Impulsamos o seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” no Parlamento Europeo. | Convocado a iniciativa da eurodeputada de AGEe, completan o núcleo coordenador do evento o Partido Comunista Portugués e o Sinn Féin. | Terá lugar no PE (Bruxelas) os vindeiros 7 e 8 de setembro, contando ca participación de profesionais da pesca e do marisqueo da Galiza.
Que Galiza é a zona pesqueira máis importante da Unión Europea (UE) ficou comprobado in situ polo Parlamento Europeo (PE) a través da visita do Comité de Pesca ao noso País, promovida pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, no pasado mes de marzo [1].
Agora, “cómpre seguir mantendo a presión sobre as institucións europeas para que sexan postas en marcha medidas contundentes pola defensa e mantemento do noso sector pesqueiro, que representa case o 7% do PIB galego, sendo o 80% da nosa flota de pesca artesanal e a pequena escala, e a Galiza o país onde máis pesca deste tipo se concentra de todo o Estado, xa que temos unha frota de aproximadamente 4.500 barcos”, apuntou.
Baixo esta perspectiva de traballo, a eurodeputada de AGEe, titular suplente na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), está a promover a realización do seminario “Defensa e protección da pesca artesanal e a pequena escala” [2], que terá lugar os vindeiros 7 e 8 de setembro no Parlamento Europeo en Bruxelas.
Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) estará acompañada na coordenación deste evento internacional polo Partido Comunista Portugués (PCP) e o irlandés Sinn Féin, ámbalas dúas formacións políticas representantes de pobos cunha fonda tradición pesqueira, coma o galego, e ca que AGEe comparte o obxectivo de “loitar polo desenvolvemento dun sector pesqueiro europeo no que a sustentabilidade sexa o obxectivo principal, que garanta o maior número de postos de traballo posíbel, proporcione alimentos de calidade, e cuxa actividade profesional, lonxe de esquilmar os recursos, contribúa ao mantemento dunhas rías, mares e océanos sans e cheos de vida”.
Este seminario contará con catro mesas informativas e de debate. A primeira delas, que dará inicio na tarde do mércores 7, abordará o impacto dos acordos internacionais de pesca da UE na pesca a pequena escala. Seguidamente, logo dunha pequena pausa, analizaremos as consecuencias da Política Pesqueira Común (PPC) nas comunidades costeiras.
Na mañá do día 8 o encontro centrarase na faciana máis humana da actividade pesqueira da UE, debullando o papel das mulleres na pesca e as actuais condicións dos dereitos dos/as traballadores/as no mar, así como as cuestións relativas á súa seguridade.
Ademais dunha delegación de homes e mulleres do mar que se desprazarán dende a Galiza, as distintas organizacións políticas integrantes do GUE/NGL foron convidadas xa a facilitar a participación de persoas vinculadas á pesca de cadanseus países, polo que a eurodeputada Lídia Senra agarda para este encontro a compilación “dun interesante mosaico de experiencias internacionais que nos vai proporcionar información directa sobre a situación da pesca sustentábel, artesanal e a pequena escala na UE, ao tempo que vai permitir facilitar enriquecedores intercambios entre persoas que desenvolven este tipo de pesca nos distintos Estados membro”.
Dende a súa chegada ao Parlamento Europeo, a eurodeputada galega vén impulsando numerosas iniciativas a prol da protección e apoio ao sector pesqueiro galego [3], tanto en sede parlamentaria -a través de intervencións na Comisión de Pesca, Sesión Plenaria, encontros co sector no Parlamento Europeo, rexistro de preguntas parlamentarias [4] ou interlocucións cas distintas Presidencias semestrais da UE-, como na Galiza -destacando a convocatoria da xornada “As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro” en Cangas en novembro de 2005 ou a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, celebrada en Ferrol en maio deste ano-.
Bruxelas, a 27 de Xullo de 2016.
[1] [NdP260316AGEe] A Comisión de Pesca coñecerá a implementación da PPC na Galiza a instancias da eurodeputada de AGEe, [NdP010416AGEe] AGE logra que por primeira vez a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo visite Galiza de forma íntegra.
[2] Adxuntamos cartaz, polo dagora na súa versión provisional en inglés. Achegaremos o programa cando estean confirmadas a totalidade das persoas relatoras. Adxuntamos imaxe de arquivo correspondente á manifestación contra a Lei de Acuicultura celebrada o 27 de febreiro de 2016 en Santiago de Compostela.
[3] Compendio de inciativas recollidas na web de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe): http://ageuropa.gal/category/pesca/
[4] Deguace e cotas. | Colocar a pesca artesanal acidental fora dos TAC. | Distribución das quotas de sarda pelo Estado espanhol. | Reparto das cotas de pesca entre o cerco galego. | Etiquetado produtos acuicultura e pesca. | Prohibición da pesca de deriva con redes artesanais e tradicionais. | Recursos mineros en alta mar. | Gobernanza dos océanos e enerxía.
[Vídeo] Lídea Senra traslada as prioridades galegas no sector pesqueiro e agrícola á Presidencia eslovaca da UE.
O 12 e 13 de xullo tivo lugar no Parlamento Europeo a comparecencia da ministra eslovaca de Agricultura e Desenvolvemento Rural en calidade de presidenta do Consello de Agricultura e Pesca, ao respecto das prioridades das Presidencia eslovaca do Consello da UE para este semestre.
Como coordenadora para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, e suplente na Comisión de Pesca , a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, tivo a posibilidade de trasladar as súas consideracións directamente á ministra Gabriela Matečná.
En relación ao sector pesqueiro, a eurodeputada de AGEe reiterou á ministra Matečná que o reparto de asignacións de cotas aos Estados en base ao principio de estabilidade relativa “supón unha inxustiza moi forte con países como o meu, Galiza, que é a maior zona pesqueira da Unión Europea”, polo que debe ser revisado urxentemente.
Con respecto ao sector agrícola, Senra alentou á Ministra a que “asuman dunha vez por todas que a liberalización do sector leiteiro está a ser un completo fracaso con gravísimas consecuencias para as gandeiras e gandeiros europeos, e que a solución pasa novamente por contaramos cunha política leitera pública forte e estábel”.
Canle de ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA EN EUROPA. | Ir á canle. | Ir á vídeo.
---
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
lidia.senra@europarl.europa.eu
Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:Xornal dixital de AGEe:
age.europa.galiza@gmail.com
http://ageuropa.gal/
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
27 de julho de 2016 11:19
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon