Hoxe quedou visto para sentenza o xuízo celebrado no Xulgado do Penal nº 2 de Ferrol, contra 8 mariscadores da Confraría de Ferrol, acusados de coaccións e desobediencia á autoridade, polos feitos ocorridos no porto de Ferrol e na boca da Ría, con motivo da entrada do Galicia Spirit, cargado de GNL para a Planta de Gas de Reganosa, os días 7, 8 e 9 de maio do 2007.
Finalizadas as dúas sesións do xuízo, xoves 22 e luns 26 de Marzo de 2012, tras as declaracións dos inculpados, das testemuñas da acusación e das testemuñas da defensa, a Fiscalía pide para un dos imputados a absolución e rebaixa á metade a petición inicial de condena para os restantes (18 meses para Bernardo Bastida, expatron maior, e 12 meses para os outros seis). As ben argumentadas conclusións da defensa (Sres. Nemesio Barxa e Jesús Porta) solicitan a absolución.
Na vista de hoxe, unha decena de membros do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE) que interviñeron como testemuñas da defensa, xunto con outros membros da Confraría, deixaron ben claro nas súas testificacións o seguinte:
Que os mariscadores asistiron ás mobilizacións, convocados polo CCE, xunto con máis dun centenar de persoas que non foron procesadas a pesar de ser recoñecibles, moitas delas, nos vídeos e fotos achegadas pola Garda Civil e de autoinculparse unha boa parte delas.
Que as decisións de mobilización correspondían á Asemblea Cidadá, adoptándose por maioría dos seus membros, e as cuestións puntuais decidíaas o entón Coordinador de CCE o querido compañeiro Carmelo Teixeiro.
Que o obxecto da mobilización pretendía romper o silencio informativo (os Muros de Silencio) e chamar a atención sobre as ilegalidades cometidas na instalación da Planta de Gas de Reganosa no interior da Ría de Ferrol, que carece de Declaración de Impacto Ambiental segundo testemuñan dúas Sentenzas do TSXG.
Que non cumpre as distancias legais da instalación e dos gaseros cargados ás poboacións máis próximas, nin a normativa de emerxencia.
Que o sistema de regasificación vulnera as cláusulas de autorización, danando gravisimamente o ecosistema da Ría, fonte de vida e de traballo de moitos centos de persoas.
Que o Galicia Spirit pasaba da capacidade autorizada, incrementando o xa perigoso tránsito pola canle da Ría e a proximidade das vivendas.
Que o lema que inspirou e segue inspirando a este CCE é: “Na defensa dá vida, dá legalidade e dá Ría” exercendo sempre os dereitos democráticos contra unha instalación ilegal, perigosa, que destrúe a ría e a súa riqueza ecolóxica e de fonte de traballo, unha Planta de Gas situada indebidamente en base a unha estafa continuada. Un caso de corrupción político-financeira para o enriquecemento duns poucos.
Que nunca outros actos de protesta nas que tomaron parte o colectivo de mariscadores foron levados aos tribunais e que isto sucede no presente pola afectación da ilegal Reganosa.
Á espera dunha xusta sentenza de absolución, reafirmámonos - hoxe como estes últimos 12 anos -, PLANTA DE GAS FORA DÁ RIA.
Ferrol, 26 de marzo de 2012
- POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
- CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
- PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
27 de março de 2012 01:17
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon