No caso de accidente non hai Plan de Emerxencia que evite unha Traxedia
Cunha nota informativa, a Xunta de Galicia pretende transmitir á veciñanza “tranquilidade” ante o primeiro simulacro de accidente, que se vai realizar o venres 16 de decembro, CATRO ANOS DESPOIS! da entrada en funcionamento de Reganosa. Sabendo ademais, que ningún plan de emerxencia pode protexer ás persoas desta comarca da ameaza que supón a Planta de gas.
Cal foi a actuación de Reganosa e dos organismos públicos, dende a súa entrada en funcionamento?
Reganosa incumpre sistematicamente a legalidade. O Plan de Emerxencia tiña que revisarse cada tres anos. Pero hai máis exemplos disto.
Na noite do 19 ao 20 de abril de 2010 produciuse un incendio no complexo petroquímico de Forestal a 150 m da Planta. Acudiron os bombeiros de Ferrol para sufocalo. O incendio, producíase ao mesmo tempo que o gaseiro Madrid Spirit procedía á descarga de 58.000 Ton de GNL. As condicións de baixamar e noite, impediron ao gaseiro saír da Ria. Non se activou o Plan de Emerxencia, ningún organismo público (Dirección Xeral de Protección Civil, Concello etc.) alertou á poboación.
A raíz deste incidente, na reunión mantida co Director Xeral de Protección Civil en xuño de 2010, afirmou que non era competente no relativo ao tráfico de gaseiros cargados con gas natural licuado. Requiriuselle entón a documentación sobre a súa actuación neste incidente, e até o momento non lle foi entregada.
Cal é a capacidade letal de Reganosa?
A planta de gas de Reganosa almacena 150.000 Tons. de gas natural licuado (GNL), un valor enerxético equivalente a 120 bombas atómicas como as lanzadas polo goberno norteamericano sobre Hiroshima, situada a carón do complexo petroquímico -Forestal del Atlántico- que alberga 283.000 m³ de combustibles e sustancias químicas.
Doutra banda, os buques gaseiros que subministran á planta, teñen que transitar pola Ría, o que implica unha altísima probabilidade de que, en caso de emerxencia, o gaseiro quede encerrado no seu interior como nunha ratoeira, ameazando coa súa carga á poboación de Ferrolterra.
O pasado 21 de Novembro, o gaseiro “Arctic Princess” quedaba á deriva fronte as nosas costas. ¿Que sucedería si esta circunstancia se dera co gaseiro cargado e dentro da Ria?. O Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, tampouco contempla como risco os derivados da navegación de gaseiros cargados dentro da Ría.
Cales son as distancias aos núcleos de poboación?
Ao redor da planta, nun radio de 2000 m, viven 7000 persoas. As vivendas máis próximas, que pertencen ao núcleo de Mehá, están a uns 100 m da mesma. Neste núcleo viven 400 persoas. A distancia ao casco urbano de Mugardos é de 900 m, ao Arsenal militar 1200 m, ao centro urbano de Ferrol 1600 m.
Cales foron os perímetros de seguridade establecidos en recentes accidentes de gas?
Debemos lembrar que a explosión nos Alfaques, dun camión-cisterna cargado con tan só 25 Tons de gas, ocorrido o 11/07/1978, provocou 243 mortos.
Cales son as distancias establecidas no Plan de Emerxencia de Reganosa e noutras plantas similares?
O Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa establece unha zona de intervención de tan só 173 m, zona de alerta 213 m, no caso máis desfavorábel. Estas distancias son notablemente inferiores ás obtidas nunha instalación similar como é a planta de Bilbao cuns valores de 1.467 m para zona de intervención e de 3.049 m para a zona de alerta.
A modo de exemplo, a propia Protección Civil na web da Xunta de Galicia aconsella utilizar a guía informática CANUTEC EGO 2008 que, para un verquido de gas natural licuado NIP 1972, recomenda considerar unha evacuación xeral ata unha distancia mínima de 800 m. Distancia que amplía a 1.600 m si se trata dun incendio nun tanque ou cisterna.
Alguén se pode crer que coas distancias de alerta e intervención do Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, inferiores aos casos anteriormente descritos, a cidadanía queda protexida?
Evidentemente que non, o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa é un plan á medida para que a instalación aparentemente encaixe no espazo dispoñible en Punta Promontoiro, pero totalmente inútil e inservíbel para a poboación en caso de explosión ou fuga de gas.
Que cumpre facer, para evitar unha traxedia?
Hoxe pode constatarse que como proxecto económico, Reganosa resultou un fracaso. A produción non supera o 40%, un custe de sesenta millóns de euros anuais que pagamos a cidadanía a través das tarifas de gas e da electricidade. Non hai motivo algún que poida xustificar manter operativa unha planta de gas, que supón, ademais dunha ameaza para a poboación, un alto custe medioambiental, económico e social.
Polo tanto non cabe outra que o peche da actividade da planta de Reganosa e a apertura do subministro de gas a Galicia por gasoduto, tal como viña sucedendo ata o 2007, pois teñen a capacidade suficiente para subministrar gas, tanto aos ciclos combinados como para consumo industrial e doméstico.
¡Planta de Gas fora da Ría!
15 de Decembro de 2011
PLATAFORMA DE VECIÑOS CRUCEIRO DE MEHA (MUGARDOS)
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon