domingo, xaneiro 15, 2012

A demagoxia neoliberal co déficit e os impostos, ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]

15.01.2012

No debate actual sobre o déficit e a débeda xógase abusivamente con algunhas simplificación torpes e demagóxicas. Os propagandistas da dereita tratan de identificar déficit con despilfarro. Obviamente, non teñen nada que ver. Pode haber xestión pública eficiente de recursos xestionados en orzamentos con déficit e xestión ineficiente con orzamentos equilibrados. Outros tratan de identificar gasto público con déficit e dan por feito que para reducir o déficit a única vía é a redución do gasto público. Obviamente, tampouco é iso. O asunto está en ter sempre presente que o déficit depende tamén dos ingresos públicos en xeral e dos impostos en particular. É unha trapela interesada falar exclusiva e machaconamente dunha das follas da tesoira como se a outra non entrase no xogo.

Para empezar é falso afirmar que os de esquerdas son defensores do déficit. O que normalmente fan as esquerdas é defender o gasto público –non de calquera maneira- pero non é máis de esquerdas financiar ese gasto público con déficit e débeda; o que normalmente defenderán as esquerdas é financialo cun sistema impositivo progresivo.

Outro asunto é que desde a crise do 29 os economistas serios entenderan que o déficit non pode ser un dogma, no sentido de que o financiamento con déficit pode ser un instrumento útil para dinamizar a economía, para combater as recesións ou para financiar investimentos estratéxicos cuxos rendementos para a sociedade non se manifestan no ano en que se executa o gasto senón posteriormente e ao longo de moitos anos –como ocorre en xeral coas boas infraestruturas, cando están pensadas en termos de utilidade social.

O certo é que o dogma do déficit cero é algo que os países desenvolvidos arrombaron despois da crise do 29 e tan só o arcaico réxime de Franco mantivo ese criterio miope do equilibrio orzamentario como principio inamovible até a súa caída; a dereita española volve ás súas orixes con este dogma traído agora da man dos neoliberais, esquecendo que esa disciplina pitoña foi a causante do coñecido déficit de investimento en infraestruturas e servizos sociais básicos que marcou durante décadas unha distancia abismal con respecto ao resto de Europa.

Pola contra, temos múltiples exemplos de como a dereita foi adicta ao déficit e á débeda. O caso máis espectacular foi o de Reagan e Bush nos Estados Unidos. Foi baixo os seus mandatos cando os déficit e a débeda se dispararon até niveis realmente irresponsábeis e insostíbeis. Iso si, fixérono ao tempo que mantiñan o dogmático discurso do equilibrio orzamentario, converténdose no exemplo paradigmático da dobre moral do neoliberalismo reinante desde Reagan para acá. Desde aquela o discurso da redución do déficit foi utilizado sistematicamente para poder levar adiante programas de rebaixas dos impostos aos ricos, ás grandes empresas e ao capital financeiro (bancos, fondos, etc) ao tempo que aumentaban o gasto militar, as axudas a grandes empresas ou os gastos en obras e servizos que contratan co sector privado.

Polo tanto, o verdadeiro problema é a política da dereita e dos neoliberais. O que viñeron facendo ao longo das tres últimas décadas foi máis ou menos o seguinte: manteñen un persistente discurso de redución de impostos para lexitimar a redución de impostos aos ricos, ás rendas altas e ao capital ao tempo que aumentan os impostos indirectos que para a xente se confunden con alzas de prezos (IVE, etc); paralelamente, manteñen ou aumentan o gasto para atender as demandas dos grandes grupos económicos (gasto militar, obras, compras públicas...) e, para poder gañar eleccións, tampouco poden acometer drásticos recortes nos servizos públicos máis populares. O resultado é cantado: un crecente desequilibrio das contas públicas, aumento do déficit e da débeda. Nese sentido, son xustamente as políticas de corte neoliberal as que conducen a un aumento do déficit e da débeda pública. Ese uso estratéxico do orzamento público para facer unha redistribución inversa -cara arriba- da renda compleméntase coa privatización de empresas e servizos públicos, que significaron e significan unha fabulosa transferencia de rendas cara o capital privado, ao tempo que axuda a ampliar o campo de negocio en actividades lucrativas e seguras para ese mesmo capital privado.

O que define á esquerda non é déficit senón, por un lado, a orientación do gasto (prioridade á redistribución da renda para reducir as desigualdades, servizos públicos básicos de calidade como educación, sanidade, etc e non gastos militares ou obras que só benefician ás empresas que as realizan) e, por outro lado, un sistema de impostos progresivos que faga pagar máis -de xeito efectivo- ás rendas altas e as grandes fortunas, que grave as rendas financeiras cando menos tanto como os ingresos do traballo do traballo, que grave moito máis o consumo de luxo e grave menos o consumo básico ou esencial, que poña coto á fraude e á evasión fiscal, etc. Como leva defendendo, por exemplo, o BNG desde o inicio desta crise e non só como gancho ás portas das eleicións.

Nese sentido, compre recoñecer e dicir que a política de Zapatero non foi de esquerdas nin na primeira lexislatura nin na segunda; co seu discurso de que “subir impostos non era de esquerdas” o que fixo foi: suprimir o imposto de patrimonio que só pagaban os ricos, baixar o tipo marxinal máximo da renda do 46 ao 43%, baixar o imposto de sociedades, asentar un tratamento fiscal escandalosamente privilexiados para as SICAV, fondos de investimento, private equity, etc. O que si subiu foi o IVE e os impostos especiais, que son todo eles regresivos. Ademais, contribuíu a manter e reforzar un sistema fiscal tipo “gruyere”, con moreas de buratos e excepcións e, para redondeala, cunha política de inspección tributaria deliberadamente tolerante coa fraude e a evasión, como veñen denunciando os técnicos de facenda (Gestha).

Nesa mesma senda se sitúan as medidas fiscais adoptadas polo PP no seu primeiro consello de ministros: facendo táboa rasa co discurso proclamado acordan unha suba de tipos no IRPF -disque como "contribución temporal á solidariedade"!!- coa particularidade de cebarse de xeito moi especial nas rendas medias e medias-baixas (tanto nas rendas do traballo como nas rendas do aforro). Ao tempo que acordan un recorte de gasto moi importante que vai afectar especialmente aos asalariados públicos e aos servizos públicos da maioría da poboación (sanidade, educación, dependencia, etc). Pola contra deixan fóra da axenda a tributación das sociedades e fondos de investimento, as rendas financeiras e especulativas, a evasión fiscal, as múltiples deduccións e bonificacións que permiten que as grandes sociedades paguen unha taxa efectiva de imposto de sociedades inferior ao das PEMES. Nada se di tampouco de reducir o gasto en certas partidas como a militar, subvencións á igrexa, ao ensino privado e concertado, etc.

Compre insistir, polo tanto, no feito de que a esquerda non está en contra da redución do déficit en abstracto senón e tan só na medida en que vai aparellada da redución do gasto e ata a imprescindible flexibilidade dos gobernos. O problema é a redución do déficit ao mesmo tempo que se adoptan medidas que reducen os ingresos públicos, porque iso conleva necesariamente unha redución do gasto público e, na maior parte dos casos, dos gastos en servizos básicos como educación, sanidade e prestacións sociais para os máis necesitados. Como estamos a ver en Galiza, en Madrid, en Cataluña, en Valencia e no conxunto do Estado Español; ou no Reino Unido, Portugal e a maioría dos países da UE que están a implementar as mesmas receitas impulsadas pola dereita europea.

Os que queren utilizar o sector público para introducir maior xustiza social e impulsar o desenvolvemento económico non son fanáticos do déficit nin moito menos, o que perseguen é que os ingresos públicos poidan aumentar ao ritmo das necesidades razoables de gasto para acadar aqueles obxectivos. Polo tanto, a esquerda do que está en contra é de que o sector público se ate de pés e mans para afrontar situacións conxunturais que poden estrangular as contas públicas. Por outra parte, non fai falta ser keynesiano para entender que nun contexto de recesión e estancamento, o peor que poden facer os gobernos é reducir drasticamente os gasto público porque iso só contribúe a deprimir aínda máis a demanda. E, por último, todos os economistas serios saben desde hai moitas décadas que o investimento de longo prazo –infraestruturas de todo tipo- non ten porque ser cuberto con ingresos actuais senón que resulta máis razonable e xusto que se financie mediante crédito, tendo en conta que o seu rendemento ou utilidade social vai producirse no futuro, durante un longo prazo de tempo. Un problema completamente distinto é que eses investimentos teñen que plasmarse en actuacións cuxa utilidade social futura sexa certa e ben avaliada e non poden ser o resultado de decisións caprichosas, clientelares ou por presión dos que fan negocio coa execución do investimento. Ese é o risco derivado da presión de certos lobby’s poderosos como poden ser o das construtoras, concesionarias e outras polo estilo.

Artigo publicado o 9 de Xaneiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon