xoves, febreiro 09, 2012

Esquerda Unida denuncia irregularidades na retirada do fibrocemento na Fábrica de Lápis - Esquerda Unida chama á mobilización social a prol das reivindicacións das tarballadoras e traballadores de Navantia

INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

Ferrol, martes 7 de febreiro de 2012

ESQUERDA UNIDA RECLAMARÁ NA COMPARECENCIA DO RESPONSABLE DA SEPI UN COMPROMISO FIRME NESTE ORZAMENTO PARA FINANCIAR O DIQUE FLOTANTE

ESQUERDA UNIDA AMOSA O SEU APOIO ÁS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLOS TRABALLADORES E TRABALLADORES DOS ESTALEIROS PÚBLICOS DA COMARCA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere manifestar públicamente o seu apoio ás mobilizacións convocadas pola plantilla de traballadoras e traballadores dos estaleiros públicos en defensa da carga de traballo e dos investimentos produtivos necesarios. A marcha a pé a A Coruña é outra chamada de atención aos poderes públicos para que defendan os postos de traballo e a cohesión social da nosa comarca, vencellada de xeito certo ao futuro dos estaleiros públicos. Contemplamos con preocupación a secuencia de xuntanzas nas que os responsables do PP evitan comprometer o seu apoio ás demandas da plantilla.

O Grupo Parlamentar de Esquerda Unida reclamará na Comisión de Industria, Enerxía e Turismo do Congreso dos Deputados un compromiso cos investimentos produtivos do estaleiro, en concreto coa construción do dique flotante, ao presidente da SEPI, que vai comparecer a petición deste Grupo político. Cómpre clarexar xa que vai facer o PP nos vindeiros orzamentos do Estado e a posición de EU é nidia: non vale outra que non sexa xa o financiamento do dique flotante. Todo o demáis supón atacar a liña de flotacións dos estaleiros e da nosa comarca, cando suma xa máis de vinte mil persoas no paro.

Esquerda Unida entende que a urxencia da situación do estaleiro esixe do máximo responsable da SEPI o compromiso de que neste orzamento se acordará a partida económica para construír o dique flotante.


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O INCUMPRIMENTO DAS PRESCRICIÓNS TÉCNICAS ESIXIBLES PARA A DESMONTAXE DOS COMPOSTOS CON AMIANTO

“NON QUEREMOS PRESAS, QUEREMOS CAUTELAS E SEGURIDADE “ SINALA JAVIER GALÁN, “PORQUE SE XOGA COA SAÚDE DAS PERSOAS”

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere denunciar a pasividade da concellería de urbanismo que non está a supervisar a retirada dos elementos da Fábrica de Lápis que conteñen amianto. As fotografías da prensa deixan en claro que non se realiza de xeito correcto a retirada do fibrocemento pola empresa responsable sen que o Goberno Municipal reaccione. Semella que o seu é santificar o que faga o propietario do inmoble, nunha versión perigosa, en termos de saúde laboral, do laissez faire,laissez passer.

Queremos lembrarlle ao Goberno que o artigo 8 do RD 7731997 de 30 de maio, indica con claridade que equipos de protección individual das vías respiratorias hai que empregar nestes casos e os tempos, pausas e tempos totais de traballo diarios que os traballadores poden acometer. As imaxes de prensa publicadas hoxe son elocuentes ao respeito da falla de protección específica en relación ao amianto e incluso da falla de seguridade cando un traballador se atopa nun tellado. Supoñemos que estas situacións deben interesar ao Goberno Municipal, tan interesado el na demolición da Fábrica de Lápis.

Esquerda Unida quere denunciar esta situación e demandar das autoridades municipais un control efectivo deste procedemento. Esiximos que a mesma dilixencia que se tivo para conceder licenza de derribo se teña agora para facer cumprir a legalidade nunha cuestión que ten derivacións e riscos para a saúde pública, en particular para os operarios que traballan na obra. A nosa organización pregúntase cal está a ser o procedemento de retirada do fibrocemento, porque se cadra non é o axeitado. Demandamos información sobre o plan de traballo para coñecer se a retirada se fai de acordo aos protocolos de actuación en vigor. “Non queremos presas, queremos cautelas e seguridade” demanda Javier Galán. O noso Grupo reclama por último que os restos do fibrocemento sexan retirados de xeito hermético para non se espallar no ar, conforme se recolle na normativa en vigor.

Pediamos en xaneiro garantías sobre as medidas adoptadas para a retirada dos elementos de fibrocemento. A contestación a temos hoxe: deixar facer na procura de que se derrube canto antes a Fábrica. Antes que Patrimonio Cultural resolva o recurso de alzada. Pois ben, esa carreira non se pode facer violando a legalidade e poñendo en risco a saúde laboral das persoas. Esquerda Unida esíxelle ao concelleiro de urbanismo que se supervise de xeito estrito o procedemento da retirada do fibrocemento. Xa está ben de compracencias co poderoso, sinala a formación política de esquerdas e ecoloxista.

Esquerda Unida entende que a Inspección de Traballo ten que ocuparse destes incumprimentos da normativa nun tema – o do amianto - de tanto risco e dano na nosa comarca. Pedimos unha intervención que faga respectar á legalidade.

Preguntámoslle ao Goberno Municipal se ten constancia que a empresa encargada desa retirada conste como homologada no RERA e está a cumprir a integridade do preceptuado no RD 396/2006 de 31 de marzo. Queremos que se faga público o estudo que avalía e controla o ambiente no traballo derivado da existencia de amianto. Dese estudo séguese a elaboración dun plan de traballo específico e a implementación dunha vixiancia continua sobre o estado de saúde das e dos traballadores encargados de manipular o fibrocemento. Queremos que se fagan públicos estes documentos, que serven para garantir a seguridade dos traballadores da obra. “Non queremos outro caso Sánchez Aguilera” , sinala Yolanda Díaz.

Grupo Municipal de EU Ferrol


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
8 de fevereiro de 2012 13:56
Prezadas/os amigas/os: achegamos dúas INFORMACIÓNS do Grupo nas que denunciamos as irregularidades na retirada do fibrocemento na Fábrica de Lápis e pedimos a intervención do Goberno Municipal e a da Inspección de Traballo, e unha segunda na que chamamos á mobilización social a prol das reivindicacións da plantilla de Navantia. Saúdos, Ramiro Marier
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon