento Europeo fixará a súa postura sobre dita proposta de regulamento comunitario. Estarán, ademais, a conselleira de Mar, Rosa Quintana, un portavoz da Dirección Xeral de Mar da Comisión Europea e representantes do sector.

"Non temos nada que obxectar a que Gabriel Mato, como relator do informe, explique en Galiza a proposta da Comisión Europea e a súa postura sobre o futuro regulamento de medidas técnicas, pero lamentamos que non se teña en conta, por parte da Oficina do Parlamento Europeo no Estado, a pluralidade existente na comisión de Pesca; xa que o documento aínda non foi aprobado, está en fase de achegas, e polo tanto a visión que pode dar Gabriel Mató é a súa como relator. Para fixar a posición do Parlamento, aínda terá que aprobarse na comisión de Pesca primeiro e finalmente no Pleno", sinala Senra.

A Oficina de Información do Parlamento Europeo no Estado Español non debería organizar reunións de carácter partidista  ignorando a pluralidade do Parlamento comunitario. "Un ente destas características non pode dar voz soamente a unha parte", afirmou Lídia Senra.

Non é a primeira vez que o PP é a única voz nas reunións sobre o informe de medidas técnicas. No verán de 2016, o Consello Galego de Pesca reuniuse para abordar o futuro regulamento e ao encontro só foi convidado, nun novo uso partidista deste ente, o eurodeputado Gabriel Mato.

Bruxelas, 2 de xuño de 2017.

Lídia Senra, eurodeputadagalega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/       | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
2 de junho de 2017 10:39

______________________

sábado, febreiro 04, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra en Ferrol, o sábado 4 de febreiro, coa Xente do Mar, nunha rolda polos portos galegos, para abordar a regulación sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños


Lídia Senra en Ferrol sobre pesca este sábado. | Reunión de Lídia Senra con persoas pertencentes ao sector pesqueiro galego.


A deputada galega Lídia Senra continúa este sábado, 4 de febreiro, coas reunións co sector pesqueiro en diferentes puntos do litoral galego. Concretamente, Senra estará ás 11:00 horas na Confraría de Pescadores de Ferrol (no peirao de Curuxeiras). O obxectivo deste encontro é continuar coas xuntanzas con pescadores e pescadoras que Lídia Senra comezou en xaneiro en Corcubión, A Pobra do Caramiñal e Combarro, para abordar as modificacións para o sector que pretende introducir a UE mediante a Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e o Consello sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas. O encontro deste sábado en Ferrol está aberto aos medios de comunicación.

Encontro informativo con Lídia Senra e recollida de opinións

PROPOSTA DE REGULAMENTO DO PARLAMENTO EUROPEO E O CONSELLO SOBRE A CONSERVACIÓN DOS RECURSOS PESQUEIROS E A PROTECCIÓN DOS ECOSISTEMAS MARIÑOS CON MEDIDAS TÉCNICAS

Sábado 4 Febreiro, ás 11:00hrs, na Confraría de Pescadores de Ferrol, no Peirao de Curuxeiras, s/n Ferrol, Encontro con Lídia Senra, eurodeputada galega
__________

Máis información e/ou entrevistas:
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

lidia.senra@europarl.europa.eu

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez/

https://twitter.com/LidiaSenra

http://www.telegram.me/AGEuropa

http://ageuropa.gal/


Enviado por:
Comunicación Lídia Senra
-comunicacionlidiasenra@gmail.com-
3 de fevereiro de 2017 13:23

_____________________

xoves, xullo 28, 2016

Seminario no Parlamento Europeo sobre a “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” que celebrará o 7 e 8 de Setembro e contará con participación de profesionais da pesca e do marisqueo da Galiza


Impulsamos o seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” no Parlamento Europeo. | Convocado a iniciativa da eurodeputada de AGEe, completan o núcleo coordenador do evento o Partido Comunista Portugués e o Sinn Féin. | Terá lugar no PE (Bruxelas) os vindeiros 7 e 8 de setembro, contando ca participación de profesionais da pesca e do marisqueo da Galiza.


Que Galiza é a zona pesqueira máis importante da Unión Europea (UE) ficou comprobado in situ polo Parlamento Europeo (PE) a través da visita do Comité de Pesca ao noso País, promovida pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, no pasado mes de marzo [1].

Agora, “cómpre seguir mantendo a presión sobre as institucións europeas para que sexan postas en marcha medidas contundentes pola defensa e mantemento do noso sector pesqueiro, que representa case o 7% do PIB galego, sendo o 80% da nosa flota de pesca artesanal e a pequena escala, e a Galiza o país onde máis pesca deste tipo se concentra de todo o Estado, xa que temos unha frota de aproximadamente 4.500 barcos”, apuntou.

Baixo esta perspectiva de traballo, a eurodeputada de AGEe, titular suplente na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), está a promover a realización do seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala[2], que terá lugar os vindeiros 7 e 8 de setembro no Parlamento Europeo en Bruxelas.

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) estará acompañada na coordenación deste evento internacional polo Partido Comunista Portugués (PCP) e o irlandés Sinn Féin, ámbalas dúas formacións políticas representantes de pobos cunha fonda tradición pesqueira, coma o galego, e ca que AGEe comparte o obxectivo de “loitar polo desenvolvemento dun sector pesqueiro europeo no que a sustentabilidade sexa o obxectivo principal, que garanta o maior número de postos de traballo posíbel, proporcione alimentos de calidade, e cuxa actividade profesional, lonxe de esquilmar os recursos, contribúa ao mantemento dunhas rías, mares e océanos sans e cheos de vida”.

Este seminario contará con catro mesas informativas e de debate. A primeira delas, que dará inicio na tarde do mércores 7, abordará o impacto dos acordos internacionais de pesca da UE na pesca a pequena escala. Seguidamente, logo dunha pequena pausa, analizaremos as consecuencias da Política Pesqueira Común (PPC) nas comunidades costeiras.

Na mañá do día 8 o encontro centrarase na faciana máis humana da actividade pesqueira da UE, debullando o papel das mulleres na pesca e as actuais condicións dos dereitos dos/as traballadores/as no mar, así como as cuestións relativas á súa seguridade.

Ademais dunha delegación de homes e mulleres do mar que se desprazarán dende a Galiza, as distintas organizacións políticas integrantes do GUE/NGL foron convidadas xa a facilitar a participación de persoas vinculadas á pesca de cadanseus países, polo que a eurodeputada Lídia Senra agarda para este encontro a compilación “dun interesante mosaico de experiencias internacionais que nos vai proporcionar información directa sobre a situación da pesca sustentábel, artesanal e a pequena escala na UE, ao tempo que vai permitir facilitar enriquecedores intercambios entre persoas que desenvolven este tipo de pesca nos distintos Estados membro”.


Dende a súa chegada ao Parlamento Europeo, a eurodeputada galega vén impulsando numerosas iniciativas a prol da protección e apoio ao sector pesqueiro galego [3], tanto en sede parlamentaria -a través de intervencións na Comisión de Pesca, Sesión Plenaria, encontros co sector no Parlamento Europeo, rexistro de preguntas parlamentarias [4] ou interlocucións cas distintas Presidencias semestrais da UE-, como na Galiza -destacando a convocatoria da xornada “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro” en Cangas en novembro de 2005 ou a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, celebrada en Ferrol en maio deste ano-.

Bruxelas, a 27 de Xullo de 2016.

[1] [NdP260316AGEe] A Comisión de Pesca coñecerá a implementación da PPC na Galiza a instancias da eurodeputada de AGEe, [NdP010416AGEe] AGE logra que por primeira vez a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo visite Galiza de forma íntegra.
[2] Adxuntamos cartaz, polo dagora na súa versión provisional en inglés. Achegaremos o programa cando estean confirmadas a totalidade das persoas relatoras. Adxuntamos imaxe de arquivo correspondente á manifestación contra a Lei de Acuicultura celebrada o 27 de febreiro de 2016 en Santiago de Compostela.
[3] Compendio de inciativas recollidas na web de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe): http://ageuropa.gal/category/pesca/
[4] Deguace e cotas. | Colocar a pesca artesanal acidental fora dos TAC. | Distribución das quotas de sarda pelo Estado espanhol. | Reparto das cotas de pesca entre o cerco galego. | Etiquetado produtos acuicultura e pesca. | Prohibición da pesca de deriva con redes artesanais e tradicionais. | Recursos mineros en alta mar. |  Gobernanza dos océanos e enerxía.

[Vídeo] Lídea Senra traslada as prioridades galegas no sector pesqueiro e agrícola á Presidencia eslovaca da UE.

O 12 e 13 de xullo tivo lugar no Parlamento Europeo a comparecencia da ministra eslovaca de Agricultura e Desenvolvemento Rural en calidade de presidenta do Consello de Agricultura e Pesca, ao respecto das prioridades das Presidencia eslovaca do Consello da UE para este semestre.

Como coordenadora para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, e suplente na Comisión de Pesca , a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, tivo a posibilidade de trasladar as súas consideracións directamente á ministra Gabriela Matečná.
En relación ao sector pesqueiro, a eurodeputada de AGEe reiterou á ministra Matečná que o reparto de asignacións de cotas aos Estados en base ao principio de estabilidade relativa “supón unha inxustiza moi forte con países como o meu, Galiza, que é a maior zona pesqueira da Unión Europea”, polo que debe ser revisado urxentemente.

Con respecto ao sector agrícola, Senra alentou á Ministra a que “asuman dunha vez por todas que a liberalización do sector leiteiro está a ser un completo fracaso con gravísimas consecuencias para as gandeiras e gandeiros europeos, e que a solución pasa novamente por contaramos cunha política leitera pública forte e estábel”.

Canle de ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA EN EUROPA. | Ir á canle. | Ir á vídeo.

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de julho de 2016 11:19
___________________

domingo, xuño 05, 2016

Crónica resumo dunha moi interesante xornada que tivo lugar en Ferrol este 4 de Xuño, sobre a contaminación da Ría de Ferrol e do resto das rías galegas e o chamado mar territorial - Xornada que contou con dez excelentes relatorios e a presencia de xente do mar da Galiza e do resto do Estado


Sector pesqueiro e persoal técnico denuncia en Ferrol a morte das rías e as desfeitas ambientais no mar. | Lídia Senra inaugura a xornada "A problemática da contaminación no medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". | A eurodeputada critica a "desfachatez" das Administracións á hora de incumprir normativas e leis para beneficiar ás grandes empresas.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir en Ferrol a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante todo o día reúne no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) a representantes do sector da Galiza e do Estado español, así como persoas expertas na materia.

A eurodeputada aproveitou a súa intervención inicial para denunciar a “desfachatez” coa que as diferentes Administracións saltan leis e normativas en materia ambiental para beneficio das grandes empresas. Un dos últimos casos máis claro: o de Reganosa, na propia Ría de Ferrol. Senra enmarcou esta xornada no ciclo de eventos deste tipo que desde o 2014 organiza AGEe co obxectivo de ser punto de encontro e de debate nos diferentes ámbitos nos que a organización política está a traballar no Parlamento Europeo, para coñecerse, poñer en común loitas e poder defendelas na institución comunitaria.

Na inauguración da xornada tamén interveu a actual concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, María Esther Leira, quen afirmou que foi “o desleixo das Administracións o que trouxo os problemas derivados do saneamento moi tardío da Ría de Ferrol”. Leira defendeu que só haberá unha saída razoábel para salvar a pesca e o marisqueo da zona "se se lle pon freo á locomotora de acumulación do capital". “Para iso estamos as e os responsábeis políticas/os e pedímosvos á sociedade que nos esixades que así o fagamos”, exclamou.

Na primeira mesa programada dentro da xornada, pola mañá, baixo o título “Radiografía xeral da situación medioambiental do noso mar”, tomaron a palabra Guillermo Díaz Agras, Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña; José Luis Rodríguez, Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega); e Isabel Maroño, Patroa Maior da Confraría de Ferrol.

Díaz Agras, que fixo un repaso polo excepcional patrimonio natural que existe na Galiza e nomeadamente na comarca de Ferrolterra, puxo a énfase da súa intervención en criticar a construción do porto exterior de Ferrol, que provocou o corte de renovación da auga da ría. “As Administracións están levando a cabo actuacións sen consenso ambiental que están afogando as rías galegas”, dixo. Neste sentido, aportou o dato de que a construción do porto exterior acabou con 16 especies naturais protexidas ou en perigo de extinción, e que a de Ferrol, xunto coa Ría do Burgo, na Coruña, “bate marcas mundiais en cantidade de metais pesados”. Para facerlle fronte a esta situación, o Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña apostou por ensinarlle ás nenas e nenos a realidade desde as escolas, para que se poida tomar conciencia do problema da contaminación desde a infancia.

Na súa quenda de intervención, José Luis Rodríguez tamén atacou a “nefasta xestión política e desinterese con respecto ao litoral” que amosan a maioría das Administracións. “Sobra lexislación e sobran normativas para que se poidan aplicar medidas que protexan o medio. O problema é que son as propias Administracións quen as incumpren. Son elas, non os pescadores nin a cidadanía”, asegurou. O presidente de Asoar-Armega chamou a sancionar a quen incumpre a Lei: “Non se pode compensar a quen está contaminando impunemente e que salta a normativa como lle ven en gana”, dixo en referencia a grandes empresas. “É urxente e necesario cambiar o sistema de xestión ambiental xa”. Rodríguez lembrou o intento da Xunta de Galiza de “colar pola porta de atrás” o anteproxecto de Lei de Acuicultura intensiva, que suporía, dixo, “un auténtico destrozo ecolóxico, biolóxico, social e ambiental”.

Pola súa banda, Isabel Maroño, aportou algunhas cifras claves que demostran que a Ría de Ferrol “está morrendo a pasos”. No ano 2005 extraéronse máis de 250.000 quilos de marisco na ría de Ferrol; no ano 2015, foron 160.000 quilos. Se traducimos esta cifra en cantidade económica, a diferenza é de máis dun millón de euros menos. “A Consellería dinos, sen embargo, que este último ano foi fabuloso. Igual para eles non é nada esta diferenza, pero para a Confraría é demasiada cantidade de diñeiro”, explicou. A patroa maior pediu ás representantes políticas presentes na xornada que “non nos deixen na estacada e que leven as nosas peticións aos organismos nos que teñen presenza para que a Ría volva ser rica como era antigamente”.

A xornada continuará até as 19.30hrs. Tras a finalización da segunda mesa da mañá -A contaminación das rías galegas e as actuacións das institucións da UE, a quenda de tarde dará comezo ás 16.00hrs. afondando na temática -A economía azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro na Galiza. Concluiremos este encontro a través dunha mesa final de carácter esencialemente propositivo baixo o título -Facendo fronte á contaminación mariña para preservar os recursos pesqueiros. Algunhas experiencias dende o Estado español.

AGEe pon sobre a mesa o elevado custe ambiental e para a pesca artesanal que supón a Economía Azul. | Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo advirten da batalla pola ocupación do espazo mariño na que están as multinacionais contra pescadoras/es. | Na costa galega xa se fixo unha exploración para posibles explotacións mineiras nos fondos mariños, preto de onde está o Prestige.

A Economía Azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro en Galiza, foi o tema que centrou a primeira mesa da tarde deste sábado na xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE” organizada en Ferrol polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).

Na mesa, a eurodeputada de AGEe Lídia Senra alertou de que “dicir economía azul pode soar bonito, pero en realidade, non o é e leva novamente a poñer os recursos nas mans das grandes multinacionais e do capital”. Senra afondou na política de acaparamento dos océanos para proxectos de enerxía eólica, mareomotriz e undimotriz, que se está proxectando a nivel mundial e que levará a “apartar aínda máis do mar ás pescadoras e pescadores a pequena escala”.

Con relación a outro eixo da Economía Azul como son as explotacións mineiras nos fondos mariños, sinalou que, se xa coas explotacións mineiras en terra temos gravísimos impactos na saúde e no medio, “imaxinade se comeza a explotación para aproveitar a enerxía das mareas e os minerais dos fondos mariños”.

A eurodeputada lembrou que a Comisión Europea, baseándose na contestación a unha pregunta por escrito que ela mesma lle fixo, considera que na gobernanza dos océanos, “a pesca ten un papel pequeno e subordinado”, abrindo xa a porta directamente a seguir facendo políticas que baleiren a costa, saquen ás pescadoras e pescadores do mar e deixar en mans de grandes multinacionais toda a explotación dos recursos mariños.

Pola súa banda, o deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Manuel Fajardo, puxo o énfase na realidade de que “cada vez as persoas teñen máis dificultades para vivir do sector da pesca en Galiza e iso é porque hai alguén que non sabe o que está facendo cando dirixe a política pesqueira”. Para Fajardo, estamos diante dunha “batalla pola ocupación do espazo mariño”, xa que o pretenden as forzas neoliberais é facer no medio mariño o que xa fixeron na agricultura. “Pretenden que a xente renuncie a ocupar o mar porque non poden vivir del, e para que así sexa ocupado polas multinacionais”, asegurou. “O capitalismo non ten corazón e por iso están condenando á maioría da poboación á pobreza para o enriquecemento duns poucos. A solución non é só electoral senón de conciencia de todo o mundo e de maioría social”, zanxou.

O xeólogo Francisco Canosa Martínez, que se encargou de facer unha explicación ao respecto de como se levan a cabo as explotacións mineiras dos fondos mariños, afirmou que a economía azul terá graves consecuencias ambientais. Na costa galega, preto de onde está o Prestige, realizouse xa unha exploración a entre 700 e 1.500 metros de profundidade e atopáronse costras polimetálicas e fosforitas. “Non sei o que pasará no futuro, pero se están realizando exploracións será con algunha intención”, dixo. Ante o cal, reafirmou que “non me parece axeitado poñerse a explotar recursos mineiros no mar porque se necesitamos eses recursos témolos na terra e no mar xerarían un custe ambiental e enerxético brutal, xa que literalmente falamos de futuras minas no fondo do mar”.

Noutra orde, na última mesa da sesión da mañá da xornada, participaron Manuel Rodríguez Carballeira, Coordinador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol; Estebo Ameneiro, Presidente da Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia (Plademar); e Ángela García Torres, presidenta da agrupación da Confraría de San Telmo de Pontevedra.

Rodríguez Carballeira expuxo o que, ao seu xuízo, debería incluír un programa de mínimos para a recuperación da ría de Ferrol. “A determinación dos colectivos que viven do mar é fundamental”, afirmou. Así, defendeu que entre mariscadoras e mariscadores, Consellería e Concellos, se faga un plan de usos da ría; e se poña en marcha de forma inmediata a depuración integral da ría. “Non pode ir parar á ría un vertido máis nin que a Administración o permita tal e como está pasando”, denunciou.

O coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol afirmou que en Galiza “hai unha forza política que é perniciosa para o medio e as rías e que se chama Partido Popular” e, fronte a isto, chamou a “pelexar e modificar a situación actual”, xa que senón, preocupante situación da ría “será irreversible”. No mesmo día en que o Comité organizou unha marcha a pé a Mugardos, Rodríguez Carballeira dixo na xornada que “se o Tribunal Supremo dixo, como dixo, que a planta de gas é ilegal, o Goberno ten que paralizala e quitala de aí. Isto non é así e polo tanto estamos falando dunha forza política e dunha Administración que vai contra quen vive das rías e contra todas e todos nós”.

Pola súa banda, Estebo Ameneiro explicou que el, ao igual que toda a xente que vive do mar, "queremos poder ter unha ría ría saneada na que traballar e labrar o noso futuro. A calidade da auga vai a menos e iso repercute en todos nós”. O presidente de Plademar alertou sobre os momentos de debilidade do sector que son aproveitados polo Goberno do PP. “Se estamos débiles é dificil que loitemos, por iso a Xunta aproveitou que estamos asqueados de ir traballar ao mar para non gañar nada, afogados, e lanzou o anteproxecto de Lei de Acuicultura pensando que iamos aceptar a súa limosna”. “Temos que ser conscientes disto”, dixo. Así mesmo, asegurou que as empresas multinacionais están intentando “eliminarnos do mar”. “Somos un estorbo para elas e para algúns gobernos porque elas xeran millóns que van parar aos petos de algúns políticos”, afirmou.

Na mesma mesa, Ángel García Torres fixo un repaso polas zonas da ría de Pontevedra que a día de hoxe están pechadas ao marisqueo por estar catalogadas como Zonas C e explicou a situación de afogamento na que está o sector tamén nese litoral.

Ferrol,a 4 de xuño, de 2016.



--->>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
4 de junho de 2016 14:26
4 de junho de 2016 19:42
__________

sábado, xuño 04, 2016

Hoxe sábado 4 de Xuño, en Ferrol, van ter lugar dous importantes eventos: a X Marcha a Pé Ferrol-Mugardos en protesta polo despropósito gasista de Reganosa e unha interesante xornada sobre contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo

sábado, abril 02, 2016

Juan Manuel Fajardo e Lída Senra, parlamentario galego e eurodiputada, valoran en rolda de prensa a visita, a Galiza, da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo


AGE logra que por primeira vez a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo visite Galiza de forma íntegra. | Senra destaca a importancia de que mariscadoras, sector do mexillón, das artes menores, do cerco e da pesca artesanal fosen escoitados. | Fajardo tacha de “indecente” á conselleira por interecambiar cotas pesqueiras galegas por intereses do PP noutros lugares de Europa.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquera Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada polo voceiro de AGE en materia pesqueira no Parlamento galego, Juan Manuel Fajardo, ofreceu este venres pola mañá unha roda de prensa na Cámara Galega para dar conta da visita que esta semana realizou a delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a Galiza. Durante a intervención, Senra destacou que “é a primeira vez que se dá algo así”.  E é que segundo o rexistro do propio Parlamento Europeo, dende polo menos o ano 2000, que é desde que se teñen datos rexistrados, a Comisión de Pesca non fixera ningunha visita íntegra a Galiza como fixo esta semana. Si é certo que ten estado no 2007 e no 2012, pero visitando só a Axencia de Control, pero unha visita de varios días con reunións coas diferentes partes do sector pesqueiro galego nunca se dera.

Lídia Senra explicou que esta viaxe comezou a organizarse en setembro do 2014, cando tras chegar ela ao Parlamento Europeo como eurodeputada e en pleno conflito do cerco, abriuse o prazo para que os grupos fixeran propostas. “Propuxen que a Comisón de Pesca visitara Galiza, xa que somos o primeiro país en importancia pesqueira na UE”, explicou.

A eurodeputada comentou que na organización puido haber fallos, pero destacou a importancia de que fose a primeira vez que unha visita así se realizara. “O máis importante é poñer en valor que tiveron moita presenza neste encontro diferentes sectores pesqueiros, moita presenza das mariscadoras, do sector do mexillón, das artes menores e da pesca artesanal”, dixo.

Lídia Senra explicou que nas xuntanzas que se prolongaron durante martes, mércores e xoves en Vigo, Vilagarcía, A Illa de Arousa e Santiago púxose enriba da mesa a cuestión da limpeza e a rexeneración das rías, “que está facendo perigar moitos postos de traballo”. “Tamén a insuficiencia e o reparto das cotas e o reparto, que está poñendo en perigo a supervivencia de miles de familias que viven da pesca”. O sistema de análise das biotoxinas e a fraude no etiquetado do mexillón foron outros dos temas que se trataron, igual que a necesidade de que as capturas accidentais saian do reparto de cotas, cuestión que xa foi levada a Europa por AGEe a través dunha emenda e que xa foi aceptada.

Pola súa banda, Juan Manuel Fajardo incidiu en que “é a primeira vez no que vai de século que a Comisión de Pesca visita Galiza. Parece mentira que tivera que chegar AGE para que isto fose posible. Isto demostra a capacidade que temos para incidir”.

O deputado galego denunciou que o 20% do emprego pesqueiro perdeuse desde que chegou Alberto Núñez Feijóo á Xunta e arremeteu contra a actitude do Goberno galego do PP en materia pesqueira. “Acaba de gañarse unha sentencia contra a fraude da etiquetaxe do mexillón e a Xunta segue mirando para o outro lado. É un argumento máis para que dimita a conselleira. Hai que defender o sector do mexillón, non se pode vender como galego mexillón de fora e iso está a pasar coa complicidade da Xunta”, incidiu.

Fajardo deixo claro que desde AGE “imos defender que a pesca artesanal saia do sistema de cotas”. “Fronte a iso, nesta visita o PP estaba máis interesado en falar de Anfaco e de multinacionais que en falar daqueles mariñeiros galegos que saen ao mar todos os días”. O deputado anunciou que AGE emprenderá unha campaña en defensa do produto galego e non do produto de fora que se está vendendo como galego e “cando tomemos a Xunta, o goberno será un goberno que se preocupará polo sector tradicional e a pesca galega, non como agora”.

Fajardo tachou de “indecente” á conselleira de Pesca porque, dixo, “está intercambiando cotas de pesca dos galegos por outros intereses do PP noutras nacionalidades de toda Europa”.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
1 de abril de 2016 13:04
______________

martes, marzo 29, 2016

Os vindeiros 29, 30 e 31 de Marzo unha delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo visitará Galiza


Visita delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a Galiza: 29, 30 e 31 de marzo


Co obxectivo de coñecer o funcionamento da Política Pesqueira Común (PPC) na Galiza, dende este martes 29 e até o xoves 31 de marzo unha delegación integrada por seis eurodeputados/as da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo (PE) -da cal a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, é suplente para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea, desprazarase á Galiza.

Esta delegación foi asumida pola Comisión de Pesca á instancias de Lídia Senra, quen xa no ano 2014 [1] realizou a proposta de levar adiante unha supervisión da aplicación da PPC na Galiza, "á vista da preocupante perda de empregos que está a sufrir o sector pesqueiro galego e dos problemas que para o noso País está a xerar o sistema de reparto de cotas".

A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, amosouse satisfeita de que finalmente o Parlamento vaia acudir "a comprobar in situ como un país como o noso, cunha fonda tradición pesqueira, está a loitar non só para manter os postos de traballo do sector, senón tamén para protexer a nosa biodiversidade, valorizar a nosa cultura como pobo pesqueiro e defender o dereito a obter alimentos do mar sans e a través da xente, e non vendendo a nosa costa a cachos ás multinacionais como pretendía facer o Goberno da Xunta ca Lei de Acuicultura que o sector lles obrigou a paralizar".

A primeira xornada, martes 29, transcorrerá na cidade de VIGO, onde as deputadas/os europeas manterán xuntanzas dende as 16.30hrs [2] con CONXEMAR -Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura-, ARVI -Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo- e ANFACO-CEDOPESCA -Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos-Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca.

O segundo día, mercores 30, comezará ás 9.00hrs [3] cunha reunión con ASOAR-ARMEGA -Asociación de Armadores e Artes Menores de Galicia- e xeiteiros en Vilagarcia de Arousa, onde tamén manterán un encontro con mariscadoras da Ría de Pontevedra e Illa de Arousa, representantes do Consello Regulador do Mexillón, da Comisión do Mexillón e do INTECMAR -Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

Logo desprazaranse a Lira, onde durante unha hora visitarán as instalacións da controvertida planta de rodaballo da multinacional de orixe norueguesa Stolt Sea Farm. A continuación visitarán a Reserva Mariña Lira-Carnota "Os Miñarzos".

Declaracións para os medios de comunicación (Canutazo): mércores 30 ás 12.30hrs. diante da sede do INTECMAR (Rúa do Peirao, s/n, Vilagarcia).

Os seis eurodeputados/as darán por finalizada esta delegación o XOVES 31 en Santiago de Compostela, onde manterán distintas xuntanzas a partir das 09.15hrs. [4] co Comité Executivo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, a Comisión Sectorial do Cerco, ACERGA -Asociación de Armadores do Cerco de Galiza- e a Consellaría de Pesca da Xunta de Galicia.

Declaracións para os medios de comunicación (Canutazo): xoves 31 ás 13.00hrs. diante da sede da EGAP (Rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela).

Bruxelas, 27 Marzo 2016.

Notas.-

[1] Inicialmente esta delegación estaba prevista entre o 16-18 de Febreiro de 2015, sendo finalmente adiada até marzo 2016.

[2] As xuntanzas terán lugar na sede de ANFACO, Crta. Colexio Universitario, 16, Vigo.

[3] As xuntanzas de Vilagarcía serán no INTECMAR, Rúa do Peirao, s/n.

[4] O último día as xuntanzas serán na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de março de 2016 16:54
______________

Foto: Diario Maritimo. | ACERGA en loita polo seu futuro. 1 Novembro 2015.
__________________________