Ferrol, 15 de maio de 2012. A maioría do PP no Congreso dos Deputados rexeitou, nos debates producidos en comisión a pasada semana, as emendas presentadas polo BNG aos orzamentos xerais do estado para o presente ano. Entre estas enmendas votadas negativamente polo PP figuran o dique flotante, o saneamento da ría ou a mellora da liña ferroviaria Ferrol-A Coruña.
As emendas presentadas polo BNG, referentes primordialmente á nosa comarca, foron as seguintes:
- SEPI-NAVANTIA: Construción dique frotante en Ferrol. 125 millóns.
- MEDIO AMBIENTE: Colector Xeral de Ferrol. 26 millóns.
- FACENDA E ADM. PÚBLICA: Compensación ao concello de Ferrol polas instalacións de defensa. 1,5 millóns.
- FOMENTO-FERROCARRIL: Conexión ferroviaria co porto exterior. 1 millón.
- FOMENTO-FERROCARRIL: Eixo atlántico, tramo Ferrol-A Coruña. 10 millóns.
- EDUCACIÓN, CULTURA E DEPORTE: Convenio concello de S. Sadurniño para equipamento do Pazo da Marquesa. 500.000 euros.
- Emenda 2708: Reactivación económica comarcas mineiras do carbón. 50 millóns de euros.
- Emenda 2710: a Galicia para Programa especial de reactivación económica das comarcas mineiras do carbón. 40 millóns de euros.
A actitude do PP é reveladora dun dobre xogo –criticado desde hai moito tempo polo BNG– no que este partido fica instalado a respecto das necesidades urxentes da comarca, asumindo un discurso de defensa dalgunhas delas no ámbito comarcal; e rexeitandoas logo desde os ámbitos dos gobernos –central e galego– nos que exercen as súas responsabilidades.
Especialmente grave –polo que ten de auténtico fraude ao conxunto da sociedade comarcal– resulta o rexeitamento da emenda na que se demandaba un orzamento de 125 millóns de euros para a construción do dique frotante para Navantia; rexeitamento que o PP non ten rubor en certificar mesmo cando aínda está pendente a reunión pendente de celebrar coa SEPI por parte dos axentes sociais, sindicais, empresarias, políticos e institucionais da nosa comarca.
Outro tanto habería que comentar ao respecto do colector xeral do saneamento da ria, que non dispón no proxecto de OXE de cantidade algunha para o presente exercicio (sí previsións para 2013 e 2014 ); mentras que se inclúen previsións de investimento para o presente ano nunha cantidade moi pequena – 2,7 millóns de euros – a desenvolver por AQUANORTE (sociedade en fase de liquidación); nun proceso fraudulento ao que agora se pretende vincular aos concellos de Ferrol e Narón para que aporten fondos das arcas municipais a un proxecto que non é da súa competencia.
Web BNG Ferrolterra:
http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/ferrolterra/seccions/portada
Enviado por:
Novas BNG Comarca Ferrolterra
-sedenacional@bng-galiza.org-
16 de maio de 2012 03:07
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon