Por Amadeo Varela [*]
21.02.2012
Á nosa cidade deberían cambiarlle o nome e chamarlle a cidade do “agora xa está”. Se botamos unha ollada á cantidade de trapalladas que temos sufrido, á cantidade de empresas pechadas, ou á morea de promesas incumpridas, lembraremos que en moitas ocasións, cando alguén tratou de opoñerse a algunha falcatruada, topouse coa indiferenza da xente en xeral, que en canto de loitar resignábase co conto de “agora xa está”. E nembargante en algunhas ocasións a loita dunhas poucas persoas acadou resultados que parecían imposibles.
Por lembrar algunhas das últimas, que non derradeiras, anoto o derribo das Casas Baratas, que “xa estaba feito” antes do ano 2000; o arrasamento da fraga de Menáncaro, na que xa se daba por feita unha urbanización con hotel incluído; a “palangana” da Praza de Sartaña que tamén se consideraba feita; e os edificios da Praza de España, que segundo se dixo, xa non había xeito de paralos. Mais todas estas trapalladas, foron detidas a tempo, aínda que non poidamos asegurar que sexa definitivamente, pois “os trapalleiros” son fortes e teimudos.
Hai, en troques unha moi gorda, que ata agora non se puido deter: A perigosa Planta de Gas, instalada en Mugardos, contra todo razoamento, contra toda a regulamentación e contra o máis elemental sentido da prudencia. Preto de doce anos levan un grupo de persoas denunciando esta barbaridade ilegal e sen sentido e aínda hai quen di iso de “agora xa está”. Iso é o que poderán dicir os que queden, se un día estoupa. Daquela si, pero mentres, aínda estamos a tempo de botala de aí.
Todas estas lembranzas viñéronme á memoria co gallo da manifestación do pasado domingo. Ganas déronme de dicirlles a algúns iso de “agora xa está”. Porque supoño que entre tanta xente habería bastantes que votaron PP nas últimas eleccións. Pois “AGORA XA ESTÁ”. Xa temos outra falcatruada máis enriba do lombo. E seguramente pasará o día e pasará a romaría e seguiremos dicindo que chove … Porque estamos afeitos a aturar todo o que nos botan, así que, “agora xa está”. Ou non?
Publicado no "Diario de Ferrol"
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
martes, febreiro 21, 2012
Agora xa está?, ... Por Amadeo Varela Rodríguez
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan martes, febreiro 21, 2012
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon