xoves, febreiro 02, 2012

Valoración dos tres anos de xestión do saínte Xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Luís Verde Remeseiro - Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, diante do cese do Xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Luís Verde Remeseiro, e parte do seu equipo directivo queremos facer unha valoración dos tres anos da súa xestión.

Consideramos que o Sr. Verde Remeseiro non foi un bo xerente para a Sanidade Pública en Ferrol, limitouse a desenvolver os proxectos comprometidos do anterior equipo e a ser un Xerente submiso e obediente o que seguramente lle asegurou o premio de ir destinado a unha Área moito máis grande, a de Santiago, e que leva asociado unha retribución moito máis alta.

O seu balance é negativo e foron tres anos perdidos, para mellorar a calidade asistencial, de xestión e de recursos humanos desta Área Sanitaria.
  • Permitiu que o Hospital Naval quedase sen o investimento dos 63 millóns de euros comprometidos para a súa mellora e posta ó día en tres anos.
  • Permitiu que a Área de Ferrol quedase fóra do Plan de Alta Tecnoloxía do Servizo Galego de Saúde.
  • Baleirou de contido asistencial o Hospital Novoa Santos.
  • Incrementou a derivación de doentes a Centros Concertados e nunca esixiu o cumprimento da Lei de Incompatibilidades.
  • Pechou, desde o mes de xuño, máis camas hospitalarias outras veces e mesmo servizos como unha das plantas de Pediatría que non se pecharan nunca.
  • Consentiu que o Plano Funcional do Complexo cada ano se fose rebaixando na súa contía , pasando a 600.000 euros no 2011 e a 68.000 euros no 2012, quedando por debaixo de Áreas Sanitarias con moita menos poboación.
  • Non foi quen de que se retomase a construción do Centro de Saúde das Somozas, nin de comezar as obras comprometidas no Centro de Saúde de Serantes.
  • Calou diante da non asignación económica nos Orzamentos da Xunta para a construción dos novos Centros de Saúde da Capela, Ares, Cedeira e Narón.
  • No seu mandato foron privatizados o Servizo de Mantemento do Hospital Naval e subministros (almacén) da área sanitaria.
  • Seguen, en varias especialidades, longas listas de espera, que mesmo se viron incrementadas como uroloxía, traumatoloxía é un importante aumento de usuarios derivados a centros concertados de Ferrol e doutras áreas sanitarias.
No apartado de persoal:
  • Non deu cobertura nas baixas, permisos, vacacións, sobrecargando ao persoal con máis traballo do que lles correspondía e indo en detrimento da calidade da asistencia.
  • No verán non se contrataban médicos/as e enfermeiros/as de desprazados nos Centros de Saúde onde se facía.
  • Volveuse aos contratos de luns a venres.
  • Volveuse aos contratos de media xornada.
  • Negábase, de maneira sistemática, dereitos dos/as traballadores/as é incumprindo a súa promesa de poñer en funcionamento unha gardería pública, para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.
En resumo tres anos de retroceso na calidade asistencial na área sanitaria de Ferrol.

Desde a Plataforma queremos denunciar tamén o continuo cambio de Xerentes na Área Sanitaria o que fai difícil planificar un traballo a medio prazo.

Agardamos que o novo xerente da Área Sanitaria, Angel Facio Villanueva, non siga as directrices do anterior e sexa un defensor dos intereses da Sanidade Pública, non sexa submiso coa Consellería de Sanidade e pelexe por que a Área Sanitaria de Ferrol non sufra a discriminación á que estivo sometida estes últimos tres anos.

Ferrol, a 1 de febreiro de 2012.

Asdo./ Xosé Miguel López e Lois Méndez, portavoces da Pdspf

plataformadspferrol@gmail.com

http://plataformadspferrol.blogspot.com/

http://www.sos-sanidadepublica.org/
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon