venres, maio 25, 2012

O BNG avoga por unha resposta comarcal contundente fronte aos incumprimentos do PP co sector naval

Tags

Queremos e Sabemos facer Barcos

Nen resultados no tocante á construción do dique frotante –máis ben, cuestionamento oficial do mesmo– nen compromisos concretos a respecto da carga de traballo, nen oficialización das negociacións para o levantamento do veto. As cuestións básicas das que debería de facerse cargo onte a SEPI  volveron quedar pendentes na visita do presidente a Ferrol; evidenciando de novo a actitude fraudulenta, enganosa e ofensiva do goberno do Estado coa nosa comarca.

Unha visita que lembra máis ás viaxes dos gobernantes da metrópole ás súas colonias, e que tivo ao PP da comarca – na persoa do alcalde de Ferrol – ao perfecto colonizado que, en troques de situarse do lado das demandas da cidadanía (que son as que tiña por mandato plenario da súa corporación) o que fixo foi xustificar, mesmo dun xeito esperpéntico, a falta de compromiso do goberno do estado coa comarca. Unido, claro, á falta de altura institucional e mesmo dos mínimos no tocante ás normas de educación demostrada polo alcalde de Ferrol na (non)convocatoria dos alcaldes para a devandita reunión.

Evidénciase –como xá diciamos desde o BNG no momento das “declaracións institucionais” do pasado 26 de Abril- que se trataba dunha nova manobra de confusionismo para eludir os verdadeiros compromisos; tentando construir unha falsa unidade que non se utiliza para forzar solucións políticas dos gobernos responsábeis coas demandas da comarca, senón precisamente para seguir narcotizando á sociedade comarcal.

Responsabilidades políticas

Nese sentido, entendemos que o acontecido onte supón un punto de inflexión a respecto das demandas da comarca e, nomeadamente, sobre as solucións pendentes para o sector naval. O BNG non acredita no mantemento de falsos procesos de unidade –nen en declaracións, nen en mobilizacións– que sitúan o escenario na suposta “demanda de solucións” para a comarca, cando o momento no que estamos é o de pedir responsabilidades polo incumprimento.

Por iso, desde o BNG comarcal avogamos por unha resposta urxente e contundente fronte aos incumprimentos do PP coa comarca. É hora de abandonar o cortexo procesional –que agora xá se mostra claramente dirixido ao enterro da economía comarcal– e facer da mobilización social un instrumento para desenmascarar aos oficiantes do funeral, e tamén aos monaguillos. Ferrolterra merece respecto.

Ferrolterra, 24 de maio de 2012.


Web BNG Ferrolterra:

http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/ferrolterra/seccions/portada

Enviado por:
Novas BNG Comarca Ferrolterra
-sedenacional@bng-galiza.org-
25 de maio de 2012 03:03
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon