mércores, maio 16, 2012

Documental VENCEREMOS NÓS | a represión ao metal e o proceso a Antolín Alcántara


Breve documental que recolle esceas de arquivo da represión policial e gobernamental á folga do metal da provincia de Pontevedra en 2009, así como a situación actual do proceso xudicial contra Antolín Alcántara, secretario confederal de negociación colectiva da CIG, ao que a fiscalía prentende enviar ao cárcere en base aos sucesos de 2009.



Manteñen petición de cadea para Alcántara ao remate do xuízo pola folga do metal de 2009 malia non probarse a autoría dos feitos

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG recibiu o apoio e a solidariedade dos seus compañeiros/as ás portas dos xulgados de Vigo.
A Fiscalía decidiu manter a petición de prisión para o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG ao remate do xuízo celebrado este martes en Vigo a pesar de que non quedou acreditada a autoría dos feitos polos que se lle acusa, xunto a outras dúas persoas, de desordes públicos e danos durante a ocupación da estación marítima na folga do metal de 2009. Antolín Alcántara recibiu o apoio e a solidariedade dun nutrido grupo de compañeiros/as da central nacionalista, que se concentraron ás portas dos xulgados para reclamar a súa absolución.

Aínda que rebaixou a proposta inicial case á metade, o fiscal decidiu manter as petición de prisión para o dirixente da CIG e para o secretario comarcal do Metal de CCOO, Ramón Sarmiento, mentres que optou por retirar a acusación contra a ex responsábel de prensa do sindicato nacionalista na cidade, a quen a propia xuíza lle comunicou a súa absolución.

Pola contra, para Alcántara o Ministerio Fiscal pediu dous anos e medio -un e medio por desordes públicos e un por danos- e unha sanción económica duns 5.500 euros (12 meses a razón de 15 euros diarios, mentres que a petición inicial elevábase até os 18 meses). No caso de Sarmiento a petición de cadea quedou en dous anos, un por desordes e outro por danos, e unha multa do mesmo importe.

Un nutrido grupo de responsábeis e delegados/as da CIG concentráronse dende media hora antes do inicio da sesión -prevista para as 9.00 horas- ás portas dun edificio xudicial custodiado no seu acceso principal por máis de 20 axentes da Policía española. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o responsábel do sindicato na comarca, Serafín Otero, acompañaron a Alcántara ao interior dos xulgados mentres era despedido con berros de ánimo e aplausos.

Durante a sesión reproducíronse as imaxes captadas polas cámaras de seguridade da Autoridade Portuaria, nas que en ningún momento se observa a rotura da porta de acceso á estación marítima, e compareceron máis dunha ducia de testemuñas, entre gardas civís, policías e xornalistas.

Refuxiarse na estación marítima

Tampouco quedou probado que a intención dos folguistas fose ocupar a estación marítima e mesmo acceder a un cruceiro que se atopaba neses momentos atracando, tal e como sostivo o fiscal no seu alegato. Ben ao contrario, xa que o seu plan pasaba por realizar unha asemblea no acceso ao centro comercial que hai na zona para visibilizar o conflito diante dos turistas, “pero unha carga policial partiu o grupo en dous e unha parte correu a refuxiarse onde primeiro atopou”, tal e como explicaron os acusados no xuízo.

Ao remate da sesión, o secretario xeral da CIG dirixiuse ás persoas que agardaban á saída cinco horas despois para agradecerlles a súa solidariedade co compañeiro procesado e denunciar a actitude da Fiscalía e da propia xuíza. Suso Seixo criticou a dureza con que se persegue ás persoas que salientan polo seu compromiso cos dereitos da maioría social, “mentres se fai a vista gorda cos especuladores que causaron a crise ou cos empresarios que vulneran cada día dereitos fundamentais dos traballadores/as”.

Fonte: Avantar

Enlace relacionado:
http://www.galizacig.com/avantar/novas/15-5-2012/mantenen-peticion-de-cadea-para-alcantara-ao-remate-do-xuizo-pola-folga-do-metal-de-
___________________

1 comentarios so far

Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon