domingo, xuño 05, 2016

Crónica resumo dunha moi interesante xornada que tivo lugar en Ferrol este 4 de Xuño, sobre a contaminación da Ría de Ferrol e do resto das rías galegas e o chamado mar territorial - Xornada que contou con dez excelentes relatorios e a presencia de xente do mar da Galiza e do resto do Estado


Sector pesqueiro e persoal técnico denuncia en Ferrol a morte das rías e as desfeitas ambientais no mar. | Lídia Senra inaugura a xornada "A problemática da contaminación no medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE". | A eurodeputada critica a "desfachatez" das Administracións á hora de incumprir normativas e leis para beneficiar ás grandes empresas.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir en Ferrol a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante todo o día reúne no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) a representantes do sector da Galiza e do Estado español, así como persoas expertas na materia.

A eurodeputada aproveitou a súa intervención inicial para denunciar a “desfachatez” coa que as diferentes Administracións saltan leis e normativas en materia ambiental para beneficio das grandes empresas. Un dos últimos casos máis claro: o de Reganosa, na propia Ría de Ferrol. Senra enmarcou esta xornada no ciclo de eventos deste tipo que desde o 2014 organiza AGEe co obxectivo de ser punto de encontro e de debate nos diferentes ámbitos nos que a organización política está a traballar no Parlamento Europeo, para coñecerse, poñer en común loitas e poder defendelas na institución comunitaria.

Na inauguración da xornada tamén interveu a actual concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, María Esther Leira, quen afirmou que foi “o desleixo das Administracións o que trouxo os problemas derivados do saneamento moi tardío da Ría de Ferrol”. Leira defendeu que só haberá unha saída razoábel para salvar a pesca e o marisqueo da zona "se se lle pon freo á locomotora de acumulación do capital". “Para iso estamos as e os responsábeis políticas/os e pedímosvos á sociedade que nos esixades que así o fagamos”, exclamou.

Na primeira mesa programada dentro da xornada, pola mañá, baixo o título “Radiografía xeral da situación medioambiental do noso mar”, tomaron a palabra Guillermo Díaz Agras, Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña; José Luis Rodríguez, Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega); e Isabel Maroño, Patroa Maior da Confraría de Ferrol.

Díaz Agras, que fixo un repaso polo excepcional patrimonio natural que existe na Galiza e nomeadamente na comarca de Ferrolterra, puxo a énfase da súa intervención en criticar a construción do porto exterior de Ferrol, que provocou o corte de renovación da auga da ría. “As Administracións están levando a cabo actuacións sen consenso ambiental que están afogando as rías galegas”, dixo. Neste sentido, aportou o dato de que a construción do porto exterior acabou con 16 especies naturais protexidas ou en perigo de extinción, e que a de Ferrol, xunto coa Ría do Burgo, na Coruña, “bate marcas mundiais en cantidade de metais pesados”. Para facerlle fronte a esta situación, o Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña apostou por ensinarlle ás nenas e nenos a realidade desde as escolas, para que se poida tomar conciencia do problema da contaminación desde a infancia.

Na súa quenda de intervención, José Luis Rodríguez tamén atacou a “nefasta xestión política e desinterese con respecto ao litoral” que amosan a maioría das Administracións. “Sobra lexislación e sobran normativas para que se poidan aplicar medidas que protexan o medio. O problema é que son as propias Administracións quen as incumpren. Son elas, non os pescadores nin a cidadanía”, asegurou. O presidente de Asoar-Armega chamou a sancionar a quen incumpre a Lei: “Non se pode compensar a quen está contaminando impunemente e que salta a normativa como lle ven en gana”, dixo en referencia a grandes empresas. “É urxente e necesario cambiar o sistema de xestión ambiental xa”. Rodríguez lembrou o intento da Xunta de Galiza de “colar pola porta de atrás” o anteproxecto de Lei de Acuicultura intensiva, que suporía, dixo, “un auténtico destrozo ecolóxico, biolóxico, social e ambiental”.

Pola súa banda, Isabel Maroño, aportou algunhas cifras claves que demostran que a Ría de Ferrol “está morrendo a pasos”. No ano 2005 extraéronse máis de 250.000 quilos de marisco na ría de Ferrol; no ano 2015, foron 160.000 quilos. Se traducimos esta cifra en cantidade económica, a diferenza é de máis dun millón de euros menos. “A Consellería dinos, sen embargo, que este último ano foi fabuloso. Igual para eles non é nada esta diferenza, pero para a Confraría é demasiada cantidade de diñeiro”, explicou. A patroa maior pediu ás representantes políticas presentes na xornada que “non nos deixen na estacada e que leven as nosas peticións aos organismos nos que teñen presenza para que a Ría volva ser rica como era antigamente”.

A xornada continuará até as 19.30hrs. Tras a finalización da segunda mesa da mañá -A contaminación das rías galegas e as actuacións das institucións da UE, a quenda de tarde dará comezo ás 16.00hrs. afondando na temática -A economía azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro na Galiza. Concluiremos este encontro a través dunha mesa final de carácter esencialemente propositivo baixo o título -Facendo fronte á contaminación mariña para preservar os recursos pesqueiros. Algunhas experiencias dende o Estado español.

AGEe pon sobre a mesa o elevado custe ambiental e para a pesca artesanal que supón a Economía Azul. | Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo advirten da batalla pola ocupación do espazo mariño na que están as multinacionais contra pescadoras/es. | Na costa galega xa se fixo unha exploración para posibles explotacións mineiras nos fondos mariños, preto de onde está o Prestige.

A Economía Azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro en Galiza, foi o tema que centrou a primeira mesa da tarde deste sábado na xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE” organizada en Ferrol polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).

Na mesa, a eurodeputada de AGEe Lídia Senra alertou de que “dicir economía azul pode soar bonito, pero en realidade, non o é e leva novamente a poñer os recursos nas mans das grandes multinacionais e do capital”. Senra afondou na política de acaparamento dos océanos para proxectos de enerxía eólica, mareomotriz e undimotriz, que se está proxectando a nivel mundial e que levará a “apartar aínda máis do mar ás pescadoras e pescadores a pequena escala”.

Con relación a outro eixo da Economía Azul como son as explotacións mineiras nos fondos mariños, sinalou que, se xa coas explotacións mineiras en terra temos gravísimos impactos na saúde e no medio, “imaxinade se comeza a explotación para aproveitar a enerxía das mareas e os minerais dos fondos mariños”.

A eurodeputada lembrou que a Comisión Europea, baseándose na contestación a unha pregunta por escrito que ela mesma lle fixo, considera que na gobernanza dos océanos, “a pesca ten un papel pequeno e subordinado”, abrindo xa a porta directamente a seguir facendo políticas que baleiren a costa, saquen ás pescadoras e pescadores do mar e deixar en mans de grandes multinacionais toda a explotación dos recursos mariños.

Pola súa banda, o deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Manuel Fajardo, puxo o énfase na realidade de que “cada vez as persoas teñen máis dificultades para vivir do sector da pesca en Galiza e iso é porque hai alguén que non sabe o que está facendo cando dirixe a política pesqueira”. Para Fajardo, estamos diante dunha “batalla pola ocupación do espazo mariño”, xa que o pretenden as forzas neoliberais é facer no medio mariño o que xa fixeron na agricultura. “Pretenden que a xente renuncie a ocupar o mar porque non poden vivir del, e para que así sexa ocupado polas multinacionais”, asegurou. “O capitalismo non ten corazón e por iso están condenando á maioría da poboación á pobreza para o enriquecemento duns poucos. A solución non é só electoral senón de conciencia de todo o mundo e de maioría social”, zanxou.

O xeólogo Francisco Canosa Martínez, que se encargou de facer unha explicación ao respecto de como se levan a cabo as explotacións mineiras dos fondos mariños, afirmou que a economía azul terá graves consecuencias ambientais. Na costa galega, preto de onde está o Prestige, realizouse xa unha exploración a entre 700 e 1.500 metros de profundidade e atopáronse costras polimetálicas e fosforitas. “Non sei o que pasará no futuro, pero se están realizando exploracións será con algunha intención”, dixo. Ante o cal, reafirmou que “non me parece axeitado poñerse a explotar recursos mineiros no mar porque se necesitamos eses recursos témolos na terra e no mar xerarían un custe ambiental e enerxético brutal, xa que literalmente falamos de futuras minas no fondo do mar”.

Noutra orde, na última mesa da sesión da mañá da xornada, participaron Manuel Rodríguez Carballeira, Coordinador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol; Estebo Ameneiro, Presidente da Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia (Plademar); e Ángela García Torres, presidenta da agrupación da Confraría de San Telmo de Pontevedra.

Rodríguez Carballeira expuxo o que, ao seu xuízo, debería incluír un programa de mínimos para a recuperación da ría de Ferrol. “A determinación dos colectivos que viven do mar é fundamental”, afirmou. Así, defendeu que entre mariscadoras e mariscadores, Consellería e Concellos, se faga un plan de usos da ría; e se poña en marcha de forma inmediata a depuración integral da ría. “Non pode ir parar á ría un vertido máis nin que a Administración o permita tal e como está pasando”, denunciou.

O coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol afirmou que en Galiza “hai unha forza política que é perniciosa para o medio e as rías e que se chama Partido Popular” e, fronte a isto, chamou a “pelexar e modificar a situación actual”, xa que senón, preocupante situación da ría “será irreversible”. No mesmo día en que o Comité organizou unha marcha a pé a Mugardos, Rodríguez Carballeira dixo na xornada que “se o Tribunal Supremo dixo, como dixo, que a planta de gas é ilegal, o Goberno ten que paralizala e quitala de aí. Isto non é así e polo tanto estamos falando dunha forza política e dunha Administración que vai contra quen vive das rías e contra todas e todos nós”.

Pola súa banda, Estebo Ameneiro explicou que el, ao igual que toda a xente que vive do mar, "queremos poder ter unha ría ría saneada na que traballar e labrar o noso futuro. A calidade da auga vai a menos e iso repercute en todos nós”. O presidente de Plademar alertou sobre os momentos de debilidade do sector que son aproveitados polo Goberno do PP. “Se estamos débiles é dificil que loitemos, por iso a Xunta aproveitou que estamos asqueados de ir traballar ao mar para non gañar nada, afogados, e lanzou o anteproxecto de Lei de Acuicultura pensando que iamos aceptar a súa limosna”. “Temos que ser conscientes disto”, dixo. Así mesmo, asegurou que as empresas multinacionais están intentando “eliminarnos do mar”. “Somos un estorbo para elas e para algúns gobernos porque elas xeran millóns que van parar aos petos de algúns políticos”, afirmou.

Na mesma mesa, Ángel García Torres fixo un repaso polas zonas da ría de Pontevedra que a día de hoxe están pechadas ao marisqueo por estar catalogadas como Zonas C e explicou a situación de afogamento na que está o sector tamén nese litoral.

Ferrol,a 4 de xuño, de 2016.



--->>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
4 de junho de 2016 14:26
4 de junho de 2016 19:42
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon