quinta-feira, dezembro 15, 2011

5.1: a verdade revolucionaria, ... Por Fran P. Lorenzo

Por Fran P. Lorenzo
15.12.2011

Nunca imaxinei que as evidencias puideran, co paso do tempo neste país tan probe e puteado, resultaren mesmo subversivas. Afirmar por exemplo: “A lingua propia de Galicia é o galego”, como afirma o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia, norma aprobada por un consenso parlamentario, que incluíu, na altura, o voto favorábel da Alianza Popular de Manuel Fraga. O 5.1. Non 9 nin 12, nin 20.2. O artigo 5.1.: “A lingua propia de Galicia é o galego”. Poderiámonolo tatuar no brazo ou no peito e non sería máis claro e recto o seu sentido. Pero olla que na súa sinxeleza, eses dous números, cun puntiño polo medio, son mesmo desestabilizadores e superan o espírito da norma que os acolle. Veño de abrir un arquivo de Paint e debuxar senllas cifras de maneira moi rudimentaria, como faría un cativo. Velaquí están

Recomendo facelo. Coller un papel e pintalo, estampar o 5.1 nas camisolas, tuitealo. Porque cando un fai iso, trazar os riscos do 5.1, parécelle que está a pintar o V que os resistentes daquela serie de televisión pintaban nos valados das cidades contra os lagartos invasores.


Os números teñen ese poder de cifraren os significados, e por algo os chamamos cifras. 1789 non é 1713, e 1931 non é 1936. As 20.15 horas non son as 21.18 horas, e unha hora exclúe á outra. Eu nacín en 1973, e non en 1922 nin en 2009. Vivo, poñamos por caso, no número 50 da Avenida das Camelias e non no 88. Non é o mesmo o Windows 3.1 que o Windows 7. Un terremoto de 5.1 graos na escala de Richter é exactamente iso, 5.1 graos. Non 7 nin 8 nin 2.4. As súas consecuencias tamén son distintas. E o artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía di, repito: “A lingua propia de Galicia é o galego”.

Que iso fique impreso, negro sobre branco, nun manual escolar é motivo de fóbicas denuncias, por parte dun fulano de UPyD, ante alguén que se fai chamar Valedor do Pobo, e cuxa oficina, grazas a ‘valer’ un pobo que ten o galego como lingua propia, recibe (nos orzamentos da Xunta para 2012), 2 millóns de euros!! dos nosos petos. Dous millóns de euros, repito, nin 0,1, nin 1.5. Dous (2) millóns. Comparado cos 8,4 millóns da Casa Real española con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, haberá que concluír que a monarquía española é unha ganga para os galegos en comparación co que lle pagamos a Benigno López. Pero ao que vou. Ese valedor considera que os cativos deste país non deben coñecer a evidencia de que a lingua propia de Galicia é o galego, perigosa e terrorista suma de suxeito+verbo+predicado. E a consellería de Educación dálle a razón. Non só. Alenta a mudanza dese libro de texto. O artigo 5.1, na súa sinxeleza, revela unha dolorosa evidencia que o conselleiro de Educación Jesús Vázquez e os demoledores da lingua galega non aturan: que a lingua propia de Galicia é o galego. Non hai máis. A mala noticia para eles é que tal realidade non se pode mudar mentres quede un, digo un, falante de galego sobre esta terra cansa e humillada.

“En tempos de engano universal, dicir a verdade convértese nun acto revolucionario”. A frase acho que é de George Orwell, anque tamén lla atribuíron a Lenin e a Gramsci. En xuño de 2006, un cidadán británico foi detido por exhibir no centro de Londres un cartaz con esa frase, acusado de violar a lexislación sobre Crime Grave e Organizado de Blair, que prohibía daquela, non sei se aínda o fai, protestar, pronunciar discursos ou amosar pancartas con lendas políticas nun quilómetro á redonda da Praza do Parlamento.

Hoxe, tras décadas de loita pola normalización da lingua galega -tras anos de enerxía, cartos e tempo investidos- achámonos na tesitura de defendermos a verdade revolucionaria do artigo 5.1, mira ti. Tocamos fondo, miñas donas e meus señores. Somos coma unha velliña desprovista de todo á que botan do seu fogar cando non ten nin folgos para erguer a voz, desafiuzada da súa casoupiña humilde con muros de porpiaño e o teito a caír. Sei que para esa vella ter a verdade e a dignidade da súa parte non é moito consolo. Pero polo de hoxe non temos máis. O bo de tocarmos fondo, como cando se bate co pé no chan dunha piscina, é que o único que nos resta é subir, ascender. Ogallá cheguemos con osíxeno abondo á superficie, e ninguén, o Valedor do Pobo por exemplo, nos leve aos tribunais non xa por querermos galego senón por querermos sobrevivir.

[*Fran P. Lorenzo -Vigo 1973, é xornalista.

Blogue Persoal "Un país en lata":

http://unpaisenlata.wordpress.com/

Nota.-
No seu blogue hai comentarios ao seu artigo. Tamén no citado blogue poden-se ler artigos de moito interese.
_________________________

Enlaces de interese a mantenta do asunto:

Plataforma en prol da defensa e promoción da Lingua Galega

Plataforma Queremos Galego
___________________

1 comentarios so far

un queda abraiado co que pasa na galiza. O autoodio que vivimos a cotio. Nun país que ten medo de ser de seu

A lei que prohibe exhibir pancartas a un km do parlamento en UK é unha lei antiterroristas que foi aplicada a 100 mil persoas... ningunha das cales era terrorista por certo


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon