venres, xuño 15, 2012

A Executiva Confederal da CIG acorda iniciar unha campaña de mobilizacións contra a estafa do Rescate - Concentracións o Venres 15 de Xuño - En Ferrol ás 11:45 horas, diante do edificio da Xunta, na Praza Amada García

Convoca concentracións en todas as comarcas para o vindeiro venres, día 15 de xuño, e manifestación o día 1 de xullo

A Executiva Confederal da CIG reunida este luns, acordou pór en marcha unha campaña de información, sensibilización e de mobilizacións ante o anuncio do rescate do sector financeiro por uns 100.000 millóns de euros. A campaña consistirá na convocatoria de actos nas empresas e na vía pública, xunto coa convocatoria de concentracións de delegados/as en todas as cidades o vindeiro venres, día 15 de xuño, e de  manifestacións nas sete comarcas de Galiza, o día 1 de xullo, para denunciar “o saqueo dos gobernos e da banca á clase traballadora”.

Para a Executiva Confederal da CIG, o rescate suporá a transferencia da débeda dos bancos ao sector público, porque o Fondo de Estabilidade Europeo a quen lle presta os cartos, realmente, é ao FROB. Isto terá como consecuencia un incremento significativo do déficit e da débeda pública e levará aparellada a exixencia de novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora, da maioría social, hipotecando, ademais, o futuro da nosa mocidade.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que a situación na que se atopa o estado español, non se debe a que houbera moita débeda pública, senón á débeda privada, nomeadamente á que foron contraendo as entidades financeiras españolas con entidades financeiras dos países europeos, fundamentalmente con Alemaña.

Unha débeda moi vinculada á burbulla inmobiliaria, por teren concedido créditos de forma xeneralizada a irresponsábel, e incrementada por mor da súa posta en circulación nos mercados especulativos. “Un enorme burato negro que teñen que pagar nos próximos meses e para o que non teñen recursos.  Por iso, agora o Estado ten solicitar este préstamo ao FEE,  para garantir que os bancos poden pagar ás entidades financeiras europeas, e se eles non poden, teñen a garantía de que a débeda a asumirá o Estado”.

Seixo afirma que a situación derivada da decisión de solicitar o rescate “é gravísima” e alerta de que non vai garantir que flúa o crédito á pequena e mediana empresa, nin axudar a reactivar a economía e crear emprego. “Son cartos que van destinados unicamente a pagar os pufos que a banca española ten contraídos coa banca alemá. Vai agravar aínda máis a situación, non vai favorecer a recuperación económica e tampouco á creación de emprego. Terá consecuencias directas nas condicións de vida das persoas, rebaixará máis as condicións salariais e  provocará un empeoramento da calidade dos servizos públicos”.

Ante esta situación a CIG acordou promover mobilizacións para denunciar o saqueo dos bancos e dos gobernos á clase traballadora; denunciar aos responsábeis da crise; exixir responsabilidades e demandar que o estado non pague a débeda ilexítima, consecuencia da especulación. As concentracións de delegados serán o 15 de xuño en todas as comarcas e convocaranse manifestacións nas sete cidades o 1 de xullo.

Horarios e lugares das concentracións xa confirmados:
  • A Coruña: ás 12:00 horas diante do edificio do Banco de España (r/ Durán Loriga).
  • Lugo: ás 12:30 horas diante da oficina de Bankia.
  • Burela: ás 12:00 horas diante da oficina de Bankia (r/ Castelao, 1º).
  • O Barco: ás 20:00 horas diante do Concello.
  • Compostela: ás 12:00 horas, na Praza de Galiza.
  • Ferrol: ás 11:45 horas, diante do edificio da Xunta, na Praza de España
  • Ourense: ás 11:30, diante da oficina de bankia, na rúa Diagonal.
  • Pontevedra: ás 12:00 horas, diante da ofina de Bancaja, na rúa Rosalía de Castro (onde está a Audiencia Provincial)
  • Vigo: ás 12:00 horas, no cruce de Colón con García Barbón
Confederación Intersindical Galega - CIG
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon