As organizacións sindicais convocan mobilizacións en contra dos novos recortes da Xunta para os empregad@s da administración pública.
07.02.2012
CIG, CCOO, UGT e CSI-F non descartan convocar folga en todas as administracións se o Goberno Galego continúa adiante co Anteproxecto de Lei
Representantes de CIG, CCOO, UGT e CSI-F nas diferentes administracións públicas galegas compareceron este martes en rolda de prensa conxunta para anunciar a convocatoria de mobilizacións en contra do Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público que prepara a Xunta. As organizacións sindicais realizarán concentracións todos os xoves de febreiro para amosar o seu rexeitamento a estes novos recortes nas condicións laborais e salariais e non descartan convocar folga en todas as administracións se o Goberno galego non retira este decreto.
De “agresivo e lesivo” cualificaba a voceira da Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración Pública), Maricarme López Santamariña, o contido do Anteproxecto que está a preparar a Xunta de Galiza e que suporá un novo recorte nos dereitos laborais e económicos do conxunto do persoal que presta servizos na Administración Pública. As novas medidas anunciadas a pasada semana pola Consellaría de Facenda, advertiu, suporán afondar no deterioro das condicións laborais para o persoal eventual e interino (ao que a Xunta quere obrigar a reducir un terzo da súa xornada laboral) e unha maior carga de traballo para os empregados/as fixos, xa que non se garante a cobertura das baixas e mantén a taxa de reposición do 0% (agás no ensino, saúde e servizos básicos cunha taxa fixada no 10%).
Alén disto, a Xunta pretende rebaixar os salarios en caso de Incapacidade Temporal (enfermidade común), eliminando o complemento que garantía a remuneración do 100% do salario e só ofrecendo a posibilidade de cobralo a partir do día 21 da IT. Así como reducir tres días de asuntos propios dos nove actuais, mantendo a mesma masa salarial malia incrementarse o número de horas, o que supón unha rebaixa implícita do salario.
Para a voceira da Área Pública da CIG estas medidas só contribuirán a deteriorar a calidade dos servizos públicos básicos e a xerar máis desemprego, ao tempo que afondan na perda de poder adquisitivo das asalariadas e asalariados públicos. Unha vez máis, denunciou, a Xunta de Galiza pretende que “sexan as súas traballadoras e traballadores quen paguen os recortes que a administración vai realizar, segundo a conselleira de Facenda, para cumprir as esixencias de Bruxelas e do estado español”.
Concentracións todos os xoves de febreiro
Fronte a estas medidas, as organizacións sindicais acordaron convocar un calendario de mobilizacións conxunto que se estenderá durante todo o mes de febreiro. A primeira destas protestas terá lugar o vindeiro xoves 9 de febreiro, cunha concentración diante dos edificios da Xunta en San Caetano ás 12:00 horas. Alí, a representación sindical entregará un solicitude conxunta de retirada do Anteproxecto.
Ademais, dende as organizacións sindicais non desbotan a posibilidade de convocar unha xornada de folga en toda a área pública se a Consellaría non muda nas súas intencións e procede á retirada do anteproxecto.
- O 16 de febreiro haberá concentracións por todo o País, diante dos centros de traballo, ás 11:30 horas.
- Mentres que para o xoves 23 de febreiro está previsto realizar concentracións nas sete cidades ás 19:00 horas.
Fonte: Portal Dixital
Documento:
Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público.
______________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon