Por Amadeo Varela [*]
06.04.2012
Unha das cousas que máis me impresionaron de neno, cando estudaba a Historia de España, foi o episodio da “Campana de Huesca”, segundo o que, o Rei de Aragón, Ramiro II “El Monje”, para reprimir unha revolta dalgúns dos seus nobres, ameazou con facer unha campá que se oíse en todos os recunchos do reino. A sonora campá foi feita coas cabezas dos revoltosos dispostas en círculo coa do máis destacado no centro, a xeito de badalo. Parece que isto sucedeu aló polo século XI, pero o sistema está aínda hoxe totalmente vixente. É dicir, cando xurde unha protesta contra o poder establecido, sexa cal sexa a súa entidade ou categoría, a solución normalmente empregada é sempre a mesma: “cortar” unhas poucas cabezas, entre elas a do “reivindicador” máis destacado. Así se fixo e se fai en procesos anti-dictatoriales e anti-caciquiles, ou en conflitos nas empresas, utilizando o despido de traballadores como medio disuasorio, sen que o método varíe moito dun a outro país, dunha a outra empresa ou dunha a outra situación política, aínda que pode ser distinta a intensidade da represión.
Algo disto é o que está a ocorrer cos mariscadores da ría de Ferrol, cos que se quere facer unha campá, cuxo badalo non sería outro que o expatrón da confraría Bernardo Bastida. Non sei cal será o desenlace deste “folletón” barato que se pretende montar, dicindo que uns pequenos barquiños marisqueiros impediron a entrada na ría dun monstruoso gaseiro. ¿É posible que alguén poda crer que ao gaseiro lle foi impedida a entrada? É como se dixéramos que unhas poucas pulgas impediron a entrada do raposo no galiñeiro. Outra cousa é desobedecer as ordes das autoridades, ordes que puideran non ser ben escoitadas ou ben interpretadas nun momento de grande confusión e excitación xeral. E todo iso sen entrar a discutir (porque non o permiten) a lexitimidade dunhas ordes que naquelas circunstancias poderían ser cualificadas como absurdas e sen sentido, xa que as forzas da orden público deben estar para defender aos cidadáns e non aos intereses privados de empresarios ou políticos. Porque non se trataba de terroristas, senón de cidadáns aterrorizados, ante a ameaza de perder o seu medio de vida e, se cadra, a vida mesma, pois non hai que esquecer a ameaza latente que representa a planta de gas de Mugardos.
A non entrada do gaseiro sirve agora para tentar de escarmentar a toda a cidadanía cunha especie de “campana de Huesca”, xa que co castigo a Bastida e a uns poucos mariscadores castigaríase tamén a todos aqueles opositores a esa decisión tan inxusta como ilegal de situar a nefasta planta gasística no lugar que agora ocupa.
A pesar de todo, pase o que pase, eu seguirei berrando: “Planta de Gas - Fora da Ría”.

_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon