venres, febreiro 24, 2012

A bondade dos bancos, ... Por Isaac Rosa

Por Isaac Rosa [*]
24.02.2012


Non entendo a desconfianza que provoca o anuncio do ministro De Guindos dun código de boas prácticas para a banca en materia de hipotecas. Si, é verdade que todo queda á súa boa vontade, pero por iso non entendo o receo: é que os bancos non teñen boa vontade? Non lles vemos capaces dun xesto bondadoso?

Como son de natural confiado, resístome a pensar que os banqueiros carezan de corazón. Así que acudo ás webs corporativas das entidades, e aí están: as probas de que non son tan malos como pensamos. Navegando encontro que un dos maiores bancos conta cun "código de conduta" e uns "principios éticos", que publicita xunto a unha "política de dereitos humanos". Vou a outro banco, e encontro varios documentos que explican o seu "compromiso coa sociedade" e o seu "compromiso en materia de dereitos humanos". Un terceiro banco presume de contar cunha "Política de Ética e Dereitos Humanos", e outro máis asegura ser unha "entidade comprometida" que se basea nunhas "finanzas responsables".

Se os nosos bancos contan xa -sen que llo pida o ministro- con principios éticos, códigos de conduta e compromisos en dereitos humanos, por que non ían ter un xesto de bondade coas familias que peor o están pasando?

Pois non, vese que nin o ministro confía moito nesa bondade, e por iso ofrecerá incentivos fiscais. A ver se ao final o banco vai acabar deducíndose por un diñeiro que en ningún caso ía cobrar, pois falamos de familias (sen ingresos) que nunca ían poder facer fronte á débeda; ou acaba recibindo incentivos por dar facilidades ás familias para quedar (e seguir pagando) un piso que o banco non quere nin en pintura.

Tras máis de 300.000 execucións hipotecarias e centos de protestas, todo o que ten o Goberno para as familias asfixiadas é un código de boas prácticas. Imaxino que o próximo será un código de boas prácticas para as empresas, para que apliquen con humanidade a nova reforma laboral; e ata un código ético para os antidisturbios valencianos. De cumprimento voluntario, por suposto.

Publicado o 23.02.2012 en Traballar cansa - Público.es

[*]Isaac Rosa Camacho -Sevilla, 1974, é escritor e activista de esquerdas. Anque naceu en Sevilla, viveu en Extremadura e agora reside en Madrid. Publicou as novelas "La malamemoria" (1999), posteriormente reelaborada en "¡Otra maldita novela sobre la guerra civil!" (2007), "El vano ayer" (2004) e "El país del miedo" (2008). Con "El vano ayer" obtivo o Premio Rómulo Gallegos (2005), o Premio Ojo Crítico e o Premio Andalucía de la Crítica, e foi levada ao cine por Andrés Linares co título de "La vida en Rojo". A súa última novela, "El país del miedo", recibiu o Premio Fundación José Manuel Lara á mellor novela de 2008. Isaac Rosa, na actualidade reside en Madrid. Tivo o honor de remplazar a Javier Ortiz na columna que publicaba no xornal "Público" logo do seu pasamento. Outras obras: "Adiós muchachos" (1998, teatro), "El ruido del mundo" (1998, novela), "Kosovo. La coartada humanitaria" (2001, ensaio), ...

Ligazóns externas:
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon