Por Amadeo Varela [*]
24.10.2011
Xa pasaron máis de dez anos, e o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue na súa loita de denunciar a ilegalidade da planta de gas de Reganosa, instalada no interior da ría, no concello de Mugardos. Desde entón, cada vez que un vello gaseiro aboca a entrada da nosa ría, o Comité convoca aos cidadáns nunha nova protesta con concentracións que varían en número de asistentes dependendo das circunstancias persoais daqueles que normalmente acoden á súa chamada para expresar a súa preocupación, polo perigo que supón a posibilidade dun accidente na citada planta ou nalgún dos buques cargados con tan perigosa mercadoría, cando encetan a difícil manobra de entrada.
A insistencia do Comité está lexitimada non só polo razoable da súa protesta, senón por senllos ditames do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmou a ilegalidade da citada planta, se ben estes foron recorridos polos responsables da regasificadora, quedando agora pendente da decisión das Superiores Instancias.
Coido que semellante tenacidade é unha proba irrefutable da seguridade que esas persoas teñen da razón da súa protesta e da fe nun fallo xudicial definitivo, que libere aos cidadáns desa latente ameaza, obrigando a Reganosa a cambiar o seu emprazamento. Esa era a fe e a esperanza do Xeneral Gabeiras primeiro e de Carmelo Teixeiro, despois, na súa loita como coordinadores do Comité. Eran dous homes bos e xenerosos, que xa se foron, pero que deixaron marcada a estratexia desta carreira de fondo: esixir, insistir e resistir. Porque como alguén dixo, resistir é vencer. Eles sabían que loitaban contra poderosos intereses económicos e contra o silencio cómplice de certos medios de comunicación e dos partidos políticos maioritarios deste país, pero nunca cederon, porque estaban convencidos de que, aínda que tarde, a Xustiza ía lles dar a razón, porque de non ser así, o Estado Español perdería totalmente a súa cualificación como Estado de Dereito.
Proximamente van ser xulgados en Ferrol varios dos mariscadores que, coas manobras das súas embarcacións impediron a entrada na ría do primeiro gaseiro cargado. Dadas as circunstancias, o que parece máis razoable é que todos eles saian en liberdade sen cargos, pois de non ser así, e de producirse posteriormente a sentencia de ilegalidade de Reganosa, poderiamos atoparnos na esperpéntica situación duns homes castigados por defender a Xustiza.
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
venres, decembro 16, 2011
Tenacidade, ... Por Amadeo Varela
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan venres, decembro 16, 2011
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon