mércores, febreiro 01, 2012

Os traballadores do naval da ría de Ferrol retoman as mobilizacións para pedir carga de traballo ocupando a Casa do Concello


Os traballadores e as traballadoras do naval da ría de Ferrol retomaron esta mañá o calendario de mobilizacións en demanda dunha solución urxente á crise que padece o sector por mor da falta de carga de traballo, ocupando a Casa do Concello, de onde foron desaloxados pola policía local, que non dubidou en utilizar gas pementa para reprimir a protesta laboral. O persoal continuará co calendario de mobilizacións o próximo martes cunha marcha a pé até durante tres días que os levará até as portas de Delegación do Goberno na Coruña.

Miles de operarios/as dos estaleiros da ría de Ferrol retomaron este martes o calendario de mobilizacións en demanda de carga de traballo e a construción do dique flotante cunha multitudinaria manifestación que percorreu as rúas da cidade dende o Esteiro até a Praza de Armas. Alí, os Comités de ambos estaleiros e das empresas auxiliares mantiñan un nova xuntanza co alcalde de Ferrol para trasladarlle as súas demandas e urxir medidas que rematen coa profunda crise que vive o sector naval por mor da falta de carga de traballo.

Unha vez chegados/as á Praza de Armas, ao berro de “queremos traballar e non emigrar” ou “ese dique onde está?”, os/as manifestantes irromperon no interior da Casa do Concello para amosar o seu descontento polo abandono no que as administracións galega e estatal teñen deixado a un sector do que dependen 17.000 empregos na comarca. Ás portas do salón da alcaldía producíronse momentos de tensión entre os manifestantes e a policía, que non dubidou en recorrer ao uso de gas pementa para reprimir a protesta e expulsar aos traballadores/as fóra do edificio municipal.

Accións urxentes

A acción de protesta coincidiu cunha reunión entre o Comité dos estaleiros de Fene e Ferrol e o alcalde da cidade, quen, unha vez máis, reiterou a súa dispoñibilidade aos traballadores/as e a predisposición do goberno de Madrid a atender as demandas do naval, pero pediu tempo para que novo executivo “se asente”. A este respecto, Manel Grandal, voceiro da CIG de Ferrol e membro da Sección Sindical de Navantia, subliñou que o sector non precisa máis de boas palabras nin promesas, senón que é tempo de tomar medidas urxentes, e que agora con gobernos “amigos” na Xunta e Madrid xa non hai escusas para adiar a asignación de partidas orzamentarias que permitan a construción do dique flotante, entre outras accións.

A este respecto, dende a CIG de Ferrol, lembraron que nos próximos meses se fará entrega da última fragata e do buque australiano, polo que a actividade do cadro de persoal da empresa principal quedará moi reducida, coas conseguintes consecuencias para o emprego nas industrias auxiliares. Segundo os cálculos da Sección Sindical da CIG nos estaleiros públicos tan só no primeiro semestre deste 2012 poderían destruírse máis de 1.000 empregos no sector.


O persoal continuará as mobilizacións o martes 7 de febreiro cunha marcha a pé até a Delegación do Goberno na Coruña

Marcha a pé á Coruña

Os traballadores/as de Navantia e das industrias auxiliares continuarán a vindeira semana co calendario de mobilizacións cunha marcha a pé que os levará dende Ferrol até as portas da Delegación do Goberno en Galiza, situada na Coruña. Un grupo de traballadores/as partirá de Ferrol e Fene á primeira hora do martes 7 de febreiro e ten previsto chegar ás aforas da cidade herculina o xoves 9. Alí reuniranse co resto dos traballadores e traballadoras para marchar xuntos e levar as súas demandas até o edificio da Delegación do Goberno.

Fonte: Avantar

Detalle dunha foto de José Pardo

A noticia noutros medios locais:
Os traballadores dos estaleiros plasman a súa crispación na volta ás mobilizacións.
-reportaXe de M.Mayoral-
Diario de Ferrol
O naval de Ferrol clama por traballo e provoca incidentes no concello
A policía disuadiu con gases aos obreiros que intentaron entrar pola forza na alcaldía
-Por Beatriz Couce- | - Vídeo de Manuel Aroyo- | -Álbum fotográfico de José Pardo-
La Voz de Galicia
_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon