15.02.2012
Ou como xustificar un golpe de man no réxime laboral
Nesta crise, coma nas guerras, a primeira que perde é a verdade. Levamos escoitado moitas nos últimos anos e calquera pode percatarse que o uso e abuso da mentira reiterada é un dos elementos clave da estratexia intoxicadora e dominadora da dereita neoliberal e conservadora, que redescubriu as técnicas máis agresivas do adoutrinamento de masas. Goebels e Orwell en estado puro. Pero as que se están a suceder para dar cobertura á radical reforma laboral impulsada polo PP son de antoloxía. Basten como botón de mostra estas da Ministra de Traballo cando o 13 de febreiro afirma que “teniamos una regulación laboral que produjo 2,7 millones de parados y había que hacer algo”. Outros igual de ousadas e abusando da ignorancia propia e allea afirman que a reforma laboral vai crear emprego e, desde logo, frear o aumento do paro. O presidente Feijóo, tan audaz como temerario no uso –e abuso- das palabras, atreveuse a dicir que era a reforma feita e pensada para favorecer aos parados, aínda que puidera requirir algún sacrificio dos que tiñan o privilexio de ter emprego (porque nesas estamos, chegamos a un portentoso modelo socioeconómico neoliberal no que ter un emprego, mesmo precario, é un privilexio case abusivo!).
A golpe de horas e horas de pauliñas radiofónicas e televisivas imos ter que acabar crendo que a causo do escandaloso aumento do paro en Galiza ou no Estado Español non deriva da burbulla inmobiliaria e a crise da construción ou da crise financeira senón que deriva da férrea e inflexible lexislación laboral existente. Tamén imos ter que acabar pensando que nestes últimos anos todos os traballadores desfrutaban de suculentos contratos indefinidos, altos salarios e obscenas indemnizacións de despedimento. Nada de recordar que no Estado Español se veñen celebraban todos os anos máis de 16 millóns de contratos (en Galiza 680 mil), é dicir contratos temporais de meses e mesmo de días; iso non é flexibilidade suficiente e, ademais, unha indemnización de 6 días por ano traballado é excesiva. Nada de recordar que un terzo das mulleres asalariadas teñen empregos a tempo parcial (metade ou terzo de xornada); iso non é suficiente. Nada de recordar que o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir, por debaixo dos mil euros; iso non é suficientemente baixo.
Para que seguir ... despois de catro anos de crise, recesión, estancamento, paro galopante e políticas equivocadas (ou deliberadamente pensadas para satisfacer á banca e só a ela), despois de anos en que non lles quedaba outra que admitir que o problema estivera na especulación financeira e inmobiliaria e un modelo produtivo centrado no ladrillo e nas actividades de baixo valor engadido, van ter agora o valor para darlle a volta aos argumentos e aos feitos para acabar afirmando con total descaro que o problema está no modelo laboral, na rixidez laboral, nos dereitos laborais, nos salarios excesivos e nas indemnizacións por despedimento.
Realmente, pola desmesura e o burdas que resultan os argumentos da propaganda gobernamental e da banca/patronal que acompañan esta reforma laboral, merecen figurar como exemplo nos manuais da manipulación das conciencias e do adoutrinamento de masas. Pero así é e deben facelo bastante ben porque, de momento, parece que surte efecto.
Vendo a capacidade de atordamento da poboación, un estaría tentado a pensar que se a presión mediática aterradora e culpabilizadora continua coa intensidade destes meses non tardaremos en ver a traballadores con contrato indefinido e salarios medios acudir aos xulgados a autoinculparse por privilexio e inmoralidade.
O certo é que o paquete completo da reforma laboral integral aprobada polo Goberno como Decreto-Lei e que se tramitará de inmediato no Congreso, supón un cambio total de base do modelo de relacións laborais no estado español. Compre dicir con total claridade que non se trata dunha simple reforma laboral, pola contra é unha inversión total do modelo. É unha ruptura das bases do modelo instaurado despois da transición democrática e asentado na constitución, que á súa vez se situaba na lóxica dos modelos de relacións laborais da Europa da posguerra. E iso é así porque non se trata só de reducir as indemnización por despedimento ou a flexibilización interna dos cadros de persoal etc, senón que se fai unha voadura do sistema da negociación colectiva como elemento central das relacións laborais. Permite a fixación unilateral de salarios e instaura o despedimento libre e sen indemnización para a maior parte do tecido empresarial. Facilita o despedimento individual e colectivo por causas económicas en todos os casos, cuns requisitos para acreditar esas causas económicas (tres meses de perdas ou seis meses de caídas de facturación) que son facilmente “pintábeis” co sistema contábel a mercede dos intereses da dirección da empresa. Rompe a unidade da negociación colectiva supraempresarial (sectorial, provincial, autonómica ou estatal). Pon aos sindicatos fóra de xogo á hora de negociar condicións xerais para os diferentes colectivos de traballo. Os ámbitos de negociación e consenso con acordos de obrigado cumprimento parta as empresas redúcense á mínima expresión.
En definitiva, é a voadura dun modelo laboral que, mal que ben e cunha prolongada perda de poder da parte sindical/traballadora, estaba asentado na idea dun certo equilibrio entre o poder discrecional da empresa e os dereitos individuais e colectivos do traballador. Desmonta ese modelo no que os sindicatos e a negociación colectiva eran a peza base das relacións laborais. A idea da negociación e o acordo entre partes cun poder e capacidade negociadora recoñecida, aínda que desigual, abre paso a un mundo no que as empresas teñen marxes de discrecionalidade case absoluta en materia de horarios, asignación de postos, mobilidade entre centros de traballo, fixación de salarios, decisión de despedimento, etc.
É dicir, radicalizando a tendencia dos últimos tempos, consagra un poder absoluto nas mans do empresario e desprové aos traballadores de case todos os seus dereitos colectivos (e, en consecuencia, desarbora tamén os seus dereitos individuais ao facelos inefectivos na práctica).
A cuestión é: e todo iso para que?, cal é o obxecto?
O discurso orquestrado é que se trata dunha reforma necesaria para crear emprego e reducir o paro. Non é preciso, recordar aquí o que desde Keynes todos os economistas saben: que o nivel de emprego ven determinado, non polo mercado laboral, senón pola demanda efectiva e polas oportunidades de investimento, produción e vendas que esta xera. Polo tanto, non é pola reforma laboral que se vai crear emprego. De feito, cando no estado español se crearon varios millóns de postos de traballo foi con ese lexislación e réxime laboral –abondo precario- que agora se quere desmantelar –para precarizalo até o extremo-. Do mesmo xeito que o País Vasco ten unha taxa de paro que é un terzo da media española a pesares de ter un mesmo marco laboral e os salarios máis altos do estado español. A verdadeira diferenza é que o País Vasco tiña e foi consolidando a cada paso un modelo produtivo diferente, con industria, tecnoloxía e coñecemento.
Argúese tamén por parte dos defensores desta reforma que é o que as empresas demandan para saír da crise. O certo é que cando un fala cos directivos das empresas sempre din que ese non é o seu problema neste momento, nin é iso o que lles vai resolver os verdadeiros problemas de viabilidade. Máis aínda, como evidencian os resultados da enquisa de Eurostat en vinte países da UE, as empresas produtivas españolas non ven os salarios e a lexislación laboral como unha limitación para crecer no período 2011-2013. O 87% consideran os seus problemas para crecer derivan da marcha xeral da economía e o 70% consideran que é especificamente a falta de demanda interna e externa a principal limitación.
Non é difícil concluír que, dado que o mercado para o 98% das empresas é o mercado interno, a evolución da súa demanda e as vendas van depender en boa medida da capacidade de compra dos consumidores do país. E a inmensa maioría dos compradores finais son as familias (e o sector público), de xeito que a demanda depende do nivel de ingreso desas familias, é dicir, depende dos salarios, pensións e outros subsidios. Polo tanto, os empresarios da economía produtiva saben –que estúpidos non son- que o seu mercado e o seu futuro depende do nivel de ingresos dos traballadores. Por iso saben que unha estratexia de depresión salarial, como a posta en marcha pola UE e o estado español, conduce á ruína e peche a miles e miles de empresas. Non por culpa de salarios demasiado altos senón por culpa de salarios insuficientes.
Pero e entón, insistimos, cal é o motivo desta reforma precarizadora e depresiva?. Pois o verdadeiro motivo é satisfacer as necesidades da banca. Si, de novo, a banca. E ademais reclama a reforma con urxencia porque quere acelerar o proceso de concentración e reestruturación bancaria. Calcúlase que ao final dese proceso de concentración bancaria van sobrar entre 20-30.000 empregados no sector financeiro. Dado que a vía das xubilacións e pre-xubilacións como mecanismo de axuste xa está practicamente esgotado, a partir de agora “non quedará máis remedio” que recorrer aos despedimentos. Para iso compre que isto sexa máis fácil e máis barato. Os cálculos que se fan no sector é que coa nova norma o sector financeiro reduce os custes, como mínimo, nun 50% con respecto á vía das prexubilacións ou os despedimentos coa lexislación actual. No canto de uns 6.000 millóns para o conxunto do sector financeiro o custe pode quedar nos 3.000 millóns de euros. Ademais, os bancos poderán reorganizar funcional e territorialmente os seus cadros de persoal con total liberdade e, sobre todo, aplicar unha drástica redución salarial para reducir os custes.
Ese é o motivo de curto prazo para a banca. De aí, ademais, a urxencia. Pero a banca busca a deflación salarial a longo prazo no conxunto da economía por outras razóns adicionais. Por un lado, a redución de custes salariais é unha vía de que eles e as demais empresas –sobre todo as cotizadas- poidan repartir dividendos máis substanciosos no futuro, que irán aos bancos e fondos inversionistas; tamén interesa que sexan quen de soportar custes financeiros –xuros- máis elevados. Por outro lado, tamén interesa esa deflación salarial para reducir os custes do sector público e liberar a presión sobre o orzamento a fin de que os gobernos poidan facer fronte con maior soltura e solvencia aos pagos da débeda pública.
Dado que a banca non queda atada á marcha do mercado interior habida conta da súa fluidez e mobilidade a través dos mercados financeiros globais, non se senten especialmente comprometidos coa marcha da economía produtiva do país. Si for ben perfecto pero si non vai a banca pode orientar o seu negocio cara os mercados globais máis rendíbeis en cada momento.
Con estas claves posibelmente podemos entender mellor todo o paquete de reformas que o PP ten en marcha neste momento: a “reforma” financeira, os recortes do gastos público, a “reforma” fiscal e a propia “reforma”/golpe laboral. Todas elas confirman os paquetes centrais da radicalización neoliberal que campa polos seus repetos por toda a Unión Europea desde que se asinou o Pacto polo Euro en 2010 e que o Estado Español aplica como alumno avantaxado ou, mellor dito, castigado. É o gran proxecto da radicalización neoliberal que tenta dar a “puntilla” definitiva ao chamado modelo social europeo, unha guerra social de alcance cuxa primeira batalla empezara coa aprobación do Tratado de Maastricht e o Pacto de Estabilidade e que agora aproveita a crise para dar un paso non definitivo pero si de envergadura.
A grande incógnita –ben incómoda, por certo- é onde están os sindicatos europeos, onde está metida a esquerda europea. É unha auténtica guerra social pero parece non haber ninguén enfronte. Obviamente, a mesma incógnita compre poñela no estado español ou noso país. Afortunadamente, a CIG ten a audacia de lanzar a convocatoria dunha folga xeral en Galiza cara fins de marzo. É unha decisión que demostra clareza de visión da fondura do desafío que están a plantexar as forzas conservadores aquí e no continente. Pero tamén é certo que a envergadura do embate obriga a pensar na necesidade doutra escala á hora de encarar ese batalla. Pero, ao igual que os gregos e portugueses non puideron agardar por ninguén tampouco nós deberiamos facelo.
Nota.-
Artigo publicado o 15 de Febreiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/
[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon