venres, marzo 16, 2012

Delegados e delegadas da CIG, pecharon-se no Pazo Municipal de Ferrol, dentro da campaña preparatoria da Folga Xeral do 29M, esixindo a retirada da Reforma Laboral aprobada polo goberno dereitista do PP, e medidas urxentes para a recuperación da Comarca - Fotos


Delegad@s da CIG de Ferrol péchanse no Concello para esixir a retirada da reforma laboral e medidas urxentes para a comarca - Mantiveron un encontro co alcalde da cidade, ao que pediron que condene as políticas de recortes aprobadas polos Gobernos galego e español

Arredor duns 50 delegados e delegadas da CIG de Ferrol iniciaron este mediodía un peche na Casa do Concello en protesta polas medidas contra a clase traballadora aplicadas polos gobernos galego e español –nomeadamente á lesiva reforma laboral-, así como demandar actuacións e medidas urxentes de carácter socioeconómico para reactivar os sectores produtivos da comarca e garantir uns servizos públicos gratuítos e de calidade.

Nunha nova xornada de loita de rexeitamento á batería de medidas contra a maioría social que os Gobernos do PP de Galiza e o estado están a levar a cabo, uns 50 delegados e delegadas da CIG de Ferrol pecháronse no interior do Concello para esixir un cambio de rumbo nas políticas económicas e sociais. Segundo explicaba durante o peche un dos voceiros da Unión Comarcal, Xesús Anxo López Pintos, unha representación sindical xa mantivo un encontro co alcalde da cidade, Xosé Manuel Rei, a quen tamén entregaron un escrito coas principais demandas da central.

[Foto de Avantar - Ocupa Concello Ferrol - 15.03.2012]

Así, indicou Pintos, esixíronlle ao alcalde que condene as políticas que están a facer os gobernos do PP en Madrid e na Xunta e que supoñen un ataque sen precedentes contra a maioría social. Especialmente no caso da reforma laboral, que rouba todos os dereitos á clase obreira e “nos ameaza con meternos na pobreza e a emigración”. Por iso mesmo, durante o peche, os delegados/as da CIG fixeron un chamamento á participar na folga xeral do 29 de Marzo en defensa dos intereses da clase traballadora.

Do mesmo xeito, a CIG de Ferrol reclamou ao rexedor local que esixa tanto do estado como da Xunta medidas para salvar o sector naval da comarca, actuacións para o saneamento e rexeneración da ría -que continúa a ser a máis contaminada de Galiza-, que se poña freo á privatización dos servizos públicos (como no caso da privatización da xestión do centro de educación especial Souto de Leixa) e se garanta o acceso e a calidade de servizos básicos como a sanidade. A este respecto, Pintos criticou o peche do consultorio da Graña, que o Sergas, aproveitando unha sentenza xudicial, decidiu clausurar a pesar de dar servizo a máis de 800 usuari@s, a maioría persoas con máis de 65 anos.

Ademais, a CIG de Ferrol tamén demandou ao alcalde que deixe sen aplicación a recentemente aprobada Lei de Medidas Urxentes do Emprego Público e que, na súa calidade de Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, inste a todos os concellos do País a non adoptar ningunha desas lesivas medidas.

Fonte: Avantar

Galería de Fotos de Susete'70

Información baseada na enviada por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
15 de março de 2012 22:11
___________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon